No 13 de maio, EsCULcA enviou ao Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luís Ortiz González, unha lista de medidas que entendemos deberían ser implementadas nos cárceres para evitar tanto a diseminación do Covid-19 no presente surto pandémico -e, sendo o caso, en surtos futuros- canto a vulneración de dereitos, suspendidos ou restrinxidos durante a crise quer por razóns sanitarias, quer pola parálise sufrida pola administración prisional.

 

A prisión en Tenerife por quebrantar hasta en cinco ocasiones el ...

 

No ámbito sanitario, as medidas propostas por EsCULcA van desde a reactivación inmediata da Comisión Mixta de Sanidade para fazer efectiva a tan adiada transferencia da sanidade penitenciaria ao sistema xeral de saúde à avaliación de cada centro prisional para tomar medidas específicas segundo as necesidades de cada presidio ou á dotación inmediata do número de facultativo/as previsto nos cadros de persoal médico.

Tamén se sinala a necesidade de adoptar todas as medidas previstas na lexislación penal e penitenciaria para reducir o número de persoas presas -nomeadamente aquelas que foren especialmente sensibeis ao contaxio por idade ou afeccións- e garantir o principio de cela individual, unha medida que mostrou ser eficaz na contención do virus. Caso ser preciso o confinamento solitario dalgunha persoa por risco de contaxio, EsCULcA demanda que este sexa implementado en unidade sanitaria, non prisional.

No que toca aos dereitos que foron obxecto de restrición ou suspensión durante a xestión da pandemia, insístese na necesidade de restaurar as comunicacións con familias e avogada/os e de prever medidas efectivas para, caso houber futuros surtos, evitar a excesiva limitación de dereitos que se produciu esta vez.

Así mesmo están incluídas nesta proposta medidas que poden, e no parecer de EsCULcA deberían, ser adoptadas para restituir os dereitos que foron obxecto de suspensión ou restrición debido á parálise administrativa como, por exemplo, o uso de medios telemáticos para evitar a suspensión dos acordos das Xuntas de Tratamento dos establecementos prisionais, a confirmación inmediata dos terceiros graos e as licenzas de saída xa adoptadas no momento do levantamento do estado de alarma, a proposta de reforma do Regulamento Penitenciario para as persoas presas poderen desfrutar neste mesmo ano as saídas e terceiros graos cancelados pola parálise administrativa ou o indulto parcial para aquelas persoas que tiveren proposto un terceiro grao-réxime aberto que non puido ser executado polo estado de alarma.

Propostas de EsCULcA