A bandeira española ondeará máis unha vez a medio pau nos cuarteis e no Ministerio de Defensa durante os días da semana santa cristiá, manténdose a decisión tomada no ano pasado. A bandeira ondea a medio pau nos cuarteis das Forzas Armadas como un símbolo de respecto, segundo o Real Decreto 684/2010, que establece a norma en caso de loito oficial, falecemento do titular da Coroa, do presidente de Goberno e de militares mortos en actos de servizo.

 

O ano pasado emitiuse unha orde interna, titulada Honras á Semana Santa, que establece que “desde as 14:00 horas da Quinta Feira Santa até as 00:01 horas do Domingo de Resurrección, a insignia nacional ondeará a medio pau en todas as unidades, bases, centros e acuartelamentos” militares.

Fontes oficiais de Defensa confirman que esta semana Santa se volverá a repetir o izado a medio pau en unidades militares, na sede central do Ministerio e as delegacións territoriais. Desde o gabinete de Cospedal xustifican esta decisión aludindo a unha sentenza do Tribunal Constitucional que ditaminou que “cando unha tradición relixiosa está integrada no conxunto do tecido social dun determinado colectivo, non cabe soster que através dela os poderes públicos pretendan transmitir un respaldo ou adherencia a postulados relixiosos”.

Doutra banda, para tomaren esta decisión tamén se basean na “disposición adicional cuarta” do Real Decreto do 2010. Nela establécese que se autorizan “comisións, escoltas ou piquetes para asistir a celebracións de carácter relixioso con tradicional participación castrense”. Esta epígrafe tamén recolle que “será respectado o exercicio do dereito á liberdade relixiosa e, en consecuencia, a asistencia e participación nos actos terá carácter voluntario”.

Con todo, este apartado da normativa a que fan referencia só alude á asistencia dos actos. Non fai referencia ao izado a medio pau por motivos relixiosos. Esta normativa recolle que a bandeira debe ondear a medio pau en edificios das Forzas Armadas en varias ocasións: cando o Goberno decrete loito oficial por un período de tempo determinado, por militares falecidos en acto de servizo ou pola morte do titular da Coroa, o seu consorte ou o seu herdeiro.

Ademais, ditamina que se renderán honras fúnebres ao presidente e ex presidentes de Goberno, a personalidades de especial relevancia por “excepcionais servizos a España”, ao ministro de Defensa, aos oficiais e aos xefes do Estado Maior. Nada recolle de render esta homenaxe anualmente a Xesus Cristo.

A ministra de Defensa defendeu o ano pasado no Senado que a bandeira fose izada a medio pau durante estas datas. Cospedal asegurou que “a celebración de festividades relixiosas polas forzas armadas non infrinxe a lexislación do país e o carácter aconfesional”. “Forma parte da nosa cultura, parte importante tamén do pobo español”, agregou. Tamén criticou a “incoherencia” do PSOE após asegurar que concellos socialistas tamén tomaron a mesma medida.

Participación en 200 actos de Semana Santa

Nunha nota de prensa emitida polo Ministerio aseguran que militares do Exército de Terra, a Armada e o Exercito do Aire participarán este ano en máis de 200 actos celebrados con motivo da Semana Santa. Neste comunicado inciden que estes profesionais acompañan de “forma voluntaria” distintas procesións en cidades.

Fonte: El Diario