A coordenadora Abaixo os muros! asegura que a dirección do centro impón un confinamento solitario de dez días a todas as persoas presas que pasen por un vis-à-vis. A medida, equiparábel ao castigo por isolamento, estaría a disuadir moitos de exerceren o seu dereito a ter contacto persoal coa familia.

 

Prisión de A Lama Prisión de A Lama | Fonte: blogcarcelalama.blogspot.com

 

A pandemia de covid-19 vén de poñer no foco público moitas das prácticas desenvoltas dende hai tempo nos cárceres galegos e que, ata hai pouco, pasaban desapercibidas ou baixo o radar da opinión pública. Despois das denuncias de diversos observatorios polos dereitos dos reos, a coordinadora galega Abaixo os muros! vén de botar luz sobre unha suposta vulneración que estaría a ter lugar no Centro Penitenciario da Lama. 

A cuestión denunciada estaría nos vis a vis, suspendidos a finais do ano pasado pola dirección do centro e reabertos hai escasas semanas polo mesmo axente “despois de seis meses” sen estea posibilidade. A nova, porén, non supón un gran cambio –de acordo coa coordinadora–, xa que os encontros están a ter lugar nunhas “condicións abusivas” que “vulneran os dereitos básicos dos presos” e non atenden nin a legalidade que marca o regulamento penitenciario nin a propia do ‘estado de alarma’”.

Tal e como explican dende a plataforma, “os presos e presas deberán gardar unhas corentenas de illamento de dez días logo de cada vis realizado”. A corentena, que se desenvolve “nun modulo especial destinado a tal fin”, pode rematar por se equipara ao illamento, segundo a coordinadora; é dicir, a un dos castigos máis duros contemplados no marco do réxime penitenciario.

“CORENTENAS ILEGAIS”

En concreto, a regulación carcelaria española recoñece 14 días como máximo de peche en illamento; se ben neste caso contemplaríase unha saída ao patio de 2 horas, mentes que no peche sanitario esta posibilidade queda anulada. Abaixo os muros! asegura que xa están a constatar unha baixada dos vis a vis por mor das condicións impostas.

A plataforma considera, en conxunto, que a “imposición” destas corentenas “vulnera as disposicións decretadas polo Estado de alarma”. Esta norma, subliñan, “ non contempla a obriga de illar a persoas de forma infundada como é o caso, xa que se están colocando en corentena persoas que non mostran síntomas de coronavirus, sen realizarlles PCRs ou  outras medidas de detección, nin a elas nin as persoas que as visitan”.

Galicia Confidencial