Diversas entidades sociais, advogad@s e asociación de defensa dos dereitos humanos anunciaron hoxe (22/09/2017) que se mobilizan pola alerta creada pola ‘ofensiva represiva’ do estado español, que ‘pon en perigo os dereitos humanos básicos’. Co nome de #SomDefensores activaron o mecanismo legal ‘para darmos resposta en caso de vulneracion de dereitos’ coa vista posta no referendo do 1-O. “Agora mesmo xa non falamos de referendo si ou non, senón que tamén falamos da defensa da democracia”, subliñaron as entidades.

“Vivimos unha situación de impacto absoluto por toda Catalunya, con moitas entidades que están posicionándose”, explica Laia Serra, da Associació catalana de drets humans. “Estas entidades terán de ter acceso ao argumentario xuridico para encarar a súa defensa”. Por iso a rede #SomDefensores monitorizará a actividade do referendoe actuará como “vixiante” dos excesos que podan producirse en calquera dos corpos policiais que operan no país. “Non toleraremos ningunha vulneración de dereitos”, afirmou Anaïs Franquesa, portavoz de Iridia.

“Estamos vivindo unha ofensiva represiva do goberno español e consideramos que as medidas tomadas son abusivas, innecesarias e desproporcionadas, xa que supoñen a vulneración de dereitos humanos fundamentais”. A campaña denunciará “o retroceso que significan estas medidas represivas”. Neste sentido #SomDefensores afirman que estarán nas rúas e nos colexios electorais, “dando resposta” a calquera posíbel neglixencia ou abuso, como explica Júlia Granell de Lafede.cat.

A defensa conxunta de dereitos humanos proposta por #SomDefensores articúlase através de diferentes accións. En primeiro lugar, cun manifesto de alerta “para poder facer incidencia das vulneracións en Europa”. En segundo lugar, un dispositivo legal para facer frente a estas vulneracións. En terceiro lugar, un guia legal para ter claros os dereitos e “o que facer en caso de violencia ou detención”. En cuarto lugar, un informe “con todas as violacións de dereitos civis e políticos que se están cometendo”, e, por último, a creación dunha rede de observadores de dereitos humanos para o 1º de outubro.

Coas accións, a rede impulsada por Lafede.cat, Defender a quien defiende, Iridia, a Associació Catalana per la Defensa dels drets Humans e Reraguarda en Moviment, pon de relevo que “a represión do estado español está erosionando a democracia no noso país”, en palabras de David Bondia, do Institut de Drets Humans de Catalunya . “Estas medidas non son nin legais, nin lexítimas nin proporcionadas. Esiximos aos representantes políticos que cumpran o seu traballo de resolver os problemas politicamente e non con actuacións represivas contra aquelas e aqueles que representan”, salienta.

Neste sentido, as entidades para a defensa dos dereitos humanos queren animar a cidadanía a continuar defendendo os seus dereitos através da mobilización. “Están atacando os nosos dereitos dia a dia. A democracia cambalea e é hora de defendela. Non é momento de ficar na casa. Compre sair á rúa de forma masiva e pacífica, con intelixencia”.

Esteve Plantada

Artigo publicado en Nació Digital (22/09/2017)