Na pasada quinta-feira, 23 de decembro, varios medios publicaron a nota de prensa dos avogados de Martín Villa -sen contrastaren a información, como costuma ser a norma- deitando foguetes pola resolución da Cámara Criminal e Correccional Federal Arxentina en que esta acordou “decretar falta de mérito canto ao procesamento e o arquivamento de Rodolfo Martín Villa”, o que significa que a xuíza María Servini de Cubría debe continuar investigando e presentando máis probas para poder procesalo máis adiante, tal e como explica a Nota a medios da Coordenadora de Apoio á Querela Arxentina (CEAQUA) que reproducimos máis abaixo.

 

 

https://blogs.publico.es/verdad-justicia-reparacion/files/2021/12/foto1.jpg

 

 

Rosa García

 

Lembremos que a xuíza arxentina María Servini, a cargo do Xulgado Federal número 1 de Buenos Aires, resolveu procesar Martín Vila como responsábel de catro homicidios perpretados no contexto dos crimes contra a humanidade do franquismo, por tres dos asasinatos acontecidos durante o masacre policial en Gasteiz, o 3 de marzo de 1976, cando era Ministro de Relacións Sindicais, e polo asasinato a tiros de Germán Rodríguez durante a represión policial dos Sanfermins de 1978, sendo na altura Ministro do Interior. Outro oito casos máis ainda están a ser investigados.

No auto de procesamento, a xuíza expón que “toda a estrutura represiva montada polo réxime franquista continuou funcionando sob a dirección agora da nova dirixencia política a cargo do proceso da transición. Durante os primeiros anos mantivéronse as normas, estruturas, axentes e as prácticas represivas propias daquel e garantiuse ás forzas da orde pública a impunidade da súa actuación por todos os medios ao seu alcance”. Quen vivise eses anos non ten a menor dúbida de que isto é verdade, salvo para aqueles que teñen especial interese en ocultalo e negan a realidade, como acontece co imputado Martín Vila e quen o apoia.

Neses anos da transición foron cometidos decenas de asasinatos polas chamadas forzas da orde, así como por organizacións de extrema dereita con vínculos policiais ou, directamente, por grupos de matóns ao servizo do Estado, como eran os grupos para-policiais asociados aos servizos secretos e coñecidos con diversos nomes como Triplo A, Batallón Vasco Español…, que acabaron chamándose GAL co goberno de Felipe González.

Desde xullo de 1976 a abril de 1979, na etapa de Martín Vila como Ministro de Gobernación co goberno de Adolfo Suárez, tiveron lugar máis de 60 asasinatos de xovens manifestantes e de esquerdas. Este é o sinal de alguén que se arrimou ao poder logo que puido e aí está ainda. Por se houber algunha dúbida, o pedigrí do imputado é o seguinte: Durante a ditadura foi membro da franquista Frente de Juventudes, confidente policial na Universidade, Xefe Nacional do sindicato franquista universitario (SEU), presidente do Banco de Crédito Industrial, Presidente do Sindicato do Papel e Artes Gráficas, procurador en Cortes, conselleiro do Movemento, Delegado provincial en Barcelona e Secretario xeral do sindicato franquista, conselleiro do Reino e Gobernador Civil de Barcelona. Na transición foi Ministro de Relacións Sindicais, senador real, Ministro de Gobernación (Interior), Ministro de Administración Territorial, Vice-presidente do Goberno, con UCD. Tamén foi alto cargo do PP e de máis de 40 empresas como Polinmarpe SL, Ibercobre, Cellophane Española, Mutua O Fénix, Globalvida S.A., Cajamadrid, Inversora do Mediterráneo, Endesa, Cepsa, Agbar, Sogecable e outras. Conselleiro en Técnicas Reunidas (Ibex35) e no Sareb, sociedade que privatizou o patrimonio inmobiliario rescatado con diñeiro público na última crise.

Martín Vila é o exemplo máis claro e flagrante do que significou a sangrenta transición e de como as elites políticas e económicas do franquismo pactuaron o seu mantemento no poder, en forma de restauración borbónica, en troca dunha débil democracia que aínda non foi capaz de investigar e xulgar quen cometeu centos de millares de delitos contra a humanidade após o golpe de estado de 1936. Aínda hoxe, prestes a comezar o ano 2022, as vítimas do franquismo e a transición carecen de entidade xurídica, non son recoñecidas nin teñen acceso algún á verdade, a xustiza e a reparación en España, principios fundamentais do dereito internacional en cuestión de Dereitos Humanos. Precisamente isto é o que fixo que millares de persoas, para obteren xustiza, teñan decidido presentar queixa perante o xulgado que dirixe a xuíza Servini, na coñecida como querela arxentina, que logo completará 12 anos. A imputación de Martín Vila e outros, entre os que está o ex-ministro franquista Fernando Suárez, mantense viva.

Fai falta máis investigación, di a resolución da Cámara Criminal e Correccional Federal Arxentina, e iso só se pode facer coa colaboración do Estado español. Surxe, pois, a pregunta: colaborará o actual goberno coas vítimas ou cos carrascos?

 

Nota a medios da Coordenadora Estatal da Querela Arxentina (CEAQUA)

A Cámara Criminal e Correccional Federal Arxentina ditou Resolución con data 23 de decembro de 2021 en que acordou decretar falta de mérito no que se refere ao procesamento e o arquivamento da causa contra Rodolfo Martín Villa.

A falta de mérito supón e representa que o Xulgado a cargo da Xuíza Servini debe aprofundar na investigación para procesar Rodolfo Martín Villa nun momento posterior. Isto é, que debe continuar coas dilixencias de investigación correspondentes para acreditar dunha forma máis sólida a responsabilidade do Imputado nos feitos denunciados.

A Resolución agora ditada pola Cámara Criminal e Correccional Federal Arxentina é susceptíbel de ser recorrida en casación nun prazo de dez días e o noso equipo Xurídico está a estudar nestes momentos o contido da mesma e a viabilidade no que toca á interposición do citado recurso.

En todo caso, desde CEAQUA queremos manifestar a nosa desconformidade co contido da Resolución ditada, pois durante a tramitación da causa ficou acreditado de forma indubitada a autoría mediata de Rodolfo Martín Viçla nos homicidios agravados nun contexto de crimes contra a humanidade que foron obxecto de denuncia e polos que foi procesado.

Ora ben, de Igual forma que a Cámara estableceu a falta de mérito respecto ao procesamento de Martín Viçla, tamén a estableceu a respecto do arquivamento da causa e a súa anulación, tal e como interesou no seu recurso de apelación o propio Martín Viçla. Iso supón incuestionabelmente que continuará, en todo caso, Imputado na querela arxentina e que, portanto, todas as portas seguen estando abertas de face a confirmar o procesamento realizado no seu momento pola xuíza María de Servini. Apesar da presente resolución, Martín Vilça segue tendo serios motivos para estar preocupado.

Portanto, desde CEAQUA continuaremos impulsionando a querela arxentina, traballando nela ao obxecto de que os criminais e os crimes franquistas non fiquen impunes, esperando que a Resolución da Cámara Criminal poida ser revogada.

Público