Imaxe: CIG

 

Aumenta a tensión na folga no sector de elaborados do mar. A terceira xornada desta histórica mobilización comezou cunha intervención policial contra un piquete informativo que realizaba o seu labor na planta de Cabomar, en Marín. A actuación policial, que buscaba permitir a entrada na factoría dun grupo de empregados e empregadas (a maioría temporais), provocou contusións en varias das traballadoras que se atopaban concentradas na porta, resultando feridas tres delas, e sendo dúas trasladadas ao hospital nunha ambulancia do 061. Xa na xornada do martes houbera tensión nesta factoría, na que os sindicatos acusan ao seu propietario de valerse da situación de temporalidade e precariedade de varias traballadoras, contratadas a través de ETT, para impedir o éxito total dos paros.

Xosé Luís García Pedrosa (secretario de Organización de CC.OO. Pontevedra) denuncia que a Policía “actuou con violencia cara ás traballadoras e traballadores” e advirte de que se está a producir “unha actuación indecente na empresa do presidente da patronal, que está coaccionando os traballadores e traballadoras, aos que ameaza con despedir se fan folga”. Ademais, engade que “está contando coa colaboración da Policía Nacional e da Subdelegada do Goberno”, á que fixo responsable da situación creada. “Nós advertímoslle á Dirección da Policía que hoxe ían estar aquí traballadoras que non percenten ao cadro de persoal da Cabomar, que proceden de ETTs e que hoxe entraron a traballar vulnerando o dereito de folga”, sinala García Pedrosa

A terceira xornada de folga mantivo o elevado seguimento das dúas primeiras. Os sindicatos salientan que o paro conseguiu deter a produción nas principais factorías de Vigo, Pontevedra e Marín como Fandicosta, Mascato, GPS ou Cabomar. A CIG salientaba “o novo éxito da folga, produto da unidade dun sector fondamente feminizado”. E, ao tempo, criticaba a “intransixencia” da patronal, que -denuncia- se negou a mover a súa posición nas negociacións que se están a manter para a renovación do covenio do sector. O martes, no entanto, a folga transcorreu sen incidentes “a pesar da presenza intimidatoria de cadros directivos á porta dalgúns centros de traballo”, sinalaba CIG-Mar.

 

Resultado de imagen de traballadoras cabomar marin

 

Para CIG-Mar, a continuidade da mobilización “supón un serio revés á actitude da patronal nas negociacións do pasado xoves e deste luns, onde se mantivo intransixente nas súas propostas miserentas para o convenio”. Os sindicatos explican que na parte económica o empresariado mantén as mesmas propostas iniciais de suba salarial para os grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5,5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio -insuficiente para recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos anteriores-, fronte ao 5,5% e 2,9% que propón a parte social.

Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde. Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).

Os sindicatos fan, así mesmo, un chamamento á implicación da Xunta no conflito dada a condición de sector estratéxico para Galicia. “A administración debe tomar cartas no asunto e convocar ambas partes para facilitar unha solución”, declara Xabier Aboi, responsable de CIG-Mar.

 

Resultado de imagen de traballadoras cabomar marin

 

Un dos sectores industriais máis precarizados

Unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galicia, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente, denuncian os sindicatos. A CIG advirte de que as traballadoras e traballadores perderon poder adquisitivo dende o ano 2010, ao non acadar nin sequera un incremento equivalente ao do IPC. Entre 2010 e 2013 os salarios estiveron conxelados, subindo tres décimas nos anos seguintes. Os sindicatos denuncian que o convenio “é un dos máis precarios de todo o sistema de alimentación” e reclaman un aumento importante nos salarios, que na súa maioría non chegan a mileuristas, con soldos base anuais de 12.000 euros en 14 pagas (862 euros ao mes). Igualmente, demandan a redución da carga horaria, un plus de refrixeración debido ás baixas temperaturas nas que se traballa, limitar e controlar a actividade das ETTs, así como prohibir as cooperativas de traballo asociado.

É a primeira folga que se fai no sector. Até agora os empresarios xogaban coa precariedade e co medo, porque a precariedade tamén crea medo nos traballadores e traballadoras. Por fin o sector parece que espertou e petou na mesa”, subliña Suso García (CIG-Mar).

VIDEO: Intervención policial en Cabomar (Marín)

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena

Praza Pública