Presentadas dúas querelas xunto do xulgado de garda de Barcelona, en que se sinalan axentes da Brigada Mòbil dos Mossos d’Esquadra como supostos responsábeis de actuacións delitivas contra tres fotoxornalistas durante os protestos de rexeitamento pola detención de Carles Puigdemont.

 

             Imaxe da furgonta que segundo o querelante tentou atropelalo, onde se identifica a numeración E-600

 

As letradas Carla Vall e Júlia Humet -do gabinete de avogadas Nèmesi- presentaron este mediodía dúas querelas contra axentes antidisturbios da Brigada Mòbil (BRIMO) dos Mossos d’Esquadra no xulgado de garda de Barcelona. Os feitos denunciados aconteceron na sexta feira 23 e no domingo 25 de marzo no contorno da Delegación do Goberno español da capital catalá, lugar en que os Comitès de Defensa de la República (CDR) convocaran a cidadanía para protestar primeiro contra o encarceramento de Forcadell, Bassa, Romeva, Rull e Turull, despois contra a detención de Carles Puigdemont na Alemaña.

As tres persoas que se querelan son as fotoxornalistas Roser Vilallonga, Jordi Borràs e Àngel García, que aqueles dous días facían a cobertura gráfica das mobilizacións no exercicio da súa actividade profesional, un lavor que, segundo denuncian, foi coarctado polos axentes impedindo que puidesen completar os seus respectivos encargos feitos polos medios con que traballan. Unha das dúas querelas foi presentada conxuntamente e a outra exclusivamente por Àngel García, que como os seus compañeiros, estaba traballando como fotoxornalista -no seu caso freelance– acreditado cun vistoso brazalete de cor laranxa fluorescente no brazo, en que podía lerse facilmente “PRESS-PREMSA”.

A defensa de García considera que os feitos poden ser constitutivos dun delito de homicidio en grao de tentativa acabada, doutro de lesións consumadas e en grao de tentativa, dun delito contra a integridade moral e dun último de coaccións. Concretamente, sinálase que o condutor da furgoneta E-600 da BRIMO -e o superior ou superiores hierárquicos- que guiaba o mesmo vehículo na noite de domingo 25 de marzo como responsábeis da tentativa de atropelo do fotoxornalista. Segundo o relato dos feitos presentado no xulgado, diversas furgonetas dos Mossos irromperon conducindo temerariamente, a grande velocidade e con mudanzas bruscas de dirección, no cruzamento da rúa Aragó con Roger de Llúria, despois de minutos antes teren sido dispersadas violentamente as numerosas persoas concentradas na altura da rúa València.

 

Un vídeo que aportan á causa mostra como Àngel García tivo de afastarse rapidamente para evitar que o furgón E-600 o atropelase

 

Un vídeo que aportan á causa mostra como Àngel García tivo de afastarse rapidamente para evitar que o furgón E-600 o atropelase. O profesional gráfico chegou a ser impactado polo vehículo, golpe que lle arrancou o reloxio que levaba no pulso. Fruto deste episodio, García explica que ficou en estado de choque e numerosas persoas tiveron de o atender no lugar dos feitos. Naquela ubicación o tránsito estaba cortado, non había  incidentes nin congregación de persoas, mais mesmo así a BRIMO utilizou as súas furgonetas para iniciar unha persecución contra diversos viandantes, sen sequera discernir se se trataba ou non de manifestantes.

Desde aquel día, o fotoxornalista non pudo traballar en situación en que hai aglomeracións de xente, o que prexudica gravemente a súa tarefa laboral. Os feitos produciron nel unha “grave afectación psicolóxica e emocional e o temor de feitos similares en episodios próximos impédenlle traballar con normalidade”. Segundo as avogadas, “resulta de todo incomprensíbel que aquelas furgonetas arremetesen contra persoas que estaban sobre o terreo, non só porque esta práctica sexa delitiva e antiprotocolaria, senón porque o que se pretendía era, precisamente, sementar o medo e o pánico entre os que se encontraban alí”.

Querela colectiva

A segunda querela foi interposta polas mesmas avogadas mais, neste caso, en representación dos tres fotoxornalistas e polos delitos de lesións, coaccións e contra a integridade moral, que terían cometido axentes da BRIMO na sexta feira 23 de marzo. O escrito presentado no xulgado de garda demanda que sexan investigados os tres axentes agresores aportando con exactitude o seu NOP, ao mesmo tempo que solicita citar os seus respectivos superiores hierárquicos.

Aquela noite, Àngel García e Jordi Borràs foron expulsados do cordón policial para impedirlles documentar as cargas que se producían contra os manifestantes. Embora os dous fosen visibelmente identificados como xornalistas e, alén de levaren todo o material con eles, alertasen os axentes do papel que desenvolvían, non foron eximidos de recibir diversas pancadas de porrete. De feito, Borràs foi golpeado despois de os axentes teren observado que documentara a agresión a García.

 

O operativo dos Mossos deixou un centenar de feridos nun fin de semana/ Andreu Fernández García

 

Posteriormente, os dous requeriron aos axentes unha identificación que lles foi negada, mais mesmo así, conseguiron documentar o código alfanumérico que levan nas costas e que os asocia co seu Cartón de Identificación Policial. Como consecuencia das pancadas os dous tiveron de recibir asistencia médica e dispoñen do correspondente laudo médico para acreditar as lesións.

 

A fotoxornalista Roser Vilallonga foi espancada nas costelas e no peito esquerdo, do que fora operada recentemente a consecuencia dun cancro de mama

 

Pola súa vez, Roser Vilallonga tamén foi agredida despois de ser expulsada do cordón policial. Vilallonga ía visibelmente identificada mais segundo o seu testemuño un axente a golpeou sen mediar palabra. Primeiro recibiu pancadas no antebrazo, que ela interpuña para protexer as partes vitais do corpo, e posteriormente nas costelas e no peito esquerdo, do que fora operada recentemente a consecuencia dun cancro de mama. Resultado deste episodio, a veterana fotoxornalista padeceu un esguince costal esquerdo e sente dores que ainda persisten.

A actuación da Brigada Mòbil dels Mossos d’Esquadra naquel fin de semana estivo envolta en polémica, especialmente polo que di respecto ao trato que recibiron os traballadores e traballadoras dos medios de comunicación. No entanto, non foi este o colectivo máis afectado pola violencia policial, xa que máis dun centenar de manifestantes tiveron de recibir asistencia no Sistema de Emerxencias Médicas (SEM) despois das cargas policiais.

David Bou

Fonte: La Directa