O Grupo Asesor Internacional de Persoas Expertas (GAIPE) evidencia o vínculo de funcionarios estatais e non estatais de alto nivel no asasinato da defensora ambientalista, Berta Cáceres- Faino a través do Relatorio intitulado, “Represa de violencia: o plano que asasinou Berta Cáceres”, que reúne e sintetiza a análise de máis de corenta mil páxinas de rexistros telefónicos, así como de chats, mensaxes de texto, GPS, e correos extraídos dalgúns dos celulares incautados na investigación penal.

Así mesmo, o relatorio revela que o plano implementado para asasinar a lider comezou a desenvolverse en novembro do 2015. A información obtida a través dos rexistros telefónicos permite mesmo asegurar que houbo un intento de asasinato durante os días 5 e 6 de febreiro do 2016.

Como parte deste relatorio que fecha o seu traballo e inclúe a análise do contexto, do operativo que conduciu ao asasinato, as conexións por detrás do crime, as responsabilidades das persoas están a ser procesadas e doutras que non foron investigadas; o grupo elaborou conclusións e recomendacións para o Estado de Honduras. Entre elas:

  • Constátase a existencia dunha rede criminal, composta por directivos e empregados da empresa DESA, axentes estatais e sicarios con niveis de responsabilidade no asasinato de Berta Cáceres. Á súa vez, é posíbel establecer a consumación doutras condutas delituosas previstas na lexislación hondureña como: asociación ilícita, conspiración para delinquir, encubrimento, obstrución á xustiza e abuso de autoridade.
  • Os axentes a cargo da investigación non seguiron as normas sobre debida dilixencia e investigación exhaustiva para procesar, xulgar e sancionar todas as persoas responsabeis do asasinato de Berta Isabel Cáceres Flores e a tentativa de asasinato de Gustavo Castro Soto. A pesar de oito persoas teren sido sindicadas como autores materiais do asasinato, O Ministerio Público non mostrou avances en relación ás autorías intelectuais, ainda que conta con evidencia suficiente para impulsar novas liñas de investigación.

O GAIPE tamén resalta o rol das financiadoras internacionais, que, a pesar de contaren con información previa sobre a actuación de DESA e a súa conduta represiva cara ás comunidades, omitiu estas informacións en función de manter o seu respaldo á concesión.

Até antes da súa morte, Berta Cáceres lideraba a loita das comunidades indíxenas lencas para frear o proxecto hidroeléctrico Agua Zarca, unha das máis de 140 concesións que o goberno hondureño autorizou desde o seu golpe de estado no 2009.

Como resultado da súa campaña de alcance global, Berta Cáceres gañou recoñecemento e notoriedade internacional e converteuse así nun alvo de persecución legal, ataques físicos e ameazas de morte.

Fonte: Insurgente