A viúva de Javier Fernández, exbatería do grupo musical “Os Piratas”, morto en agosto de 2015 polo disparo dun dos axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar dos feitos por unha chamada ao 112, fixo público un comunicado en que insiste en que o seu marido “non era un maltratador nin nada que se lle pareza”, e reitera que a súa morte foi “evitábel” e “innecesaria”. O autor do disparo, que está sendo xulgado estes días, alega falta de puntería e preparacíón para xustificar a súa acción.

A través dun comunicado, Andrea Montes expresou o seu desexo de que “fique ben claro” que Javier Fernández “non era un maltratador” e que “nunca” a agrediu a ela nin ao bebé de ambos, que tiña dous meses cando o músico morreu. “Era unha persoa amábel, moi cariñosa, xenerosa, entregada á súa familia, aos seus amigos, aos seus veciños, aos seus alumnos, sempre disposto a axudar”, proclamou.

A viúva de Fernández fixo público este comunicado precisamente no momento en que se está celebrando o xuízo contra o garda civil que disparou ao exbatería. A familia do falecido responsabilízao de cometer un homicidio por imprudencia profesional grave, aínda que a Fiscalía non exerce a acusación, ao entender que o axente actuou en defensa propia e do seu compañeiro.

El Guardia Civil en el banquillo de los acusados.

Os feitos remóntanse ao 26 de agosto de 2015, na vivenda que o músico compartía coa súa muller e o seu bebé na parroquia de Guláns, en Ponteareas (Pontevedra). Aéa alí acudiu unha dotación da Garda Civil “por un posíbel delito de violencia de xénero” e entrevistouse coa muller, quen referiu que Javier estaba “moi alterado”, debido a problemas co tratamento dunha doenza psiquiátrica.

Cando os axentes entraron na casa, o músico reaccionou de forma hostil e ameazante e, segundo o garda agora procesado, viuse obrigado a disparar cando Javier fixo ademán de atacalos cun coitelo e un garfo. Aínda que o disparo ía dirixido á perna, sostén o autor da morte, a falta de puntaría e preparación fixo que acabase no tórax do músico, perforándolle a vea cava e causándolle a morte.

“En pleno brote psicótico”

No seu comunicado, Andrea Montes precisa que o seu marido “estaba en pleno brote psicótico” no momento dos feitos, debido a unha “nefasta” redución da medicación que tomaba para o seu trastorno bipolar. Así mesmo, insistiu en que pediu a unha veciña que chamase ao 112, e que ela mesma advertiu aos gardas civís que o seu marido estaba agresivo debido a motivos médicos.

Segundo incidiu, o seu marido entregou o bebé a un amigo, non o mantivo retido. “Por tanto, ninguén nos salvou de nada nin a min nin ao meu fillo, xa que estabamos fóra da casa. O meu marido estaba só en casa cando se supón que ían axudarlle”, engadiu.

Finalmente, a viúva afirma que “non hai nada que poida aliviar” o sufrimento pola perda de Javier, mais reclama “que se recoñeza que esta morte era innecesaria e totalmente evitábel”. “Queremos que se asuman responsabilidades, que se faga xustiza e, sobre todo, que xamais volva ocorrer algo así”, conclúe.

Artigo publicado en Galicia Confidencial (25/09/2017)