Un home morreu en Badalona despois de ser reducido por axentes dos Mossos d’Esquadra cunha Taser. Concretamente, o individuo que perdeu a vida recibira a descarga dunha pistola eléctrica por parte dos policías e fora inmobilizado. Os feitos tiveron lugar na pasada sexta-feira 26 de novembro ao mediodía, cando unha familia avisou os Mossos d’Esquadra de que o seu fillo estaba ameazándoos “con coitelos”, segundo confirmou a Efe a policía catalá. Os axentes accederon ao domicilio da familia pola vivenda dun veciño, xa que o fillo supostamente bloqueara as entradas.

 

Muere un hombre en Badalona tras la descarga de una táser de los Mossos

 

 

Berto Sagrera

Os Mossos d’Esquadra aseguraron que os axentes utilizaron a pistola Taser “polo ben da familia e os mossos presentes” para reduciren o home. Un home que, despois de caer ao chan, tamén foi inmobilizado. O home foi levado ao hospital, onde morreu. Aínda se está pendente da autopsia para determinar as causas da morte. Fontes do corpo declararon á ACN que a arma foi empregada cumprindo os protocolos establecidos.

A primeira morte por Taser desde 2018

As pistolas Taser están permitidas en Catalunya para axudar en reducións complexas dunha persoa caso existir risco para os axentes, os propios afectados ou terceiras persoas, e levan incorporados sistemas de gravación.

As reaccións á noticia chegaron de inmediato. A asociación Irídia – Centre de Defensa de Drets Humans esixiu á Conselleria de Interior “unha investigación tanto dos feitos como da incidencia da descarga na defunción”. “As Taser poden ser letais”, engaden. É por iso que as súas actuacións “teñen que ser gravadas sempre”. “Confiamos en que as imaxes poidan esclarecer os feitos ante o xulgado de instrución que investiga a defunción. É o primeiro caso de morte en Catalunya por Taser desde a súa implementación no corpo dos Mossos no ano 2018”, explican.

Esclarecer os feitos

Irídia lembra que a asociación xa “advertiu en moitas ocasións que as pistolas eléctricas Taser poden xerar graves lesións ou mesmo a morte”, aínda que “moitos concellos introduciron as pistolas eléctricas sen control e dos argumentos de sindicatos policiais”. “Un dos elementos chave é que cando se aplica non se coñecen as circunstancias de saúde da persoa contra quen se aplica: o risco de producir danos severos aumenta se a persoa ten cardiopatías ou se consumiu substancias estupefacientes”, apuntan.

Neste contexto, o centro para a defensa dos dereitos humanos subliña que “é importante esclarecer os feitos en profundidade”. “Instamos novamente a Conselleria de Interior a reformar o protocolo de uso de Taser para adaptalo totalmente ás recomendacións do uso de Taser que foron elaboradas polo Parlament no ano 2017, tal e como recomenda tamén o Síndic de Greuges”, conclúe.

El Nacional