O alcalde do Concello de Santiago Compostela acaba de publicar un bando para recordar a ordenanza do PP coas prohibicións existentes sobre publicidade no ámbito do Plano Especial da Cidade Histórica. As multas por colar cartaces van de 1.501 até 3.000 euros. A Plataforma polos Dereitos Civís iniciou unha recollida de sinaturas contra esta medida “que atenta contra a liberdade de expresión”.

Colocar cartaces, auto-colantes ou similares no mobiliario público, pavimentos, paredes de inmóbeis ou muros de peche está tipificado como sanción moi grave segundo esta normativa. Esta ordenanza aprobouse en 2012 co voto a favor do PP e en contra de PSdeG e BNG, sendo alcalde Ángel Currás.

Segundo a Plataforma polos Dereitos Civís, o propio Concello de Santiago incumpre a normativa de publicidade estática de forma sistemática. Como exemplo cita este colectivo que “o pasado xaneiro de 2015 a Valedora do Pobo realizou unha suxestión ao Concello de Compostela para que cumprise o previsto na normativa vixente onde se esixe que existan espazos habilitados para a colocación de cartaces nos valados das obras”.

A comunicación da Valedora do Pobo require expresamente do alcalde “que inste a coordinación entre os seus departamentos para que a aplicación da normativa relativa aos valados de obra non xere confusión entre a cidadanía e estude, en caso necesario, a reserva de espazos de comunicación social nos mesmos para dar voz a colectivos sociais e culturais excluídos das canles publicitarias convencionais co obxecto de favorecer a súa libre expresión”.

A ordenanza foi aprobada en 2012 cos votos do PP e a oposición de PSdeG e BNG

O 30 de xaneiro de 2017, despois de varias queixas, o Concello afirmou que “se estaba esixindo ás empresas que instalasen os espazos habilitados para a colocación de cartaces, porén non existe aínda ningún en todo o concello”, sinalan.

Deste xeito, a Plataforma polos Dereitos Civís emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar ao Concello de Santiago de Compostela “que rectifique na súa postura e se absteña de ameazar con sancións pola colocación de cartaces até que esa administración cumpra co previsto na normativa vixente”.

O recente bando do alcalde de Compostela recolle que “queda prohibida, sen a previa autorización municipal, a fixación de cartaces, a colocación de soportes e a manifestación de calquera actividade publicitaria en todo o ámbito do Plano Especial da Cidade Histórica”. O incumprimento desta disposición dará lugar á orde da retirada dos obxectos e á imposición das sancións previstas na ordenanza e na Lei reguladora das bases do réxime local.

Rexeitamento desta medida

Fronte a isto, están tamén defensores de que os cartaces publicitarios teñen un componente informativo e artístico que fai parte da comunicación social e describe unha cidade activa. En canto ao ornato, a retirada de cartaces e a eliminación de pintadas en Compostela non respecta nin a cor de fondo nin a textura orixinal e degrada a estética da zona que se pretende ocultar.

Galiza Nova considera este bando do Concello de Compostela “moi prexudicial e un ataque frontal e directo cara á liberdade de expresión na capital da nación”. O feito de que se prohiba e se sancione con cantidades tan altas por colar cartaces ou mesmo autocolantes na zona vella de Compostela ten o obxectivo de, por unha banda, criminalizar e censurar a liberdade de expresión da mocidade na zona monumental, sosteñen. Pola outra, “ataca frontalmente a liberdade de expresión dado que o Concello non proporciona espazos nos que poder pendurar a cartelaría alternativos á prohibición da zona vella”. Ademais, relaciona este bando coa pretensión de converter a zona vella de Compostela unicamente nun escaparate para turistas, xerando problemas que xa se atoparon noutras cidades no último tempo como pode ser o caso de Barcelona.

Causa Galiza convida o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, “a baixar o ton ameazante do bando municipal que, en plena campaña do Día da Patria, suxire a suspensión xeneralizada do exercicio da liberdade de expresión e a aplicación de cuantiosas sancións económicas a quen se atreva a infrinxir a ordenanza municipal que pisa as liberdades democráticas”. “Facer exactamente o mesmo que Conde Roa é un camiño que non leva a ningures”, explican nas redes sociais. Así, cuestionan que, “como nos tempos de Conde Roa, exista apagón mediático, inexistencia de espazos públicos de comunicación, prohibición, de facto, da actividade propagandística e represión policial”.

Agora Galiza considera que dous anos de mandato “son máis que suficientes para ter derrogado esta ordenanza que atenta contra os dereitos democráticos máis básicos, unha auténtica lei mordaza de ámbito municipal”. Ademais, solicítan a Martiño Noriega que reconsidere “esta decisión antidemocrática, contraria aos valores que afirma defender, anulando este bando, para evitar un artificial conflito con quen realmente amamos e defendemos o patrimonio da cidade histórica”.

Asinar aqui.

Ler máis.