A impunidade fronte ás violencias machistas foi enorme nestes anos, e en boa parte debeuse á existencia dunha normativa e unha xudicatura patriarcal carente de formación e sensibilidade en perspectiva de xénero. Unha carencia que se cultiva desde as mesmas Facultades de Dereito en que se imparte Dereito Eclesiástico, mais se despreza abertamente as achegas do feminismo xurídico.

Nas Facultades de Dereito continúase insistindo na neutralidade da lei, na idea de que o Dereito é ciencia ou, cando menos, unha técnica eficaz e adecuada de resolución de conflitos, mais as mulleres somos conscientes de non estarmos a salvo nin fronte ao dereito, nin fronte ás decisións xudiciais, supostamente imparciais, que se ocupan de executalo. Non podemos asumir que a lei é orde nin a xustiza é cega, se a vivencia que temos do Dereito, a súa encarnación nos nosos corpos concretos, resulta tan distante de semellantes equivalencias.

Entre as mulleres o Dereito vence, mais non convence. E, ollo, porque non se trata tanto de defender a obxectividade do Dereito, que non é máis que unha profesión de fe, canto de esixir que sirva aos intereses de todos e todas, e non só aos intereses dunha parte. O Dereito é patriarcal porque cando fala de violencia invisibiliza e inferioriza, con frecuencia, as mulleres.

Non é estraño, portanto, que ante as agresións sexuais que sufrimos, e animadas por un temor máis que xustificado, sexan moitas as mulleres que pidan sancións máis severas, aumento das penas, prisións preventivas, prisión permanente revisábel, castración química… en suma, restrición de dereitos, tamén penais, aos homes que nos atacan. Os casos son múltiplos, lamentabelmente, e o goteo é tan constante que é lóxico empatizar con este tipo de demandas. Contodo, hai que ter claro que esta pulsión punitivista non só non soluciona nada, senón que empeora, polo xeral, a situación das mulleres.

A reacción punitivista, por máis comprensíbel que sexa, individualiza un problema estrutural reducindo a violencia sexual ao estrito ámbito do consentimento propio; a énfase no consentimento, executado desde unha lóxica patriarcal, acaba debilitando a énfase na coerción social á que as mulleres estamos sometidas.

Como conta moi ben S. Watkins, nas campañas antiviolación que se protagonizaron nos campus universitarios dos EUA, na época de Obama, ‘a idea do trauma persoal substituía as nocións estruturais do dominio masculino e da subordinación feminina’ que defendera o feminismo radical. Para a xurisprudencia feminista radical estadounidense a violencia sexual era o epítome da desigualdade de xénero, a erotización do dominio e a submisión, mais cando o único que se busca é criminalizar e castigar o agresor concreto, a referencia deixa de ser a muller ‘como clase’ e pasa a ser, simplesmente, o ‘eu’, a muller ‘como vítima’.

Aliás, o punitivismo sobredetermina institucionalmente o movemento de mulleres. Cando as mulleres claman contra as violencias machistas constitúen unha trama política que, como di María Pía López, lánzase desde a corporalidade sintiente, desde a experiencia da fraxilidade común. E é, precisamente, o recoñecemento desa común vulnerabilidade o que nos permite evitar a súa captura securitaria. Cando o Dereito nos protexe só mediante o uso de sancións, fragméntanos, despolitízanos, e déixanos sen protección como grupo.

Finalmente, un proxecto legal desligado dun programa político-económico redistributivo, dunha axenda social máis ampla ao redor das violencias, e centrado unicamente na xustiza penal, ten un alcance moi limitado, confirma o statu quo e alimenta as dinámicas utilitaristas do sistema. Dinámicas que poden levar a castigos espectaculares para os agresores sinalados mediáticamente, represalias individualizadas de enorme calado para disuadir terceiros, mais que resultan inútiles, unha vez eliminadas unas cantas mazás podres.

O punitivismo é, ademais, un acicate para unha extrema dereita sanguinaria que clama en favor da cadea perpetua e a prisión permanente revisábel, e que fixo do antifeminismo un dos seus eixos vertebradores.

Vaia, é certo que, fronte a un Dereito patriarcal, a protección das mulleres require dun trato especial, mais ese trato non pode reducirse a unha criminalización máis vasta. Requírese dun plano social e requírese, ademais, dun sistema penal e penitenciario que incorpore, sen reservas, políticas preventivas. Un sistema en que o poder xudicial non traballe desconectado da súa contorna, só e isolado, ignorando quen pode ofrecerlle unha visión máis poliédrica dos problemas. Por iso, é esencial o papel dos psicólogos de vixilancia penitenciaria que avalían o risco de reincidencia, por exemplo.

Na sentenza do caso da Manada, déronse por probados uns feitos constitutivos de violación que foron despois cualificados de abuso con prevalimiento, co voto particular dun dos maxistrados, que pedía a absolución. A sentenza e as apreciacións do voto particular xeraron unha grande onda de indignación, mais o que se buscaba non era tanto un aumento da pena canto unha tipificación adecuada; que se chamase as cousas polo seu nome e que se falase de violación se era unha violación o que mostraban os feitos.

Fronte ás mulleres, o Consello Xeral do Poder Xudiciario reaccionou apelando á moderación, a prudencia, a mesura e a responsabilidade institucional «para evitar a utilización política da xustiza»; o prioritario era salvagardar a impunidade das togas. E unha boa parte das asociacións de xuíces e fiscais comportáronse tamén de maneira corporativista, criminalizando, sen máis, o activismo social, como se non fose posíbel criticar as actuacións xudiciais sen incorrer no máis basto retribucionismo; como se a turba» de mulleres representase, por definición, un perigo que fose preciso conter, cando esa «turba» era o froito dunha intelixencia colectiva atesourada grazas á impresionante distancia que se abriu entre o que os xuíces recoñecen como violencia e o que nós experimentamos como tal.

Neste tipo de casos de pouco vale aumentar a pena. Trátase, máis ben, de dar a batalla semántica para que a cualificación e a valoración das condutas se acomode ás vivencias e os testemuños das mulleres, consideradas no seu conxunto, e isto só pode lograrse educando os axentes xurídicos implicados e incorporando a prevención ao sistema penal.

O Dereito é unha estraña combinación de persuasión, burocracia e violencia, mais para funcionar, para xerar orde, seguranza e xustiza, esa combinación ha de ser equilibrada. Non serve de nada castigar se non se entende o sentido do castigo. Se a violencia machista é un problema estrutural, a súa abordaxe non pode concentrarse unicamente na figura do delincuente, nin na da vítima. Non digo que non haxa que castigar, digo que o castigo ha de ser aplicado considerando que o delito non é o froito dunha patoloxía individual (que tamén pode existir) senón dunha rede de relacións profundamente patriarcales, e é esta rede a que se ten que erradicar.

María Eugenia Rodríguez Palop