O pasado 11 de setembro, dous internos do cárcere de Córdoba iniciaron unha greve de fame para denunciar a situación de un deles, que padece doenza grave e incurábel (VIH en fase moi avanzada, hepatite crónica, linfoma no hodgkin e discapacidade do 74%). Anteriormente, o preso reclamara sen éxito á administración penitenciaria abertura de procedemento para valorar a posíbel excarceración, que debe ser iniciado cando o preso está en estadio C do VIH [1], é dicir, en fase avanzada.

Tamén solicitara sen éxito e de forma reiterada os informes médicos do seu expediente, así como falar cos responsabeis do penal. Co obxectivo de lograr a abertura da valoración, o preso interpuxo así mesmo queixa perante o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria de Córdoba.

Segundo a delegación de Córdoba da Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, o outro preso, que iniciou a greve de fame en solidariedade co preso doente, foi castigado con internamento nunha cela de isolamento, por presentar unha instancia en que describía os malos tratos dispensados ao interno doente.

A cela de isolamento, denuncia a APDHA Córdoba, ten escasa iluminación e está en “condicións impropias do século XXI”. Nela pode permanecer máis dun mes, afastado do resto de presos e con apenas tres horas de paseo en solitario. Ademais, critican, as reixas electrosoldadas adicionais ás grades da cela de isolamento, que tal como denunciou o Defensor del Pueblo estatal [2] no ano pasado, “condicionan a disponibilidade de luz natural, para que presenten condicións análogas ás celas do resto do centro”.

No mesmo sentido pronunciáronse as Audiencias Provinciais de Madrid e Sevilla, estimándoo contrario ao dereito, segundo o artigo 254 Regulamento Penal, que sinala que o isolamento debe ser cumprido na mesma cela ou similar.

A APDHA comunicou esta situación ás comisións de Interior do Congreso e Senado, ao Defensores del Pueblo estatal e andaluz. A organización apoia as reivindicacións destes dous presos e entende que debe iniciarse o procedemento de excarceración da persoa presa que padece doenza grave ou incurábel, que o centro penitenciario non debe impedir o exercicio dunha greve de fame e menos aínda mediante o castigo, e que as celas de isolamento deben evitar privacións sensoriais como a existente na actualidade.

 

Notas:

[1] Circular DGIP 01/2000. Criterios para emisión de informe médico para estudo de posíbel aplicación dos artigos 104.4 e 196.2 do regulamento Penitenciario.

[2] Suxestión da Defensora del Pueblo de 19 de xullo de 2016 sobre outros módulos de isolamento en penais.

Artigo publicado en Tokata (22/09/2017)