Resultado de imaxes para francotirador terrasa armas pedro sanchezO arsenal intervido polos Mossos ao francotirador franquista que quería matar a Sánchez. MOSSOS D´ESQUADRA

 

Primeiro, pasaron 14 horas desde que estourou a exclusiva do xornal Público antes de a Audiencia Nacional negar rotundamente ter coñecemento ningún de que un vixiante privado franquista, con licenza de armas e longa práctica de tiro olímpico, fora detido mes e medio antes cun arsenal de armas longas e de guerra despois de buscar cómplices para asasinar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Despois, decorreron outras 24 horas desde ese desmentido incríbel -pois supuña ou ben a máis grave descoordinación da Fiscalía que se coñeceu en España ou unha irresponsabilidade temeraria por parte dos fiscais e xuíces implicados no caso en Terrassa (Barcelona)- até a propia Audiencia Nacional volver a porse en contacto co medio ao que comunicara o seu desmentido inicial para retractarse en todo: non só coñeceu perfectamente o asunto desde o primerísimo momento, senón que mesmo o debateron e valoraron tanto os procuradores do alto tribunal como un dos seus maxistrados máis veteranos, con 16 anos de experiencia nesa instancia xudicial.

Resultado de imaxes para francotirador terrasa armas pedro sanchez

 

E, nesas 24 horas, practicamente a totalidade dos medios de comunicación, comentaristas e tertulianos deron por bo o falso desmentido da Audiencia e puxeron no pelouriño o xornal Público, cuxa información incluía literalmente este parágrafo:

“Canto ás dilixencias xudiciais, pasaron do Xulgado de Garda -número 2 de Terrassa, nese día- ao de Instrución Nº3 porque a Audiencia Nacional rexeitou o caso, considerando que non se trataba dunha ameaza terrorista, senón meramente unha “proposición de homicidio de autoridade”, con “tenencia ilícita” dun “depósito de armas””.

O único erro dese parágrafo era que o xulgado de garda nese día era o 4, e non o 2. E a única outra imprecisión nesa longa exclusiva, con innumerabeis pormenores correctos do caso, era atribuír 63 anos de idade ao detido -Manuel Murillo Sánchez-, cando en realidade ten 62 anos. Ambos os fallos, atribuíbeis á memorización dos feitos polas fontes empregadas polo diario para desentrañar un caso que fora mantido en absoluto segredo durante 50 días.

A Audiencia Provincial ditamina un “delito de conspiración para cometer atentado contra o Xefe do Goberno español”
No entanto, o fraudulento desmentido da Audiencia levou á interpretación xeneralizada de que o feito non era tan grave como se pintaba, porque supostamente nin os Mossos, nin os fiscais nin o xuíz sequera se deran ao traballo de comunicalo a ese tribunal, ao que competen todos os actos de terrorismo. Conclusión que foi difundida amplamente sen que se examinase o auto da Audiencia Provincial de Barcelona que confirmou tres días antes a prisión incondicional de Murillo por estar imputado de “un delito de conspiración para cometer atentado contra o Xefe do Goberno español e dun delito de tenza ilícita e depósito de armas, municións e explosivos”:

Fragmento do auto dos maxistrados da Audiencia Provincial de Barcelona que confirmou a prisión sen fianza do francotirador franquista que quería asasinar a Pedro Sánchez.

Nese auto, os tres maxistrados da Sección Décima da Audiencia Provincial de Barcelona constatan, aliás, que non tivo dúbida o instrutor da seriedade do propósito do investigado de levar a efecto o crime planexado polo mesmo, propondo o modo de levalo a cabo, o material co que conta para iso, as súas habilidades como tirador, o certeiro que sería para privar da vida o seu obxectivo, solicitando só para asegurar o seu propósito información sobre o momento e o lugar en que se realizaría”.

Resultado de imaxes para francotirador terrasa armas pedro sanchez

 

Así que a gravidade do caso era máis que evidente, segundo polo menos catro xuíces (o instrutor e o tres que subscriben o auto), e portanto sería igualmente moi grave que non se tivese informado diso a Audiencia Nacional. Tamén a policía autonómica encarregada das investigacións policiais, na súa conferencia de prensa para confirmar a exclusiva do xornal Público, constatou que o acusado tiña a “clara vontade” de atentar contra o presidente, así como o armamento, a experiencia como tirador e “un claro compromiso e convencemento” de que podía matar Pedro Sánchez.

Como se podía entender, pois, que os investigadores policiais, procuradores e xudiciais non alertasen, ningún, á Audiencia Nacional? Pois así o asumiron todos os xornalistas e observadores, salvo os autores da exclusiva, cuxas fontes seguían insistindo en que todo iso se presentou ao alto tribunal mais este rexeitou o caso.

Os protestos de ignorancia da Audiencia causaron estupefacción entre letrados, fiscais, xuristas e maxistrados
Nesas 24 horas, letrados, fiscais, xuristas e maxistrados expresáronnos unanimemente a súa incredulidade e desconcerto fronte aos protestos de ignorancia da Audiencia. Así como a súa sorpresa de que se pretendese demostrar ese descoñecemento pola ausencia de dilixencias ou comunicacións por escrito de Terrassa a Madrid, xa que neses casos as consultas son sempre telefónicas para acelerar a tomada de decisións sobre dilixencias urxentes.

“Cando iso facémolo os xuíces, tamén o facemos por teléfono”, explicábanos un veterano maxistrado. “Porque, ademais, se tes un preso é unha lea, xa que hai decidir de inmediato se se envía a un centro penal local ou a outro en Madrid. O normal é que se pida ao xuíz garda alí que consulte cos seus, se van a aceptar o caso e como o ven”.

“E as consultas son telefónicas entre fiscais mesmo para cousas máis leves. Mais cando ves que pode afectar toda España, por exemplo estafas que poden ser cousa da [Audiencia] Nacional? Entón, efectivamente, antes de tomar unha decisión evidentemente si que necesitas esa opinión”.

O normal é que sexa Fiscalía a que se faga cargo da comunicación, agrega un letrado, “porque si que é verdade que teñen unha unidade e unha hierarquía que a obriga a coordinar. Mais, vaia, aínda que só sexa para informarse mutuamente. E nun caso así é imposíbel que iso non leve un ‘visto’ de alguén superior ao fiscal xefe de Terrassa”.

Mais ese “visto e prace” non se dá por escrito, porque a necesaria celeridade obriga a prescindir dos trámites formais e “só se me ocorre que se presentase a consulta por escrito no caso de un fiscal ter problemas co seu xefe e querer gardar as costas”, subliña un procurador bregado en casos complexos.

“Formalmente, non temos obrigación de consultar… mais, imos ver: Ti, nun caso tan excepcional por suposto que necesitas de entrada o visto e prace do teu xefe. E dislle: “Teño isto, pido prisión?” Por suposto! E pregúntaslle: que máis facemos?… Mesmo “que nivel de información damos?” E iso xa pon en danza portavoces e xefes. É pouco verosímil que o procurador que está de garda en Terrassa!… É que non é só por precaución, senón tamén por lealdade institucional. Ti imaxinas que a Procuradora Xeral do Estado, ou sen máis os seus xefes directos, se enteire pola prensa de que tivemos un intento de asasinato do presidente?… e con armas de guerra!!!”

A “unidade de acción” prioritaria na Fiscalía obriga a consultas continuas para asegurar a coordinación
Fontes da Procuradoría Xeral do Estado, recoñeceron ao xornal Público que nesa institución é fundamental “a unidade de acción”, polo que calquera dúbida que tiver un fiscal sobre a que órgao corresponde a competencia dun caso concreto expona de inmediato aos seus superiores hierárquicos, ao Consello Fiscal correspondente ou á Fiscalía Técnica. En calquera caso a coordinación entre todos os graos da Fiscalía é prioritaria.

Así que todo procurador ten o deber hierárquico de informar os seus superiores de calquera caso relevante, por lealdade institucional, e certamente ao fiscal que lle tocou o do francotirador franquista disposto a cometer unha magnicidio nunca lle caeu nas mans un caso tan relevante.

“Levo 20 anos facendo gardas con diversos procuradores”, conta un xuíz de provincias, e non imaxino nin un que, tendo semellante caso, non telefone de inmediato o seu xefe e lle diga: “Espero ordes”. Porque isto non é ningunha parvada. É tan sumamente excepcional que son eles, os xefes, os que teñen que expor esa competencia ou non. Porque, salvando as distancias, é o mesmo conflito que o da competencia da [Audiencia] Nacional no delito de rebelión, xa que é o tribunal competente ante ameazas aos altos organismos da nación. E como vai a excluírse diso a Presidencia do Consello de Ministros?”

Entre todos os xuristas consultados, o veredito é unánime: nun caso de conspiración para atentar contra unha autoridade que é, nin máis nin menos, o presidente do Goberno, non pode restar dúbida a ningunha autoridade xudicial de que é competencia da Audiencia Nacional.

Máis aínda, apunta outra maxistrada, “deteñen pola suposta intención de “subverter a orde constitucional” xente que en realidade non pode subvertela de ningunha maneira. En troca, este quería matar Pedro Sánchez porque ía tirar Franco do Val dos Caídos. E iso si que é subverter a orde constitucional: pretender voltar ao franquismo ou ao enaltecemento da ditadura”.

Así que esas 24 horas de falsos protestos de ignorancia sementaron a estupefacción entre avogados, xuíces e procuradores. Máis aínda cando a Procuradoría da Audiencia Nacional afirmou que non elaborara informe algún sobre o francotirador supostamente porque nin os Mossos nin o xuíz transferiran o procedemento para que informase respecto diso, mais que unha vez coñecendo o asunto “evita polo momento pronunciarse sobre a natureza dos feitos sen prexuízo de poder facelo nun futuro”.

A realidade era todo o contrario da versión inicial que difundiu a Audiencia Nacional

Ora ben, cando a Audiencia Nacional pasou de finxir descoñecemento a admitir todo o contrario, o shock foi sísmico:

Non só foron puntualmente informados tanto o tribunal como a Procuradoría, senón que o maxistrado Fernando Andreu debateu o tema co xuíz de garda en Terrassa e os dous acordaron que era a Fiscalía quen tiña de resolver o caso, así que para esta decidir pasárono á institución que mes e medio máis tarde aseveraba non ter sabido nunca nada do asunto.

A verdade, pois, foi que os fiscais de garda que estaban en Terrasa e os que estaban na Audiencia Nacional mantiveron varias comunicacións e que despois de consultaren coa xefatura da Fiscalía da Audiencia Nacional decidiron que o caso non era da súa competencia e que por tanto a Audiencia Nacional non era competente para indagar os feitos. Ergo, estiveran mentindo á cidadanía durante 24 horas. Evidentemente, a propósito.

Ademais, para tirar de encima toda responsabilidade, o tribunal subliñou que “en calquera caso era potestade do xuíz de Terrassa decidir se consideraba o caso como terrorismo e en ningún momento se inhibiu para que o caso fose asumido pola Audiencia Nacional”.

Isto último xa roza o ridículo. Que un xuíz de instrución de provincias sexa quen ten a última palabra, cando debate cun veterano maxistrado da Audiencia Nacional, sobre quen é competente para instruír unha ameaza de magnicidio -que ademais é extraterritorial, posto que o complot se efectúa en Catalunya mais o alvo está en Madrid- é máis que absurdo. É un despropósito.

“Iso non é así nin en soños”, afirma o maxistrado máis veterano dos consultados. “Aí hai unha relación patrón-mariñeiro. Aínda que formalmente o xuíz de Terrassa é independente, é o da Audiencia o que argumenta que non é terrorismo e el, convencido ou non, fica co caso”.

Ora ben, por que tanto empeño en non asumir o primeiro caso serio de lobo solitario que padecemos en España? Por que negaron ter coñecemento dos feitos, como envergoñados de teren rexeitado o asunto? E por que se insiste en que un ultrafranquista, atirador adestrado e equipado con armas de guerra, non é terrorista aínda que estivese a planexar asasinar o presidente do Goberno?

A Audiencia Nacional ten moitas cousas que explicar á cidadanía.

Actualizado: 12/11/2018 09:30

carlos enrique bayo / patricia lópez
@tableroglobal@patricialopezl

Público