O Ministerio de Sanidade confirma que os centros chaman a Policía cando os pacientes non portan ningún documento identificativo e “non teñen dereito á asistencia sanitaria” co obxectivo de “identificar” a persoa “obrigada ao pagamento”. Avogados e Médicos do Mundo alertan de que esa práctica excede as competencias de axentes e sanitarios e pode vulnerar a protección de datos.

 

Imagen de archivo. Varios agentes de la Policía Nacional hablan con un grupo de inmigrantes en las calles de Ceuta este viernes.

 

En plena crise migratoria en Ceuta, cando centos de marroquinos vivían escondidos en calquera recuncho ante o temor de seren descubertos polos axentes policiais, moitos migrantes nin sequera vían no hospital un lugar seguro para eles. Aínda que o receo ás institucións é habitual entre as persoas sen papeis, a súa desconfianza non sempre é infundada: os hospitais de Ceuta e Melilla avisan á Policía cando atenden persoas que carecen dun documento identificativo e non teñen cartón sanitario, segundo confirmou o Ministerio de Sanidade, do que depende a atención sanitaria nas cidades autónomas.

“Desde sempre, o protocolo di que ante unha persoa que está sen identificar é obrigado avisar a Policía para proceder á súa identificación”, explica o porta-voz en Ceuta do Instituto Nacional de Xestión Sanitaria (INGESA), entidade dependente do Ministerio de Sanidade encarregada da xestión sanitaria pública nas cidades autónomas.

Preguntados pola razón que está por detrás desas chamadas á Policía desde o hospital ceutí despois de atender inmigrantes en situación irregular, o departamento dirixido por Carolina Darias xustifica que os centros sanitarios das cidades autónomas avisan as forzas de seguranza cando os pacientes carecen dun documento de identidade físico “por exemplo, pasaporte, documento identificativo do seu país ou cédula de inscrición emitida por España á súa chegada” e non teñen “dereito á asistencia sanitaria”. O obxectivo, din, é emitir unha factura pola asistencia prestada.

“Aqueles que non teñan dereito á asistencia sanitaria da Seguranza Social están obrigados a pagar os servizos que reciben, segundo o establecido na normativa vixente. Só nos casos en que estes non acheguen a preceptiva documentación identificativa, solicítase a asistencia policial no caso de persoas adultas, a efectos de identificar o obrigado ao pagamento”, explica un porta-voz do Ministerio de Sanidade a ravés de correo electrónico. Segundo asegura, de non o facer, “o INGESA incorrería en responsabilidade contábel por non tramitar os expedientes dos ingresos que lle corresponden de acordo coa normativa vixente”.

A resposta non deixa claro en que casos o protocolo do INGESA require a emisión de factura e portanto chamar á Policía e en que casos non. Aínda que a normativa vixente permite o acceso á sanidade pública ás persoas en situación irregular, non a garante de maneira categórica para quen leva menos de tres meses no Reino de España. Estes pacientes, aínda que en principio non teñen dereito ao sistema de saúde até cumpriren os 90 días no país, poden ser atendidos sen ser facturados mediante a presentación dun relatorio social que acredite a necesidade de seren asistidos.

No mostrador do Hospital de Ceuta, tal e como comprobou eldiario.es, o persoal de administración costuma facer unha mesma pregunta cando sospeita que o paciente é un dos marroquinos que rodearon a nado os espigóns fronteirizos da cidade: “É un dos que chegaron?”.

 

Caen las llegadas de migrantes a Ceuta tras el aumento del control marroquí y las devoluciones en caliente

 

O INGESA contabiliza nunha listaxe específica o número de persoas en situación irregular que entraron na cidade durante a crise migratoria. “Teño orde de avisar para contabilizalos. Alén diso, en función da situación do paciente e as patoloxías que presente, se son urxentes ou son patoloxías ou lesións anteriores, unha enfermeira determina se é necesario atendelo ou non”, detallaba unha administrativa a finais de maio.

Dous sanitarios do Hospital de Ceuta consultados por eldiario.es ratifican que chamar á Policía cando o paciente non ten documentación é unha práctica habitual, aínda que un deles matiza que durante a crise migratoria non se fixo de maneira sistemática. Este medio preguntou ao Ministerio do Interior, á Delegación do Goberno e á Policía Nacional sobre o protocolo aplicado polos axentes en caso de recibiren avisos desde os centros sanitarios ceutís e melillenses, mais ningunha destas institucións respondeu.

Tensión coa Lei de Protección de Datos

Verónica Alarcón, avogada de ePrivacidad, sorpréndese ao escoitar a xustificación do INGESA para solicitar a asistencia policial desde os hospitais de Ceuta e Melilla. “A regra xeral é que non poden ser comunicados datos sobre unha persoa, en base á Lei de Protección de Datos. Na norma é prohibida calquera comunicación de datos sanitarios. Neste caso, avisar a Policía de que unha persoa está a recibir asistencia sanitaria nun momento determinado xa é unha comunicación de información persoal relativa á saúde”, advirte a letrada.

A avogada resalta que tanto os datos de saúde como os raciais están especialmente protexidos pola lei e só poden ser transferidos apelando a dúas excepcións: através do consentimento do paciente ou por razóns de interese público. “Neste último punto poderían ser incluídas estas chamadas á Policía, mais coa condición de existir unha normativa con rango de lei que o permita de forma expresa, xa que se trataría da limitación dun dereito fundamental”. eldiario.es preguntou ao Ministerio de Sanidade e ao INGESA pola lexislación en que se basea este protocolo aplicado en Ceuta e Melilla, mais non recibiu resposta.

Para Manuel Maroto, profesor de Dereito Penal da Universidade Complutense, a identificación para a emisión dunha factura non entra dentro das funcións policiais. “As identificacións policiais prodúcense cando hai unha infracción administrativa ou penal, mais iso non ten nada a ver con identificar a efectos dunha suposta facturación para prestar servizos sanitarios”, sostén. “Se eu tivese un estudante sen papeis nun exame, sen DNI, e chamase a Policía para que o identificasen, que sería eu?”, pregúntase.

 

Un joven migrante muere en Ceuta tras una caída en el puerto y otro es hospitalizado tras ser golpeado con un bate | España

 

Medo a acudir ao hospital entre os migrantes de Ceuta

Abrir a posibilidade de que un hospital chame a Policía cando atende persoas en situación irregular ou sen documentación, aínda que se produza en casos moi específicos, pode disparar a desconfianza de quen teme a devolución ao seu país, especialmente nun contexto como o vivido en Ceuta entre o 19 de maio e inicios da semana seguinte, cando a Policía Nacional e a local batían as rúas da cidade en busca de persoas en situación irregular.

Este protocolo “pode ter un importante efecto disuasorio á hora de as persoas en situación irregular acudiren aos centros sanitarios en busca da atención que necesitan. Desincentivar o uso dos servizos sanitarios rompe co principio de prevención que debe informar o sistema, pondo en serio risco a saúde individual e colectiva”, sostén Pablo Iglesias, porta-voz de Incidencia Política de Médicos do Mundo.

Apesar de descoñecer a existencia deste protocolo, o medo dos migrantes en situación irregular a acudir ao médico é habitual, sobretodo nos casos en que non están acollidos en instalacións públicas.

 

España devuelve a Marruecos 1.500 de los 6.000 inmigrantes llegados a Ceuta | Europa | DW | 18.05.2021

 

O nocello de Mehdi cada día estaba máis inflamado, mais respondía de forma cortante cada vez que se lle preguntaba se quería ir ao hospital: “Non, dáme medo que haxa Policía”, dixo o mozo de 18 anos a eldiario.es. Mehdi camiñaba apoiado nunha muleta vella que, segundo dicía, encontrou na rúa. Desde a súa chegada a Ceuta a nado durante a crise diplomática, estivo malvivindo nas rúas da cidade. A partir do 19, apenas durmía, pois pasaba as noites pendente dos controis policiais activados despois do acordo alcanzado entre España e Marrocos, que permitía devolver, sen apenas trámites, os adultos marroquinos que entraron na cidade esa semana.

O beizo de Mohamed corría o risco de infectarse despois un rachadura, mais tampouco quixo ser levado a un hospital por temor a ser detido pola Policía. A lesión foi sanando grazas á intervención de Marina Pérez Hurtado, da ONG Andalucía Acoge. “Enviounos unhas fotos e vídeos da boca, pasámosllo a unha enfermeira e díxonos unha opción para tratalo sen ter que acudir ao hospital, xa que o rapaz estaba aterrado. Ao principio nin sequera confiaba en nós, temía que chamásemos a Policía, mais finalmente logramos vernos con el e aos poucos vai mellorando”, explica.

Irina Samy forma parte da equipa que desde a organización No Name Kitchen tamén presta apoio sanitario, alimentar e asistencia letrada aos migrantes que malviven nas rúas de Ceuta. “Atendemos moitos rapaces que veñen con feridas, algunhas de golpes da Policía, hematomas ou agresións pola poboación local. Algunhas lesións son graves e requiren acudir ao hospital, mais os marroquinos moitas veces néganse, teñen medo”, describe. “‘Non, non! Hospital, Marrocos. Hospital, Marrocos’, adoitan dicirnos”.

Un dos que se negaba a acudir ao hospital tiña unha fenda na cabeza, segundo o seu relato. “Ese rapaz prefería desangrarse a ir ao hospital, mais ao final convencémolo. Acompañámolo, apuntárono nunha lista diferente, mais atendérono e saíu connosco. Ficamos alí con el por medo a que pasase algo, mais non houbo problema”, indica Samy.

eldiario.es