Máis de 90 organizacións de 11 Comunidades Autónomas convocan unha manifestación para o día 15 de decembro en Madrid diante do Tribunal Supremo. Tal como explican no seu Manifesto o obxectivo é “pór en evidencia que o poder xudiciario protexe as elites e que a xudicialización da vida política é un mecanismo que se aplica sistematicamente contra toda forma de discrepancia política que quer ser transformadora e que pretende actuar para superar o réxime de 1978”.
Ao longo do documento recóllense múltiplos exemplos que xustifican esta afirmación e que levaron as organizacións, colectivos, entidades e persoas que o subscriben a convocar a mobilización. Cada unha delas viviu esta falta de xustiza dunha forma particular, mais son conscientes que todas decorren da mesma involución autoritaria do conxunto das institucións do réxime do 78 que, co Rei á cabeza, reducen gravemente os dereitos e as liberdades da cidadanía e dos pobos do Estado español. Fronte a este perigo común a única posibilidade de vitoria é a converxencia das loitas. A manifestación de Madrid pode ser un primeiro paso neste sentido, afirman.