Bruxelas suspende durante tres anos a confidencialidade das comunicacións para perseguir o abuso infantil en liña. O Parlamento Europeo aprobou o 6 de xullo pasado unha resolución temporal para permitir ás empresas tecnolóxicas supervisar as comunicacións privadas da cidadanía.

 

 

Por: Alaaddine Azzouzi

O Parlamento Europeo aprobou o 6 de xullo pasado unha resolución temporal para permitir ás empresas tecnolóxicas supervisar as comunicacións privadas da cidadanía ata o 31 de decembro de 2022. A lei, coñecida popularmente como Chat Control (“control de conversas” en inglés), foi aprobada por ampla maioría: 537 votos a favor, 24 abstencións e 133 en contra. Aínda que parece unha vitoria folgada, houbo un forte debate político e social porque o sector máis progresista do Parlamento Europeo a ve como unha ameaza á privacidade.

Chat Control ten como finalidade combater o abuso sexual a menores en Internet e é unha excepción á directiva europea 2002, que ata agora regulou o tratamento dos datos persoais e a confidencialidade da comunicación. A Unión Europea xustifica o cambio legal no feito que os delincuentes sexuais usan sistemas de cifrado de punta a punta, como o que ten WhatsApp ou Telegram, para non deixar rastro. O ano pasado,  segundo informou a Comisión Europea, rexistráronse case catro millóns de imaxes e vídeos de abusos sexuais a nenos e 1.500 denuncias por ciberacoso pedófilo. Segundo Internet Watch Foundation, nos últimos cinco anos Europa converteuse no territorio onde máis contido de abuso sexual infantil circula. En 2019, o 90% dos sitios web con contidos pedófilos eran europeos.

“O abuso sexual infantil é un crime horríbel que viola os dereitos humanos. Temos que previlo máis eficazmente, xulgar máis delincuentes e dar máis apoio aos sobreviventes. Chegamos a un acordo entre a detección do abuso sexual infantil en liña e a protección da privacidade”, dixo Birgit Sippel, relatora da resolución e deputada socialdemócrata alemá. Tamén admitiu que aínda que o cambio de normativa non fose perfecto, era unha solución viábel e temporal para os próximos tres anos.

A decisión non estivo exenta de polémica e debate. O deputado do Partido Pirata Patrick Breyer  foi un dos detractores máis firmes e anunciou que  emprendería medidas legais en contra. Di que Chat Control abre a porta á vixilancia masiva: “É unha noticia triste para todos os que confían nas comunicacións libres e confidenciais. A vixilancia en tempo real de todos os vosos correos e mensaxes é ineficiente, contraproducente, perigosa e causa danos colaterais graves, mesmo aos nenos.”

Outro punto de discordia que acha Breyer é a ineficacia dos métodos actuais para detectaren contido pedófilo: “Case o 90% do contido reportado é inofensivo. Hai moitos falsos positivos.” Ata agora, houbo empresas que axudaban voluntariamente as autoridades a examinar as redes a través de tecnoloxías específicas que analizan o contido, como imaxes, texto e datos de tráfico.

Breyer, e o Partido Pirata, non foron os únicos que se queixaron. O vicepresidente do Parlamento Europeo e membro do grupo da Verdes-Alianza Libre Europea, Marcel Kolaja, tamén expresou o desacordo: “Os empregados de correos non abren as cartas privadas para ver se envías algo censurábel. A mesma regra debería ser aplicada na rede. Esta normativa fará un dano irreversíbel ao dereito fundamental á privacidade.”

A privacidade e a intimidade son un dereito, tal como di o artigo 12 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: “Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada nin na da súa familia, no seu domicilio nin na súa correspondencia, nin de ataques contra a súa fama ou reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra estas intromisións ou estes atentados.” Nesta liña, unha enquisa de YouGov a máis de 10.000 cidadáns de dez países da Unión Europea mostra que o 72% dos entrevistados se opón a que sexan controladas as súas mensaxes privadas.

Unha das voces máis autorizadas do país para analizar a situación é o avogado especializado en dereito dixital Josep Jover, coñecido por presentar unha denuncia contra o estado español e a Comisión Europea por ter censurado a web do Tsunami Democrático e a aplicación móbil. Sobre Chat Control, Jover é contundente: “É unha mala iniciativa para un bo fin. Ninguén votaría en contra de perseguir os pedófilos,  mais hai que ver se hai segundas intencións detrás.” Advirte que se un provedor de telecomunicacións abre as portas ás autoridades, será demasiado tarde para pechalas.

Jover di que non se pode cualificar unha normativa europea sen saber quen a trouxo a votación: “Os promotores desta resolución non son as entidades de protección dos menores senón as que xestionan a propiedade intelectual; o seu negocio é que non poidas descargar contido de Internet por exemplo unha película e unha canción.” “Para previr os abusos tamén hai que formar o consumidor, sobre todo, os máis novos. En Internet non se estableceron códigos morais. Fóra da rede, hai alicerces intocábeis, uns consensos sociais. Agora hai que establecelos aquí”, remacha.

Polo de agora, o debate en Europa é tan intenso que a eurocomisaria de Interior, Ylva Johansson, decidiu adiar a aplicación de Chat Control ata setembro.

Fonte: VilaWeb