Maier Irigoien é xunto a Isabel Saez e Iker Oiz unha das autoras de Zauria(k) [Ferida(s)], un documental sobre a saúde mental desde unha ollada crítica feminista que se estrea este sábado na Galiza con pases en Compostela [11.00, CSO Escárnio e Maldizer] e na Coruña [20.00, A Comuna].

Maier responde vía e-mail a un breve cuestionario para presentar o documental.

 

Como e por que xorde a idea de facer este documental?

Zauria(k) nace da necesidade de xerar un material que articulase os malestares psico-emocionais coa construción de xénero. Vimos dos activismos feministas e antipsiquiátricos, e encontrabamos a necesidade de visibilizar vivencias arredor da saúde mental de mulleres, bolleras e trans desde unha perspectiva feminista, para poder reflexionar e entender os malestares e o sufrimento psicosocial en toda a súa complexidade.

Sentes que cubre algunha necesidade importante?

Aínda precisamos falar sobre as vulnerabilidades que habitamos, as feridas que traemos e os malestares que ocupan as nosas vidas. Aínda hoxe, é difícil lexitimar o propio malestar, tanto a nivel individual como colectivo e respecto á nosa experiencia seguimos vendo carentes as ferramentas colectivas que temos para poder soster, coidar e dar o lugar que precisan os malestares. Nomear é una práctica política, nomear supón facer visible o que se mantén na sombra, nomear multiplica as realidades existentes e abre portas, xera referentes e constrúe outros imaxinarios posibles. Amplía as coordenadas do posible.

Que facilidades e dificultades atopastes?

Unha das maiores facilidades que temos atopado no camiño foi a receptividade, a apertura e a predisposición de diferentes colectivos e individualidades que compartiron con nós desde material, información, contactos ata lugares onde durmir nas rodaxes. A rede respondeunos moi gratamente. Respecto ás dificultades, foron aparecendo varias, empezando pola de atopar a persoas en primeira persoa que quixesen e puidesen expoñerse mostrando as súas vivencias diante dunha cámara. Non é unha cuestión fácil confiar en que as túas palabras van ser transmitidas con respecto e coidado, e saber que esas palabras van ser reproducidas moitas veces. As mulleres, bolleras e trans que participaron no proxecto están mostrando unha valentía tremenda, estamos infinitamente agradecidas.

Desde que marco ou teoría organizastes os contidos?

O obxectivo de Zauria(k) é xerar unha posibilidade de reflexión crítica e feminista arredor do modelo hexemónico da saúde mental e as prácticas psiquiátricas, e ampliar un marco onde poder poñer a vulnerabilidade no centro, como lugar de resistencia e lugar desde onde formular discursos sobre a saúde. Polo que o marco utilizado é un marco transfeminista e crítico coa saúde mental hexemónica, que intenta ollar un pouco máis aló do establecido, do aparente. Á hora de organizar o contido, quixemos dar un fío condutor á narración onde se mantivese o ritmo, o silencio e á súa vez tivese un estilo estético acorde co que queríamos, por iso dividimos o documental en diferentes capítulos: Intro, Tolemia, Psiquiatrización, Vivencias de xénero, Alternativas, Vulnerabilidade e Epílogo, dándolle un principio e un fin ao relato.

Como foron as rodaxes?

No noso caso, á hora de rodar e facer as entrevistas estabamos condicionadas por un tempo externo, elemento que xerou moita presión á hora de poder elaborar o material co coidado e mimo que precisaba. Vímonos a nós mesmas non respectando os nosos propios ritmos con todo o que iso supón. As entrevistas en cambio foron unha gozada, onde aprendemos, nos emocionamos e agradecemos a xenerosidade das protagonistas. Foi moi bonito poder achegarnos ás realidades de cada unha, coñecelas e poder compartir ese espazo con elas.

Como está sendo a recepción?

Estamos sorprendidas coa acollida que está tendo o documental. As veces, cando dedicas tanto tempo e tanta enerxía a un proxecto e te atopas tan dentro da túa burbulla, perdes a perspectiva de onde estás e o que estás facendo, e costa imaxinar que impacto vai ter e que é o que vai xerar (se será longo, que se non se vai entender …). As proxeccións están sendo todo un éxito e recibimos moitos correos con propostas. Ficou clara a necesidade que hai de falar sobre isto.

adiante.gal