Amnestía Internacional publica un relatorio de 96 páxinas sobre a complicidade de axencias online como TripAdvisor, Booking.com, Expedia y Airbnb na violación do Dereito Internacional ao promoveren destinos turísticos na zona da Palestina que a ONU considera territorio ocupado e publicitaren actividades turísticas en colonatos sionistas coñecidos pola extrema violencia e constantes agresións ás comunidades palestinas.

 

 

Nacións Unidas calcula que hai uns 600.000 colonos vivindo en colonatos ilegais levantados por Israel en territorio palestino, tanto en Cisxordania como no leste de Xerusalén. Semellante concentración humana necesita de todo, desde estradas a escolas, pasando por supermercados e polígonos industriais, levantados a base dunha ocupación que viola o dereito internacional. En plena Terra Santa, tamén o turismo se fixo forte nestes lugares, alimentando a maquinaria.

Acaba de o denunciar Amnistía Internacional (AI), que publicou este mércores o informe Destino: ocupación, no que relata como a crecente industria turística de Israel -recibiu máis de catro millóns de visitas en 2018- “lexitima” a existencia e a expansión das colonias. E dá nomes: Airbnb, Booking.com, Expedia e TripAdvisor, “os xigantes do turismo en liña”,  “propician a comisión de violacións de dereitos humanos contra a poboación palestina ao anunciaren centos de cuartos para turistas e actividades en asentamentos israelitass en territorio palestino ocupado”, indica.

Basicamente, segundo os principios reitores de Nacións Unidas, calquera empresa ten de respectar os dereitos humanos e cumprir coas resolucións establecidas, que neste caso din que Palestina ten parte do seu territorio ocupado. Portanto, ter actividade económica nestas zonas é ilegal, “viola o dereito internacional humanitario e constitúe un crime de guerra”, tirando rédito económico desta ilegalidade.

O relatorio indica que, após unha serie de investigacións da Al Jazeera e Human Rights Watch, Airbnb comprometeuse a marchar da Cisxordania, aínda que mantén a súa oferta en Xerusalén Oriental, onde os palestinos esperan ter un día a capital do seu estado. O resto de marcas citadas non dan nin un paso atrás na súa estratexia. É rendíbel, porque inclúe moitos atractivos próximos ou inmediatos, desde toda a Cidade Vella de Xerusalén a Belén, coa súa Basílica da Natividade, ou as praias do Mar Morto, a cidade máis antiga do mundo (Xericó) ou zonas de grande valor arqueolóxico, como Herodión.

Viola o dereito internacional humanitario e constitúe un crime de guerra
No momento da elaboración do dossier, Amnistía localizou a seguinte oferta: Airbnb (con sede nos Estados Unidos) tiña máis de 300 anuncios; TripAdvisor (igualmente estadunidense) aloxaba uns 70 ofertas diferentes, como “visitas, restaurantes, cafés, hoteis e apartamentos”; Booking.com (con sede nos Países Baixos) anunciaba 45 hoteis e alugueres, e Expedia (EUA), outros nove fornecedores de aloxamento, incluídos catro grandes hoteis.

 

 

 

“Lavaxe ao cerebro”
Entre febreiro e outubro de 2018, a organización internacional de defensa dos dereitos humanos visitou catro localidades palestinas perto de asentamentos israelitas, alén do bairro de Silwan en Xerusalén Oriental (xunto á cidade vella amurallada) e unha comunidade palestina en Hebrón (Cisxordania). “Todos estes lugares están perto de lucrativas atraccións turísticas xestionadas por colonos, afirma AI.

Non é só que se faga negocio en zona ocupada, conclúe, senón que as empresas sinaladas “ademais enganan os seus clientes, ao non indicaren de modo sistemático se os anuncios están situados en asentamentos israelitas”. “Aos turistas que veñen aquí laváronlles o cerebro, enganáronnos, non saben que esta é a nosa terra”, afirma un agricultor palestino que vive perto do colonato de Shiloh, onde o goberno israelí financia un grande centro de visitantes para atraer turistas a un xacemento arqueolóxico.

As dúas localidades palestinas próximas a Shiloh perderon máis de 5.500 hectáreas (55 quilómetros cadrados) de terras desde finais da década de 1990. Moita xente tivo de marchar, e a que ficou di que son vítimas frecuentes de ataques de colonos armados.

De feito, hai moitos pacotes de ferias que non detallan se unha atracción está en territorio israelita ou palestino, empresas que montan tours que inclúen Belén ou Hebrón ou Xericó que cruzan os seus autocares ao lado palestino en zonas en que os soldados de Israel non lles piden os pasaportes e non se decatan de que pasaron a outro territorio, e outros moitos turistas aos que se lles di que non crucen a Palestina porque é supostamente perigoso.

Amnistía pon de exemplo no relatorio a colonia de Kfar Adumim, “un destino turístico en expansión, situado a menos de dous quilómetros da localidade beduína de Jan ao Ahmar, cuxa demolición total e inminente polas forzas israelitas recibiu luz verde do Tribunal Supremo de Israel”. “A expansión de Kfar Adumim e doutros colonatos próximos é unha das causas fundamentais das violacións de dereitos humanos contra a comunidade beduina local”, constata.

Nos últimos anos, sostén AI, o goberno israelita investiu grandes cantidades de diñeiro no desenvolvemento da industria turística nos colonatos. “Utiliza a designación de certos lugares como sitios de interese turístico para xustificar a apropiación de terras e casas palestinas, e a miúdo constrúe asentamentos perto de xacementos arqueolóxicos deliberadamente, para subliñar a relación histórica do pobo xudeu coa rexión”. Isto alimenta aínda máis o interesado viés relixioso dun conflito que é, esencialmente, cuestión de control de terra e recursos.

Rotas de sendeirismo, cámpings, xacementos...
O relatorio de Amnistía Internacional destaca como o goberno israelita permite e anima os colonos a explotar terras e recursos naturais que pertencen á poboación palestina, e como Airbnb, Booking.com, Expedia e TripAdvisor tamén se benefician desta explotación. “Estas empresas promoven visitas a reservas naturais, alentan os turistas a realizar rotas de sendeirismo e safaris no deserto e anímanos a probar o viño das viñas locais”, afirma Seema Joshi, directora de Asuntos Temáticos Globais de Amnistía Internacional. “Apesar de estes seren recursos naturais palestinos apropiados ilegalmente, esas actividades só benefician os colonos e ás empresas de turismo en liña que fan negocios con eles”.

 

Apesar de seren recursos naturais palestinos apropiados ilegalmente, esas actividades só benefician os colonos e as empresas de turismo en liña que fan negocios con eles

 

O turismo florece á beira mesmo do lugar onde se violan dereitos humanos a diario. As empresas citadas, sostén o estudo, anuncian alugueres vacacionais e “experiencias” de acampar no deserto xestionadas por colonos no asentamento de Kfar Adumim ou nas súas proximidades. Uns 180 residentes de Jan alAhmar corren risco de desaloxo forzoso polo exército israelita para deixar sitio á expansión ilegal de Kfar Adumim e doutros asentamentos da zona. Esta expulsión forzoso de persoas en territorio ocupado constitúe un crime de guerra denunciado internacionalmente. As autoridades israelitas ofreceron aos residentes a posibilidade de elixir entre dúas posibeis localizacións: unha, perto do antigo vertedoiro municipal de Xerusalén e da localidade de Abu Dis, e a outra, xunto a unha planta de tratamento de augas residuais perto da cidade de Xericó.

 

“Decididamente, se visitas a terra de Israel non podes deixar de coñecer este lugar. Comprenderás mellor Israel. Un lugar verdadeiramente encantador!” (TripAdvisor. Visita á zona arquelóxica do colonato de Susya).

 

Outro exemplo: o Desert Cámping Israel, un cámping no deserto promocionado por Airbnb, Booking.com e Expedia, onde os visitantes poden pagar máis de 200 euros por noite para “sentir a serenidade do deserto e coñecer a cálida hospitalidade israelí”. TripAdvisor tamén anuncia un parque natural, un museo, unha visita ao deserto e unha atracción de temática bíblica en terras próximas a Kfar Adumim. “As experiencias de acampada que se ofrecen están en terras previamente utilizadas pola comunidade beduina para o pastoreo. A medida que o asentamento de Kfar Adumim creceu, moitos pastores beduinos perderon o seu medio de vida e agora dependen da axuda humanitaria para sobreviviren”,engade Joshi.

 

“Experimenta a calma do deserto e desfruta da cálida hospitalidade israelita” (Airbnb programa do colonato de Kfar Adumim)

 

E outro máis, o da localidade de Khirbet Susiya, onde os habitantes palestinos viven en refuxios temporais após teren sido desaloxados á forza de grande parte da zona para deixar sitio á expansión do colonato veciño de Susya. As autoridades israelitas bloquearon cisternas de auga e pozos en Khirbet Susya, e en 2015 a ONU calculaba que as persoas residentes dedicaban ao redor dun terzo dos seus ingresos a pagar a auga. Susya construíuse ao redor das ruínas dun xacemento arqueolóxico que, no momento de redactarse o relatorio, estaba anunciado tanto en Airbnb como en TripAdvisor xunto con fotografías de lugares que os turistas poderían visitar, como as ruínas, un oliveiral, unha adega e un viñedo e unha grande piscina no colonato.

O desenvolvemento de xacementos arqueolóxicos en asentamentos como Susya e Shiloh por parte do goberno israelita é fundamental para os seus planos de desenvolver e ampliar os colonatos. “Promover estes lugares a un público global facilita os obxectivos do goberno israelita para os colonatos, e é onde as empresas de turismo internacionais se volven indispensabeis”, sinala o relatorio.

Que facer?
Como lembra Amnistía, non é só a industria turística a que beneficia dos colonatos ilegais e contribúe a eles. “Cada ano expórtanse a mercados internacionais artigos por valor de centos de millóns de dólares producidos en colonatos israelís, apesar de que a maioría de países condenaron oficialmente os colonatos por seren ilegais en virtude do dereito internacional”, abunda.

 

Condenar os colonatos por seren ilegais, mais permitir as actividades comerciais que os fan rendibeis non é suficiente

 

Ademais de pedir a cada empresa que deixen de facer negocios en e cos colonatos, Amnistía reclama aos gobernos que impidan estas actividades por lei e que introduzan leis que prohiban a importación de bens procedentes dos colonatos. “Condenar os asentamentos por seren ilegais, mais permitir as actividades comerciais que os fan rendibeis non é suficiente”, afirmou Seema Joshi.

O Parlamento irlandés está actualmente no proceso de aprobación dun proxecto de lei histórico que prohibiría o comercio de bens e servizos cos asentamentos, e Amnistía Internacional insta outros países a seguiren o seu exemplo.

HuffPost