O Ministerio do Interior ordena transladar masivamente unidades de orde pública da Garda Civil e o Corpo Nacional de Policía española co obxectivo de impedir o referendo do 1º de outubro. “Ganaremos 10 a 1”, “Se acabó la broma” ou “Vamos a aplastarlos”, son algunhas das expresións que nos últimos días saíron da boca de Soraya Sáenz de Santamaría, Pablo Casado ou Xavier García Albiol, a ala máis dura do Partido Popular que se impuxo no actual escenario.

Teñen vontade de impedir pola forza o referendo do 1º de outubro, apesar de non contaren coas garantías operativas para conseguilo. Juan Ignacio Zoido deu as primeiras ordes de despregamento despois do consello executivo do 8 de setembro, pediu discreción, mais os últimos días a chegada de efectivos fíxose evidente aos ollos da cidadanía e corren polas redes sociais numerosas imaxes de carriñas policiais chegando ou estacionando en municipios da xeografía catalá. A avanzada destas unidades encarregouse de facer as inspeccións nas imprensas de Sant Feliu de Llobregat, Hospitalet, Badalona e Sant Adrià de Besòs.

Quinta feira pola tarde os que viaxaban pola A-3 -máis coñecida como a estrada de Valencia- puderon observar unha longa columnha de vehículos da Garda Civil que, procedentes de Andalucía, movíanse en dirección a Catalunya. Comboios similares do Corpo Nacional de Policía (CNP) española foron vistos na A-2 á altura de Zaragoza, procedentes de Bilbo, Valladolid ou Madrid. Boa parte destas unidades están especializadas en contención de masas e orde pública, mais tamén están as que pertencen ás brigadas provinciais de información. Até a axencia Colpisa sinala que o executivo do PP destinou 140 funcionarios das unidades antiterroristas á procura das urnas, e que o obxectivo cuantitativo final é a presenza de até 13.000 axentes adicionais ao Mossos d’Esquadra o 1º de outubro en Catalunya. Compre lembrar que a policía autonómica comandada por Josep Lluís Trapero suma 17.000 axentes, distribuídos en nove rexións policiais.

Apesar de que durante a semana pasada se observou unha notábel presenza militar na Vall d’Aran, con camións do exército de terra en Viella e un acampamento na chaira de Beret, todo apunta que neste caso se trataría de treinos xa programados e que foron realizados tamén en anos anteriores. O Ministerio de Defensa non tería activado, por agora, ningún operativo específico vinculado ao referendo do 1º de outubro. Ainda así, os militares presentes en Sant Climent Sescebes ou no cuartel do Bruc de Barcelona desenvolven máis actividade externa nos muros dos recintos castrenses. A viciñanza de Manresa apañou un bon susto sábado pasado de mañanciña, cando un helicóptero militar realizou un estridente vóo circular a baixa altura sobre o centro histórico da capital baxenca.

Aloxamento en hoteis e cuarteis en desuso

A dotación permanente da Garda Civil e o CNP en Catalunya ultrapasa os 5.000 axentes, maioritariamente destinados a controis de fronteiras, na liña da costa e nos aeroportos. Cuarteis, comandancias, comisarías e recintos residenciais de titularidade do goberno español foron reducíndose ao longo das últimas dúas décadas, a medida que se facía efectivo o despregamento dos Mossos d’Esquadra. É por iso que o aloxamento e a intendencia son elementos que dificultan o operativo planificado polo ministro Zoido para parar o 1-O. O goberno español está optando maioritariamente por aloxar os axentes do CNP en hoteis (de tres e catro estrelas) e os membros da Benemérita nas dependencias vacías dos cuarteis cataláns. O hotel Gaudí de Reus e o hotel Neptuno de Calella son dous dos establecementos que penduraron o anuncio de completo nos últimos días.

Carriñas da Garda Civil na cidade de Vic (Osona)

No caso da Garda Civil, alén das catro grandes comandancias de Sant Andreu de la Barca, Girona, Tarragona e Lleida, a dirección do corpo dispón de dependencias onde ubicar literas e colchóns nas sedes das compañías do corpo situadas en Balaguer, Manresa, Puigcerdà, Roses, Premià, Barcelona, El Prat de Llobregat, Valls, Reus e Tortosa. Precisamente nos parkins do cuartel de Reus é onde foron ubicadas as carriñas da Unidade de Intervención Policial (UIP) do CNP de Sevilla que chegaron á capital do Baixo Camp a pasada terza feira polo serán.

Non só están sendo habilitadas dependencias, senón que tamén están sendo inventariados materiais e capacidades operativas das forzas e corpos de seguranza do Estado en Catalunya. Unha fonte do ministerio que quer preservar o anonimato confirmou á La Directa que -entre outras actuacións- foi elaborado un relatorio sobre o número de persoas detidas que poderían acoller os calabouzos do CNP e da Garda Civil no conxunto da xeografía catalá.

Artigo publicado en La Directa (18/09/2017)