Crónica de Tamara Martínez sobre a xornada que decorreu en Bruxelas sobre os ataques á liberdade de expresion no Estado español, organizada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda.

 

A conferencia sobre os ataques á liberdade de expresión e de prensa organizada polo grupo ALE-Verdes e coordinada pola eurodiputada nacionalista galega Ana Mirada (BNG), reuniu en Bruxelas a distintas voces do xornalismo, da arte e do activismo político e social para denunciar que no Estado español hai represión. Unha represión, inciden, até o de agora amparada pola propia UE. Á cita presentáronse tamén unha morea de medios españois desexosos de atoparse co rapeiro Valtonyc, fuxido da xustiza española. Algúns deses medios, lonxe de interesarse polo recorte en liberdades do que se estaba a tratar no Parlamento, marcharon ao decatarse de que o mallorquín só estaba presente grazas ao seu grupo de apoio.

Ana Miranda abriu a xornada lembrando a Suso Vaamonde, cantautor galego represaliado no ano 1979 por mor dun retrouso cantado nun festival antinuclear en Pontevedra e que tivo que exiliarse durante catro anos. “Estamos no 2018 e seguimos tendo persoas no exilio: Presos políticos, periodistas, escritores e rapeiros, persoas que por expresarse son condenados e minimizados”, explicou a eurodiputada, quen tamén lle adicou o acto ao recén falecido e xornalista Ramón Chao: “Para vós van as nosas primeiras palabras”.

O evento tamén contou coa participación dos eurodeputados Jordi Solé e Josep-Maria Terricabras, representantes de Esquerra Republicana de Catalunya e que coorganizan esta xornada xunto con outros eurodiputados do grupo Verdes-AL. Ambos os dous insistiron en representar a unha cámara democrática onde se defenden os dereitos fundamentais, “un espazo que teoricamente é o máis avanzado na protección dos dereitos básicos”, mais no que se producen “derivas preocupantes en materia de dereitos fundamentais nalgúns estados membros”, concluí Solé.

Lei Mordaza

A xornalista Beatriz Talegón analizou durante a súa intervención os tres puntos fundamentais nos que está asentada a regresión de dereitos que se vive no Estado español: Lei Mordaza, modificación do código penal do ano 2015 e a practicamente libre interpretación que se fai en sede xudicial das normas existentes. Talegón insistiu na ausencia dunha separación real de poderes, especialmente despois da reforma no 2015 do artigo 92.4 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, “unha porta aberta pola parte de atrás que lle outorga capacidade de sancionar e executar as súas propias sentencias” e que incluso foi criticado polo propio tribunal.

Tamén criticou o férreo control administrativo que impón a Lei Mordaza ao priorizar a presunción de veracidade dos membros das forzas de seguridade do Estado sobre a inocencia da cidadanía, e ofreceu un dato alarmente: nos sete primeiros meses de aplicación desta lei foron máis de 10.000 as sancións impostas por faltas de respeto á autoridade ou por consideracións de desebediencia civil.

“Poder antidemocrático”

Suso de Toro abriu a súa quenda lembrando a catástrofe ecolóxica do Prestige, “un episodio no que comprobamos como os medios empregados por parte dun poder antidemocrático sufocaron, ocultaron e illaron a existencia do problema a unha sociedade galega que tentaba actuar para defenderse”.

Tamén en relación á non separación de poderes, o escritor galego asegurou que “un estado non é un estado de dereito simplemente por ter leis, xuíces e fiscais”. “Iso existía con Franco, co que tamén había un tribunal de orde pública agora chamado Audiencia Nacional. Segue habendo as mesmas estruturas”, dixo, acusando a dereita española de recuperar a forma que eles consideran “natural ao estado”. O escritor tamén tivo palabras para o pobo catalán, “unha cidadanía estigmatizada por discrepar e manter a súa reivindicación”.

Xornalista

O segundo panel, centrado na persecución policial pola libre expresión de opinión na rede, contou coa testemuña de Alex García, administrador da canle de Youtube Resistenciafilms e acusado de enaltecemento do terrorismo, e de Boro, xornalista en medios como Kaosenlared e La Haine, acusado ademais disto por agresión a axentes da autoridade mentres cubría unha manifestación contra a monarquía en Madrid.

“O único terrorismo que coñezo é o que despexa familias, o que asasina con longas listas de espera nos hospitais, que condena a condiciones de escravitude á clase obreira e a prisión por expresarnos e que xera guerras noutros países para saquealos. Na miña canle só se enaltece o amor aos oprimidos e o odio ás inxustizas”, dixo Alex García, que se enfronta a unha pena de dous anos de cárcere.

Boro LH mencionou o caso do xornalista navarro Miguel Angel Llamas “Pitu”, que pasou ano e medio en prisión por participar nun medio de comunicación pechado pola Audiencia Nacional, caso que, máis tarde, foi arquivado pola falta de probas. Un bon exemplo da impunidade coa que a xustiza pode actuar. Boro, que se enfronta a seis anos de cárcere, explicou a perigosidade de opinar no Estado español, “sempre e cando difira da do goberno”. Ademais, quixo poñer de relevo que a Fiscalía non pretende demostrar que determinadas publicacións sexan delito, senón as ideas políticas das persoas acusadas e que, por outra parte, considera unha “consecuencia da propia historia do Estado español”.

Hasél

O rapeiro Pablo Hasél tamén puido explicar como a Policía Nacional rexistrou o seu domicilio no ano 2011, onde lle foron “secuestrados” desde libretas até libros que falan de comunismo, fotografías, ordenadores, camisetas con mensaxes de “liberdade presos políticos”, así como os aparatos electrónicos dos seus pais e irmás, feito que comparou coas actuacións da Gestapo nazi, “e todo por facer cancións contrarias ao réxime”, explicou

Valtonyc e o colectivo musical La Insurgencia, con até doce persoas condenadas a dous anos de cárcere, contou coa representación dos seus grupos de apoio. Ariadna Suaria, portavoz do grupo de apoio a Valtonyc, quixo resaltar que os delitos de enaltecemento de terrorismo non son máis que “simples delitos de opinión empregados como caixón de sastre” para perseguir a colectivos minoratarios e desfavorecidos, resaltando que unha terceira parte deste tipo de delitos sexan “tuits, retuits e brincadeiras”.

La Insurgencia

Elena López, nai dun dos membros de La Insurgencia acusado de enaltecemento de terrorismo, explicou, en ton irónico, como a xustiza española estaba a quedarse corta por non ingresar nos cárceres aos pais e familias que educan para ser críticos e libres: “Sempre lles dixen aos meus fillos que calquera idea se pode defender coa palabra e el, que ao parecer é guiado, faime caso e agora estamos como estamos. O Estado español debe condenarme por criar ao meu fillo para ser crítico e libre”, explicou.

O xornalista e escritor Aníbal Malvar fixo fincapé na ignorancia dunha enorme parte da poboación española en relación á persecución que existe por mor da imaxe que se está dando “desde os grandes medios”. O xornalista apelou á coordinación entre os xornais de esquerdas para cambiar esta deriva nas correntes de información, “e que casos como o de Valtonyc deixen de ser unha anécdota. Agora parece que si o é porque está fuxido, pero tardou moito en selo. Non o esquezamos”, concluíu.

O xornalista francés Jean Quatremer, especializado en cuestións europeas, explicou como desde Bruxelas, “a pesar de non xogarse a cabeza no seu traballo”, é moi difícil exercer a súa labor debido ao férreo control que desde estas institucións se impón en canto á libre transmisión de información: “A Comisión Europea é unha fábrica de fake news. Minte continuamente, como por exemplo misturando euros correntes e constantes, confundindo os datos sobre os recortes nas axudas aos agricultores e as rexións máis pobres. Son fake news institucionalizadas e os xornalistas acabamos sendo cómplices porque a competencia é voraz e non hai tempo de análise”.

CRTVG

O último panel acolleu ao Comité Intercentros da CRTVG. Ramiro Méndez, explicou como o “favoritismo empresarial” exercido desde o goberno da Xunta vén producindo grandes desviacións a respeito da misión que un servizo público como a CRTVG ten encomendadas. Esta manipulación continuada dos programas informativos así como a vulneración dos principios de veracidade e obxectividade póñense de relevo con casos como o do 26 de xullo de 2017, data da comparecencia de Mariano Rajoy polo caso Gürtel e totalmente encuberta no medio público.

Tal e como explicou Xesús Domínguez, membro do comité de empresa por CCOO, os informativos do mediodía da Radio Galega abriron ese día cunhas declaracións de 1998 nas que o xa expresidente Felipe González comparecía nun xulgado para explicar a investigación polo presunto financiamento con fondos do Ministerio de Interiordos GAL. Andrea de Francisco tamén quixo sinalar a precariedade que supón que todo o departamento encargado do tratamento da información na web da CRTVG estea composto por redactores e redactoras en prácticas.

Durante a exposición das distintas problemáticas que asoballan á entidade pública, tamén houbo oco para reivindicar a figura do Diario Cultural da RG así como a folclorización da cultura galega na cadea e é que actualmente, a TVG conta con só un programa cultural, o Zigzag.

A actriz Isabel Risco pechou a xornada co poema “A xustiza pola man” de Rosalía de Castro, sen antes reivindicar a figura doutras mulleres galegas na historia, como María Soliño ou María Castaña, historia que, para esta activista política, fica “aniquilada dentro do coñecemento xeral do Estado español”. Risco tamén quixo deixar latente no Parlamento que o pobo galego, lonxe de ser submiso e calado, é loitador, como deron boa mostra os xornalistas da CRTVG que se desprazaron até alí para reivindicar os seus dereitos.

TAMARA MARTÍNEZ

Fone: Sermos Galiza