Aitor Cuervo Taboada, poeta e militante Comunista, tornouse coñecido hai uns anos por ser vítima dunha nova persecución política e contra a liberdade de expresión- e sobr todo de pensamento- por parte do Réxime do Estado Español. Foi condenado en firme a 18 meses de prisión en 2016 por ‘enaltecemento do terrorismo’ por varias publicacións na Internet onde usaba a comparativa para expresar a dor que a clase traballadora sente por cada despexo ou cada traballador morto no traballo. Eran anos do ‘todo é ETA’, aínda que xa non existise ETA, e tamén eran anos onde a violencia social e económica se intensificaba despois da crise económica e todas as reformas estruturais en curso. Neste contexto compriría preguntarse: Era liberdade de expresión ou simples dereito á xanreira e a expresala publicamente?

Hoxe, en medio a toda a polémica nacional e internacional que se xerou pola entrada en prisión do rapper Pablo Hasél por delitos de opinión, chegaba a Aitor Cuervo unha nova notificación, nesta ocasión por unha infracción grave recollida pola Lei de Protección de Seguranza Cidadá, coñecida popularmente como Lei Mordaza. Para falar sobre iso puxémonos en contacto co poeta e militante Comunista.

 

xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx

Un saúdo e toda a nosa solidariedade nestes momento. Conta, cal foi a acusación nesta ocasión?

Nesta nova ocasión ou montaxe son acusado de publicar contido en solidariedade cos manifestantes e a convocatoria de Greve Xeral en xaneiro do ano pasado en Iruña. Concretamente por partillar a imaxe dun policía que mallara e ameazara varios manifestantes dicíndolles que se as súas imaxes eran pubicadas iría por eles, eu limiteime a divulgar o feito como o claro abuso de autoridade que foi, como en Altsasu onde infelizmente non se gravou ben todo o que pasou e case unha decena de mozos antifascistas acabaron en prisión por un conflito que eles non iniciaran, ou como en Linares na semana pasada, onde por fortuna si que se gravou a actitude dos policías e o evidente abuso de poder e autoridade que cometeron.

É o rocambolesco da Lei Mordaza, esa que tanto Podemos como o PSOE se comprometeron a derrogar e no entanto ampliaron ao ámbito Dixital, a que busca impedir que sexan gravados os abusos de poder, as malleiras e as vexacións, que dun modo tan recorrente empregan as forzas de seguranza, e deixa indefensos os cidadáns antes as constantes agresións.

 Na notificación chama a atención que fagan referencia aos teus ‘antecedentes’, como se tivesen algunha relación con esta nova acusación. Que une xuridicamente para o estado español o ‘enaltecemento do terrorismo’ e a denuncia dunha suposta actividade delituosa das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado?

Pois o de sempre,  só se trata de manipular. Utilizan os antecedentes dun proceso de hai cinco anos e por un máis que suposto delito de opinión e de inxurias, en que fun condenado,  hai que lembrar que me condenaron por unha serie de poemas e de chíos.  Para manipular e condicionar a opinión pública pondo unha etiqueta que non se corresponde, mais do que non falan é como das demais detencións e de xulgamentos farsa a que me someteron tiveron que absolverme porque a acusación era insustentábel e todo caía polo seu propio peso. No mesmo sumario polo que fun condenado (que consta de case 700 páxinas) recoñecen que a miña condena se debeu ao meu labor solidario cos presos e represaliados políticos, e polo número de seguidores e a difusión que tiñan, e teñen, as miñas publicacións onde de forma habitual denuncio as corruptelas do réxime.

 

 

É imposíbel non ver analoxías entre o teu caso e o caso do rapper Pablo Hasel. As súa primeira condena, por ‘enaltecemento do terrorismo’ nas súas cancións, tampouco o levou a prisión; ainda sen estar fechada esta causa foi aberta unha segunda causa, nesta ocasión por inxurias á coroa e ás Forzas e Corpos de Seguranza do estado. Posteriormente foron sendo incluidas outras acusacions, ningunha demostrada, que o presentan como unha persoa violenta. Consideras que pode repetirse o esquema, nesta vez en contra de ti? Como crés que repercutiuque en 32 días acabe a túa condicional? Até cando poden ser xustificados roteiros similares como casos isolados?
Hai analoxías, si, entre o caso de Pablo e o meu. Aproveito para mandar ao catalán un alento de forza e solidariedade, tamém para agradecer a súa contundencia e a súa resistencia, un exemplo de valentía nestes tempos que corren.
A min detivéronme en 2014 en dúas ocasións, no cadro da famosa Operación Araña, onde decenas de antifascistas fomos perseguidos e xulgados.  Da segunda detención tiveron que absolverme porque  nada se sostiña, aínda así tivéronme case dous anos sen pasaporte, sen poder saír do Reino de España e tendo que ir asinar cada semana aos xulgados.  Pola primeira detención fun xulgado en febreiro de 2016, saín condenado, ía condenado de antemán, e en total caéronme 18 meses de cárcere, 5 anos en liberdade condicional, que acaba no próximo mes e 10 anos de inhabilitación absoluta. Até 2026 non recupero os meus dereitos.

Como ben se sinala na pregunta, esta sanción prodúcese poucas semanas antes de acabar o meu período de liberdade condicional e con iso os antecedentes . Creo que o feito de chegar esta sanción agora mesmo non é casual,  e menos nestes precisos momentos en que a rúa está a arder e pedindo a Amnistía Total para Pablo e a longa lista de prisioneiros e prisioneiras políticas.

E para concluír esta pregunta, en ningún momento son casos isolados, a represión ten  un roteiro ben establecido. Quen sae condenado somos sempre os mesmos, os antifascistas, aquí a dereita goza dunha liberdade de expresión absoluta e nestas últimas semanas puidemos ver como varios cargos do Exército na reserva dicían que había que matar 26 millóns de españois fillos de puta, entre outras moitas cousas lindas, e aquí non pasou nada. Tamén temos o exemplo da infame manifestación de neo nazis no outro día en Madrid, onde se fixo apoloxía do Holocausto e se exerceu un terríbel anti-semitismo e tampouco pasará nada. Para min é un claro síntoma, xa non dunha anormalidade democrática, senón dunha democracia inexistente que non rompeu co réxime franquista, e daquel pó estas lamas.

O actual goberno do Reino de España presentouse a si propio como o gobereno máis progresista da historia, entre as súas levaba a anulación da lei Mordaza ou a derrogación da reforma laboral… A que cres que esperan para poren en práctica as súas promesas?
O Goberno mal chamado Progresista debe pasar á historia como a maior fábrica de vender fume, xa que noutra pregunta expuña que, mesmo tendo tendo prometido tanto o PSOE como Podemos a inmediata derrogación da Lei Mordaza, que agora me aplican, non a derrogaron e, ben lonxe de o faceren, ainda a alargaron, implantado a Lei Mordaza no ámbito dixital.
Ben, o de Podemos é dunha bipolaridade absoluta. Pretender ser Goberno e oposición, a noiva na boda e o morto no enterro. Por un lado mandan a policía disolver manifestacións e por outro critican a brutalidade policial.
.
Para min o único feito obxectivo agora mesmo é que o ‘Goberno máis Progresista da HIstoria’ acaba de condenarme por unha lei absurda e abusiva que ambos os socios se comprometeron a derrogar.