O ministerio de Sanidade español deixa claro na súa norma que as vacinas contra a Covid-19 e a súa tipoloxía é fixada por faixas etáreas e a orde no calendario vén marcada por grupos de preferencia.

 

 

A modo de exemplo, primeiro foron parar ás persoas maiores en residencias e ao persoal sanitario. Aínda que está ben especificado no documento Estratexia de Vacinas, outro ministerio socialista, o de Defensa e liderado por Margarita Robles, fai caso omiso destas instrucións.

Pfizer por AstraZeneca
Así pois, Robles puxo a disposición dos militares até 19.500 vacinas de Pfizer, aínda que só facían falta para 2.340 efectivos correspondentes ao corpo sanitario deste órgao, segundo o xornal ‘Vozpópuli’.

Tendo en conta que esta vacina require dúas doses, hai 14.820 que non corresponden. Se revistamos as cifras xerais actuais, desde o pasado 24 de marzo, o ministerio de Sanidade destinou, sen ter o control estrito destas, 55.600 vacinas ás forzas armadas: destas 36.100 corresponden ás de AstraZeneca e 19.500, ás xa mencionadas por Pfizer.

Alén diso, se nos fixarmos na Estatística de Persoal Militar de Carreira e da Garda Civil, o corpo militar sanitario tampouco está plenamente en activo. Dos 2.340 efectivos, apenas hai 1.596 que traballan, outros 326 teñen unha excedencia voluntaria e 465 están en reserva. Estes datos poden ser consultados no mesmo ministerio de Defensa.

A mesma Robles admitiu un excedente, pondo de lado as altas ou baixas sanitarias, aínda que o reduciu a 971 doses escusándose en que “o resto [son] para persoal da Unidade Militar de Emerxencias de máis de 55 anos, así como para lugares críticos”. Ningún destes dous casos está xustificado na Estratexia de Vacinación.

Hai que lembrar que a vacina de Pfizer  só é fornecida de forma exclusiva a sanitarios, persoas maiores en residencias ou maiores de 70 anos e as altamente dependentes. O escándalo de cifras é o segundo que arrastra o ministerio de Robles.

O ex xefe do Estado Maior da Defensa, Miguel Ángel Villarroya, vacinouse contra a Covid-19 saltando a súa quenda. Xunto con el, tamén se sumaron 370 membros máis cando xusto acababan de ser recibidas as primeiras doses para ter inmunizadas as residencias. Apesar de todo, a ministra Robles premiouno e nomeouno membro da Asemblea da Real e Militar Orde de San Hermenegildo, do Exército do Aire e destinouno a Washington.

Núria Casas

El Nacional