• Desde o ano 2016, unhas trinta persoas presas en diferentes centros carcerarios do Estado español emprenderon unha proposta de loita activa dentro das prisións para reclamar que sexan respectados os seus dereitos fundamentais. Co apoio e a solidariedade de movementos sociais, familiares, xuristas e asociacións, conseguiron reactivar o espazo de loita anti-carceraria e convocaron unha nova greve de fame colectiva en todas as prisións do estado a partir do 1 de maio.

 

Pouco ou nada se fala nos medios de comunicación da loita emprendida desde hai case tres anos para reclamar que sexan respectados os dereitos humanos nos cárceres do estado español. E é que no verán de 2016, un grupo reducido de persoas presas comezou a organizarse para levar a cabo accións en defensa dunha tabela reivindicativa de doce puntos, en que se analisa unha longa serie de situacións que atentan contra a dignidade e a vida das persoas privadas de liberdade. Esta estratexia parécese moito á que se levara a cabo en diferentes cadeas do estado español nos finais dos anos 70, en tempos da Coordenadora de Presos en Loita (COPEL). Estas tabelas reivindicativas apareceron xusto no momento da transición democrática, e significaron unha verdadeira radiografía crítica do sistema penal e prisional daqueles tempos. Unha actitude e unha estratexia de resistencia que tiveron continuidade en case todas as tentativas de loita colectiva que se produciron até agora no interior das prisións.

Cuarenta anos despois, un grupo dunhas trinta persoas, espalladas en quince prisións diferentes do estado español, está discutindo, a partir dun balanzo crítico do que se fixo desde que comezaron, a convocatoria dunha nova greve de fame colectiva para o 1º de maio -que sería a cuarta, porque durante 2018 fixeron tres greves semellantes nos meses de maio, outubro e decembro- e plantexan, daquí a alá, alargar a tabela reivindicativa e diversificar os medios de loita e expresión.

Para entendermos os motivos e a estratexia destas persoas privadas de liberdade compre deitar unha ollada ao pasado.

A orixe do movemento está na creación da Asociación de Presos en Loita Activa (ASPRELA), que impulsionaron no ano 2015 persoas presas no departamento de isolamento da prisión de Estremera (Madrid). Dúas destas persoas estiveran pouco antes na rúa -un tendo cumprido condena e outro fuxido-, onde comezaron a relacionarse cun pequeno mais activo grupo de apoio que se formara en Madrid de maneira autónoma -dentro do Sindicato de Oficios Varios da CNT-, e que lles dera apoio cando estaban na prisión. Os dous integráronse neste grupo, sumándose ás súas actividades e participando en tertulias, programas de radio e algún vídeo na internet, para denunciar os tratos cruéis, inhumanos e degradantes dos que foran vítimas ou testemuñas cando estiveran privados de liberdade, especialmente os malos tratos e as mortes no cárcere de Navalcarnero, que identificaron publicamente como “centro de exterminio”.

 

No ano 2016 un grupo de persoas presas comezaron a organizarse, recuperando o modelo da COPEL dos anos 70

 

Logo voltaron á prisión -xuntos- acusados dunha longa serie de delitos. E foron encarcerados, precisamente, no centro prisional de Navalcarnero, onde rapidamente foron parar ao réxime especial de castigo. A proposta de crear a organización ASPRELA foi a maneira de faceren frente á terribel prisión a que estaban sometidos despois de voltar a estar privados de liberdade. Sob estas siglas fixeron algunhas greves de fame e denunciaron, por exemplo, a situación de diversos presos con doenzas graves que terían de ser excarcerados segundo a Lei orgánica Xeral Penitenciaria (LOGP). Conseguiron a colaboración duns cantos reclusos en réxime de isolamento, nomearon un coordenador e diversos encarregados de zona, redactaron uns estatutos e unha tabela reivindicativa e elaboraron un calendario de accións.

Despois dun intenso debate entre algunhas persoas presas e os grupos de apoio de Madrid e València sobre a estratexia a seguir, comunicouse aos coordenadors de ASPRELA que na súa proposta estaba todo decidido por antecipado, que era demasiado “vangardista e hierárquica”. Do diálogo inicial que desencadearon estas críticas pasouse á proposta actual. No verán do 2016 comezaron a divulgar unha síntese de textos que integraban os resultados do debate anterior e por primeira vez incluían os doce puntos da tabela reivindicativa actual. Propúñase tamén facer un ou dos xexúns mensais dun día, como símbolo de participación activa, e denunciar todo tipo de vulneracións que vivisen ou presenciasen as persoas presas dentro dos centros prisionais. Tamén pedían a colaboración de presas mais sobretodo de xente da rúa con sensibilidade anticarceraria, xa que as presas tiñan graves dificuldades para sustentaren esta especie de asemblea permanente a distancia que se propuña, dadas as condicións de atomización e incomunicación impostas pola administración carceraria co obxectivo de prevenir e impedir calquera tentativa de loita colectiva nos centros prisionais.

A COPEL como referente

Se deitarmos unha ollada un pouco máis atrás, veremos que a autoridade carceraria ficou ben escarmentada desde os tempos da COPEL. Esta coordenadora conseguiu -loitando pola extensión da amnistía aos presos e presas sociais no ano 1977- formar unha comunidade de loita en que chegaron a participar millares de persoas presas, e que tivo un eco solidario e de apoio moi notábel na rúa.

E é que a loita do movemento anticarcerario nas últimas décadas, embora non tivese case visibilización nos media, foi intensa e extensa. Un punto de inflexión foi a querela contra as torturas en Herrrera de la Mancha, denunciando desde dentro e desde fora a grave represión contra o último episodio de organización da comunidade reclusa: a loita dos preventivos do 1981 ao 1983, coa que se conseguiu a excarceración de 7.000 persoas. Desde 1983 a 1992, os presos fuguistas insistiron unha e outra vez en planos de evasión “á forza” onde se apoderaban dos módulos de castigo, e mesmo de cárceres enteiros, tomando os membros do funcionarado carcerario como reféns para faciitar a fuga e, se non a conseguían, utilizalos para forzar a publicación da listaxe de reivindicacións en que denunciaban, como se fai agora, a acumulación de abusos que sufrían. E máis recentemente as vicisitudes do embate contra o réxime FIES (ficheiro de internos de especial seguimento), ambiciosa tentativa de crear de novo unha comunidade de loita anticarceraria baseada na defensa dunha serie de reivindicacións, resumidas nas célebres catro: nin FIES, nin dispersión, nin doentes en prisión, e un límite de cumprimento de vinte anos.

Tratábase de afrontar a situación de facto creada pola aplicación dunha serie de medidas por parte do Estado español que tiñan como obxectivo que non fose posíbel voltar a plantexar desafíos desde dentro dos centros prisionais: o aumento da impunidade do funcionarado -mesmo dando cobertura legal á tortura e os malos tratos-, a aplicación do réxime especial de castigo, o control cada vez máis intenso e tecnificado, a arbitrariedade nas transferencias dun cárcere a outro, a construción de macroprisións, a falta de transparencia estatística e a terxiversación mediática do que acontece dentro dos penais, e un longo etcetera. Todo este contexto facía necesaria a contribución de xente de fora dos muros se se quería restaurar aquel espazo de loita. Para que as persoas presas podan reflectir colectivamente, dialogar e decidir sobre as súas necesidades e problemas, os seus obxectivos e os medios para os conseguiren, é preciso que todo o que digan chegue coa maior fluidez posíbel a todas as persoas que participan na proposta. Para que as súas denuncias, reivindicacións e accións sexan ouvidas na rúa, fan falta persoas e ferramentas de comunicación que as divulguen, solidariedade e coordenación dentro-fora na mobilización e na acción. E tamén é indispensábel que os que están dentro dos muros saiban o que se fai fora. Iso sería, en principio, o espazo de loita: unha rede de comunicación que faga posíbel o diálogo, a decisión e a acción comuns entre todas as persoas e grupos participantes, dentro e fora das cadeas.

.

Trátase de crear unha rede que faga posíbel o diálogo, a decisión e a acción comúns entre persoas e grupos, dentro e fora das cadeas

 

E iso é o que se quer crear coa actual proposta, que botou a andar no verán do 2016. Desde entón até os primeiros meses de 2018, entre 20 e 30 persoas presas fixeron xexúns -como mínimo os días 1 e 15 de cada mes- e enviaron escritos ao Congreso dos Deputados, á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e ao Defensor del Pueblo. Quen non podía ou non queria xexuar, polo seu estado de saúde ou por outros motivos, limitábase a enviar os escritos. Tamén foi publicada unha lista actualizada cos nomes e enderezos das persoas presas que participaban no protesto. Iniciáronse greves de fame colectivas, con participación dunha decena de persoas presas, en solidariedade co grupo e apoio galego Nais contra a Impunidade, do cal foron sancionadas quince persoas -nais, tías, curmás e familiares e amiga/os- por participar nunha concentración contra a morte do fillo dunha delas diante do cuartel da Garda Civil de Arteixo (Coruña). O cos “tres de Lleida”, condenados pola súa participación nos actos de apoio a un preso que denunciou malos tratos por parte dos funcionarios do cárcere. Así mesmo, comezouse a coordenar e realizar numerosas greves de fame individuais ou de pequenos grupos, e outros actos reivindicativos -como as greves de patio e de silencio, escritos asinados colectivamente, autolesións ou incendios de celas- para protestar contra os malos tratos e as torturas, reivindicar excarceracións por doenza ou transferencias a cárceres máis próximos da familia, denunciar a explotación laboral e outros abusos. Entretanto pasaba isto, o apoio na rúa era máis ben escaso, embora non faltasen algunhas actividades de divulgación e visibilización do que acontecía dentro, así como un par de tentativas de coordenación, ainda que fracasadas, por parte dalgúns grupos de apoio.

Mudanza de estratexia

Diante da dispersión e esbanxamento de esforzos que as persoas presas observaron neste modelo de resistencia, a partir de febreiro de 2018 algúns presos en loita propuxeron para o 1º de maio unha greve de fame colectiva -dun máximo de quince días- que tiña de servir para coordenar as accións da xente de dentro lanzando un apelo unificado ás persoas e grupos que desde fora quixesen darlle apoio. A idea era actuar en conxunto e de forma coordenada. Desde antes de comezar, a convocatoria de greve -a que adheriran unhas trinta persoas presas- tivo eco na rúa mediante a divulgación de radios libres, internet, tertulias, xornadas, cartaces, panfletos, folletóns ou outras publicacións impresas, en polo menos nove cidades, con concentracións e accións de rúa en tres delas. De seguida propuxéronse novas convocatorias, para outubro e decembro, procurando desde o inicio establecer unha comunicación con calquera organización abolicionista e defensora dos dereitos humanos coa que fose posíbel tecer alianzas. Nesta primeira convocatoria fíxose especial incidencia na catástrofe médico-sanitaria que se vive nas prisións, asumindo o decálogo da sandiade prisional proposto pola Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA). A partir de setembro de 2018, a proposta foi presentada en numerosos actos públicos, e até finais de decembro sucedéronse ininterruptamente grande cantidade de marchas, concentracións e accións de apoio aos presos e presas en loita nas rúas de diferentes cidades do estado español.

 

Os presos e as presas en loita decidiron convocar unha nova greve de fame e de mobilización que iniciarán no 1º de maio.

 

Así, podemos dicir que con toda esta actividade xerouse unha corrente anticarceraria en que se coordenaron grupos autónomos e libertarios, familias autoorganizadas, xuristas, asociacións abolicionistas, persoas individuais e algúns medios de comunicación. Unha pluralidade de forzas que conseguiron certo eco, animando e alargando considerabelmente o campo anticarcerario. Conscientes diso, os presos e as presas en loita decidiron convocar unha nova proposta de greve de fame e mobilización conxunta que inicarán no 1º de maio, con tempo suficiente para que se vaian articulando os acordos e proxectos colectivos que surxiron nestes últimos meses.

Entretanto, entre a xente presa, reiniciouse, sen abandonar os xexúns mensais, o debate sobre a súa propia proposta, que se desenvolve en dous sentidos. Primeiro, co acréscimo de dúas novas reivindicacións, unha referida á limitación do máximo de cumprimento de penas -en contra das diversas formas de cadea perpetua encoberta e o endurecemento punitivo-, e outra que apunta á indefensión xurídica que padecen estruturalmente as persoas presas no actual sistema punitivo. Ao mesmo tempo propoñen ampliar o envío de escritos a organismos europeos e globais de prevención e denuncia da tortura e de defensa dos dereitos humanos.

En tanto se reflecte, a loita continúa de pé: coa greve de fame e sede da presa con doenza grave Carmen Badía Lachos, a campaña pola liberdade do preso murciano Antonio Nieto Galindo -encarcerado desde hai máis de 40 anos- e a visibilización doutros casos, tanto de persoas con doenzas moi graves que terían de ser excarceradas -como Francisco Chamorro, Belén Vázquez Campillo ou Pedro Escudero Gallardo- como de cadea perpetua encoberta -como Enrique de la Vall González.

As 12 reivindicacións

  • Erradicación das torturas
  • Abolición dos FIES, do réxime de castigo e dos isolamentos
  • Fin da dispersión
  • Servizos mèdicos independentes da dirección prisional
  • Aplicación dos artigos 104.4 e 196 ás persoas con doenzas crónicas
  • Doentes mentais fora das prisións
  • Programas con metadona e fármacos psiquiàtricos acompañados de terapias e grupos de apoio
  • Asunción de responsabilidades polos asasinatos dentro dos cárceres desde 1978 até agora
  • Acceso ás aulas, obradoiros, ximnasios e formacións dos presos clasificados como “irrecuperábeis”
  • Non utilizar os “módulos de respecto” como ferramenta de chantaxe
  • Prohibición das inspeccións corporais integrais a familiares e visitas. Comunicacións non limitadas a requisitos burocráticos.
  • Fin da criminalización da solidariedade dos grupos de apoio.

Fernando Alcatraz | Ex-pres i membre de l’extingida COPEL

Directa

Article incluído no suplemento ‘Des de dins’, publicado conxuntamente coa edición 474 da ‘Directa’