Yuaci, un mozo tinerfeño de 35 anos, morreu o pasado sábado oito de xaneiro na súa cela do centro prisional Tenerife II.

.

Yuaci, el joven fallecido en la prisión Tenerife II. /

 

 

JOSÉ LUIS REINA

Beatriz González nunca esquecerá a mañá do oito de xaneiro deste ano. Ese día recibiu unha chamada que lle mudou a vida por completo, esnaquizando toda esperanza de voltar a abrazar o fillo, o seu mellor agasallo, a quen faltaba pouco tempo para terminar de completar a condena.

A historia do falecemento de Yuaci está chea de incógnitas que a familia quere disipar para tentar comezar a superar o golpe. Lorena Martín, a namorada do xoven, afirma que soubo “da súa morte grazas á nai doutro preso, que me chamou a mañá dese sábado para darme os pésamse. Cando mo dixo chamei ao cárcere para preguntar, e dixéronme que era mentira, que non falecera ninguén». Lorena chamou a Beatriz, a nai de Yuaci, e comunicoulle o que acontecera.

«Subín á prisión para ver que pasaba. Estrañoume que me deixasen entrar rapidamente porque sempre poñen dificultades. Aí foi cando me confirmaron que ás oito da mañá, cando abriron a cela, atopáron o corpo», afirma a nai, Beatriz, que dificilmente pode falar, sinala que outro funcionario lle comentou que ás 06.00 horas da mañá estivera vomitando. «Daquela, por que non o levaron á enfermaría?» pregúntase dolida, lamentando que «a morte do meu fillo podería terse evitado».

Tanto ela como Lorena anuncian que chegarán até o final nos xulgados para esclarecer o que aconteceu con Yuaci, cal foi a orixe da morte e por que non se puido facer nada, á espera dos resultados da autopsia que se lle practicou no anatómico.

A medicación dos presos, no foco

Aínda que segundo apunta a familia a versión que lles deron é que o mozo falecido tiña covid, o certo é que tanto Beatriz como Lorena desmenten este feito, «pois non estaba isolado no módulo preparado para os positivos. Non sabemos de que morreu nin como. Ao activarse o protocolo covid, da cela saíu directamente ao anatómico, e de aí ao enterro».

Sinalan un feito como determinante neste caso, a repartición dos comprimidos que se facilita aos presos que os solicitan para, por exemplo, a ansiedade ou poderen conciliar o sono. «Repártenas nas segundas, cuartas e sextas. E se a sexta é feriado, pois na quinta danlles todas xuntas até a segunda-feira». Iso fai que os reclusos teñan unha grande cantidade de comprimidos que administran eles mesmos.

Sobre este feito, Domingo Felipe, fundador da plataforma Presos de Tenerife, sinala que «non é a primeira vez que pasa algo así. Os sábados e os entroidos é cando máis internos morren na prisión. Manexan moitas pílulas, até 18, que poden utilizar para diferentes cousas. Hai que lles entregar os comprimidos a diario e non todos xuntos para tantos días, así evitaríanse moitas mortes», apunta Domingo, que continúa afirmando que «non é a primeira vez que familiares de presos saben por terceiras persoas do falecemento dun ser querido dentro da penitenciaria de Tenerife II. Non hai transparencia nin comunicación».

Alén do máis, Domingo lamenta que non se teña en conta as situacións persoais de cada recluso ou os feitos excepcionais. «En datas do Nadal os reclusos están máis sensibeis, máis tristes. Poden utilizar esa medicación, que son tranquilizantes potentes, para evadirse da realidade ou para misturala con outras drogas que hai dentro do cárcere, e ao teren tantas pílulas, pois pasa o que pasa». Confesa que «os funcionarios recoñeceron que Yuaci era unha persoa moi nobre e educada».

Canarias7