“Sobre a base dos importantes efectos psicolóxicos que produce, consideramos que o isolamento por períodos superiores a 15 días debe ser eliminado”, explican os neurólogos Richard Smeyne e Michael Zigmond

No Reino de España, o isolamento pode chegar até os 42 días ou ser indefinido en casos especiais, apesar de a ONU recomendar un máximo de 15 días

O isolamento é un factor de risco de morte prematura similar ao do consumo de drogas e superior ao da obesidade, segundo unha revisión de estudos.

 

Celda de aislamiento en el Departamento Especial de Régimen Cerrado de Brians 1 (Martorell)

 

“A xente pregúntame se estou tolo ou non? Non me volvín psicótico, mais se pasas 23 horas ao día nunha cela de 2 por 3 metros, dá igual o aspecto que teñas por fóra, non ficarás lúcido”. En 1973, o preso Robert King entrou nunha cela de isolamento da penitenciaría Angola, na Louisiana (EUA). Non sairía até 2001, case tres décadas despois. O pasado 4 de novembro, King ofreceu o seu testemuño nun dos relatorios da reunión anual da Sociedade Americana de Neuroloxía, unha presentación en que varios investigadores mostraron os seus resultados sobre o impacto do isolamento no cerebro dos presos.

O relatorio anunciouse cun pequeno texto en que se aseguraba que, “como animais sociais, a nosa saúde depende da interacción cos demais, contodo, millóns de persoas sofren de isolamento crónico, do cal o isolamento penitenciario é un exemplo extremo”. Na actualidade, millares de persoas en todo o mundo sofren este tipo de isolamento e estímase que só nos EUA hai unhas 80.000. No Reino de España, máis de 2.000 presos pasan cada ano por este castigo e máis dun centenar permanecen isolados máis de 21 horas ao día de forma indefinida.

A preocupación pola saúde dos presos en isolamento non é nova, xa en 1842, durante a súa viaxe polos EUA, Charles Dickens visitou unha prisión e describiu os presos en isolamento con “tics nervosos, dificultade para fixaren o ollar ou para manteren unha conversa, postura acovardada e nerviosismo”. Ao terminar a visita, o escritor inglés describiu o isolamento como unha “lenta e diaria manipulación dos misterios do cerebro” e concluíu que era algo “inconmensurabelmente peor que calquera tortura do corpo”.

Alén das licenzas literarias de Dickens, as súas observacións non estaban moi desencamiñaadas. Varios estudos publicados durante os últimos anos demostraron que o isolamento pode xerar importantes problemas de saúde mesmo nos reclusos que comezan o isolamento en bo estado. “Grazas a moitos estudos sabemos que o isolamento induce unha serie de mudanzas psicolóxicas que van desde a depresión até a psicose”, explican os neurólogos Richard Smeyne e Michael Zigmond, dous dos relatores que participaron na sesión xunto a King.

Danos no cerebro das persoas isoladas
Contodo, alén dos importantes problemas psicolóxicos que o isolamento pode xerar, os investigadores tamén cren que a falta de interacción social pode provocar unha deterioración do cerebro. “Aínda que non podemos observar directamente os cerebros destes individuos, podemos inferir mudanzas baseadas nos efectos que vemos en estudos en animais”, explica Smeyne, director do Centro Integral sobre a Enfermidade de Parkinson da Universidade Thomas Jefferson (EUA).

Através das súas investigacións en ratos, Smeyne e Zigmond observaron “mudanzas na estrutura das neuronas e unha redución do volume das mesmas de ao redor do 20%” en apenas un mes de isolamento. Se o confinamento prolóngase até os tres meses, “estas mudanzas progresan até atinxiren unha perda de aproximadamente o 20% da rexión de contacto sináptico da célula nervosa”, aseguran ambos os investigadores.

Estudos anteriores tamén demostraron que a tensión asociada ao isolamento pode xerar alteracións no cerebro. Segundo unha revisión de estudos publicada en Nature Neuroscience, “a exposición crónica ás hormonas da tensión ten un impacto nas estruturas cerebrais involucradas na cognición e a saúde mental”, particularmente no hipocampo, unha área cerebral importante para a memoria, a orientación espacial e a regulación das emocións.

Analizando o caso de King, así como o de moitos outros presos, os investigadores concluíron que algunhas destas alteracións poden non ser reversibeis e deixar secuelas a longo prazo. “As conversas con persoas que permaneceron isoladas durante longos períodos de tempo suxiren que os déficits que se producen como consecuencia do isolamento poden ser permanentes”, explica Smeyne.

Maior risco de morte prematura e suicidio
Esta deterioración da saúde mental dos reclusos isolados termina influíndo na súa esperanza de vida e así o reflicte unha revisión de estudos publicada en 2015, que mostrou que un ser humano confinado, sen contacto social de ningún tipo, ten un 26% máis de probabilidade de sufrir unha morte prematura. Segundo os autores desta revisión, o risco asociado co isolamento social é comparáel con outros factores de risco ben establecidos, como o consumo de drogas ou a falta de acceso á atención médica e mesmo é maior que o asociado á obesidade.

Noutra revisión de estudos recente tamén se determinou o aumento no risco de suicidio das persoas socialmente isoladas. Segundo os autores desta revisión, “os datos dos estudos observacionales suxiren que o isolamento social obxectivo debe ser incorporado na avaliación do risco de suicidio”.

Raquel foi unha desas presas que non soportou o isolamento. O 11 de abril de 2015 tirou a vida na súa cela do Departamento Especial de Réxime Fechado da prisión de Brians I, en Barcelona, após nove meses consecutivos de isolamento. Segundo a familia, que denunciou a Generalitat, os servizos psicolóxicos do cárcere eran conscientes da “deterioración emocional” da reclusa, mais non aplicaron en ningún momento o protocolo para a prevención de suicidios.

España incumpre as recomendacións da ONU
No Reino de España, a lei penitenciaria permite até 42 días seguidos de réxime de isolamento en caso de sanción disciplinar, unha medida que case triplica a recomendación do Comité contra a Tortura de Nacións Unidas (CAT, polas súas siglas en inglés), que establece un máximo de 15 días seguidos e que só indica esta medida como extraordinaria.

Este límite está apoiado polos resultados de varios estudos científicos, incluídos os que presentaron Smeyne e Zigmond a principios deste mesmo mes xunto con Robert King. “O feito de vermos alteracións cerebrais en apenas un mes de isolamento suxire que as mudanzas son rápidas”, afirman ambos os investigadores e insisten en que “sobre a base dos importantes efectos psicolóxicos que produce, consideramos que o isolamento por períodos superiores a 15 días debe ser eliminado”.

Contodo, Raquel estivo moito máis de 15 días encerrada, mesmo máis dos 42 que estipula a lei, xa que existe unha excepción, o primeiro grao. Este réxime especial aplícase en casos de “perigo extremo ou manifesto inadaptación aos réximes ordinarios” e permite que o isolamento se prolongue de forma indefinida. Na actualidade hai pouco máis dun centenar de presos nesta situación nos cárceres españois. Algúns deles, pasarán case toda a súa condena en isolamento.

Teguayco Pinto

eldiiario.es