Jorge del Cura é funcionario da Xustiza. Desde finais da década dos 70 traballa e colabora con asociacións e colectivos que denuncian as torturas e a represión no Estado español. Esta sexta feira del Cura participou canda Elvira Souto na charla “O Estado das prisións na Galiza”. Nunha conversa con Sermos Galiza del Cura adiantou algúns dos datos que compartirá nas charlas na Galiza. “En 2018 rexistráronse seis queixas por torturas na Galiza, e ao longo deste ano faleceron doce persoas nos cárceres”, denuncia.

 

 

Continúa a ligarse a tortura aos danos físicos, á violencia física?

A idea da tortura remite un bocado á Inquisición, persoas torturadas con golpes, coas unllas arrancadas. Hoxe continúanse exercer ese tipo de prácticas, mais nos Estados occidentais son máis comúns as prácticas de tortura psicolóxica. Esta está enfocada a destruír a personalidade da vítima, a través dunha dor que esta non pode entender, diminuíndo a súa capacidade física e mental. Conséguese o obxectivo, que son xerar terror, as autoinculpacións ou culpas a terceiras persoas para manter a roda represiva e sen deixar pegadas.

XII Cadea humana pola liberdade das presas e presos independentistas (Galiza Contrainfo)

Como muda o emprego da tortura a partir e ao longo da Transición?

Pensamos que coa Transición remataríase coa tortura, pero non foi así. No Franquismo a tortura era sistemática no campo da loita contra os movementos sindicais, sociais e políticos, tamén no caso de presos sociais. Logo, na primeira metade dos 80, os niveis de tortura foron tamén altísimos, mais coa chegada de novos xuíces ou a organización de movementos sociais diminuíron. Hoxe mantéñense de xeito sistemático, con picos cara sectores e momentos concretos, por exemplo no caso da loita antiterrorista, na que as Autoridades amparan a violencia. Mesmo se, afortunadamente, a loita armada é case inexistente.

Con todo, o Código Penal recolle delitos como o enaltecemento do terrorismo ou o apoio a bandas armadas.

O concepto do terrorismo estendeuse dunha forma brutal. Hoxe calquera persoa que manteña unha posición disidente contra a política oficial pode ser cualificada de terrorista, ou de cómplice, defensor, etc.

 

Calquera persoa cunha posición disidente pode ser cualificada de terrorista, sinala del Cura

 

Na Galiza, a Fiscalía da Audiencia Nacional vén de solicitar penas de entre 4 e 12 anos para doce activistas independentistas e dun colectivo antirrepresivo.

Os de Ceivar ou Causa Galiza son casos nesa liña, si. Tamén hai pouco tempo máis de corenta persoas foron condenadas por pertenza a banda armada por traballar a prol dos dereitos humanos en prisións. O Estado español emprega o concepto “terrorismo” segundo lle interesa, isto é perigosísimo. Cada vez que se quere perseguir a un colectivo ou movemento o máis doado é cualificalos de terroristas. No caso concreto do Estado español o Relator contra a Tortura ou o Relator na Defensa dos Dereitos Humanos teñen amosado a súa preocupación por esa ampliación do concepto do terrorismo, que xera indefensión nas persoas acusadas.

 

XII Cadea humana pola liberdade das presas e presos independentistas (Galiza Contrainfo)                  Causa Galiza –  manifestación Foto GZcontrainfo

 

Paralelamente asistimos un ascenso e visibilización do discurso de odio e punitivista das forzas de ultradereita e da dereita, que piden endurecementos do Código Penal.

Da reaparición dese populismo punitivo, cada vez máis estendido, tamén hai que botar a culpa á “sociedade progresista”. O caso concreto de Vox, que solicita abertamente a cadea perpetua, ou incluso nalgunha manifestación ten levado pancartas pedindo a pena de morte, é un caso extremo. Mais practicamente case todos os movementos sociais caeron na trampa de pedir máis penas de cárcere, máis sancións.

 

Da reaparición do populismo punitivo tamén hai que culpar á sociedade progresista, denuncia del Cura

 

Unha parte dos feminismos, por exemplo.

Hai sectores feministas que rexeitan esa práctica, pero a nivel xeneralizado o punitivismo é máis común, tamén o máis potenciado nos medios comunicación. Pero tamén se observa nos movementos animalistas. Hoxe a primeira saída a calquera problema social ou político é máis Código Penal, máis policía, máis cárcere, iso evidentemente é un erro. O Código Penal nunca volverá nada, sempre se volverá contra os dereitos humanos e normalizará esas prácticas. Alén de aceptar que nos medios de comunicación alguén exprese o desexo de que alguén podreza en prisión. Iso é apoloxía da tortura.

Os medios seguen a deshumanizar ás persoas presas?

É unha situación que se realimenta a si mesma. As persoas, que poden ser autoras de delitos terríbeis, son presentadas como monstros, como “Hannibal Lecters”. Negámoslle a condición de seres humanos, e se xa non son seres humanos non hai por que respectar os seus dereitos. Vémolo no caso de terroristas, aos que se lle negan dereitos fundamentais. Os Dereitos Humanos pertencen a todas, non só as persoas “boas”. Ese discurso non se dá só nos medios, senón tamén nas series de televisión ou nas películas policiais, nas que se xustifica a tortura.

Que dificultades sofren as vítimas á hora de denunciar a tortura?

Por parte das vítimas as dificultades son moitas. Hai moito medo, sobre todo en caso de persoas que sofren presión, que saben que están en poder do corpo de prisións e que esa denuncia pode ter consecuencias, como a contradenuncia ou a revisión do grao da pena. No caso das persoas sen documentación pode significar a expulsión do país; no das autoras de pequenos delitos, que carecen doutra forma de vida, o empeoramento do trato se as volven deter. Por outra parte as vítimas desconfían totalmente das institucións xurídica pois a Fiscalía, polo xeral, brilla pola súa ausencia. Mesmo os xuíces que tratan de investigar a tortura atopan moitas veces falta de colaboración. Pero tamén desconfían das organizacións sociais, que non soubemos darlles un acompañamento adecuado. E, por último, os medios á súa disposición son escasos, con avogados que traballan de xeito altruísta, asumindo os custos.

RAQUEL C. PÉREZ

Sermos Galiza