A pasada segunda-feira foi feriado en Navas del Rey, un concello da Serra Oeste de Madrid con 2.800 habitantes. Un sacerdote abenzoou con auga benta o novo camión do lixo nun acto que encabezou o vicepresidente da Comunidade, Pedro Rollán. ‘Fun eu o que lle preguntou se lle molestaba, mais dixo que non. É unha práctica habitual. Facémolo sempre que inauguramos algo importante no vila’, asegura o alcalde, Jaime Peral, que abandonou o PP en 2017.

 

 

Nas imaxes, gravadas por Radio 21 Sierra Oeste, aparecen Peral e Rollán persignándose e a seguir o padre rezando e asperxindo auga sobre o vehículo. ‘Paréceme que os anos cincuenta ficaron moi atrás. Voltamos aos anos do NODO. É algo trasnoitado, fóra de lugar. Enviei o vídeo a uns amigos, mais esquecin dicirlles o ano en que se gravou?, ironiza o concelleiro Bonifacio Galego.

O alcalde tenta minimizar a importancia do asunto. ‘Levamos dous anos de xestións para conseguir un novo camión de lixo. O anterior leva dando servizo 25 anos. Entendemos que para a capital un camión é algo menor, mais para nós é moi importante. E cada vez que inauguramos algo importante procuramos abenzoalo’, sinala. Fíxose, asegura o rexedor, hai uns anos co campo de fútbol e volverá facelo cando estiver lista a ermida que están a construír.

‘Cando cheguei advertín que non só estaban o alcalde e o vicepresidente rexional, tamén o cura do pobo. Pregunteille se ía abenzoar o camión e díxome que si, así que me puxen a gravar. Non é habitual abenzoar nada, e menos un camión do lixo’, explica o autor do vídeo, Pedro Miguel Bordonado, director da emisora local Radio 21 Sierra Oeste.

Peral, que se considera católico practicante, comprende que alguén poida sentirse ofendido, mais pede respecto para unha decisión da súa equipa de Goberno (formada por outro cinco edís do PP. El actualmente é concelleiro non adscrito). Asegura que abenzoar un camión non fai dano a ninguén e que a finalidade é ‘que Deus nos axude a coidalo e que podamos gozalo polo menos outros 25 anos’. Juan José Picou, portavoz de Europa Laica, considera que o acto supón unha nova intromisión da cuestión relixiosa nun asunto civil. E subliña: ‘É un insulto á intelixencia e merece un repudio democrático’.

FRAN SERRATO

El País