Tecnicamente a condena europea ao Reino de España polo caso de Xabier Atristain ten como motivo o veto a avogado de confianza. Mais a redacción do texto sinala alén dese motivo, á autoinculpación forzada. E como ocorreu? Este é o detalle das torturas e a dupla desatención da Audiencia Nacional.

 

El trasfondo del fallo europeo: la «bolsa», cinco días sin dormir y una bala para Atristain | Euskal Herria | Naiz             Xabier Atristain, en mans da Garda Civil en setiemnbre de 2010 en Donostia. (Juan Carlos Ruiz | Foku)

 

Onte, a manchete da noticia da sentenza europea contra o Reino de España polo caso de Xabier Atristain non podía ser outro que o motivo técnico do Tribunal Europeo: Madrid foi condenado por negar dereito a avogado de confianza a un detido vasco. Mais esa é só a punta do iceberg. O mesmo fallo apunta sibilinamente ás consecuencias que tivo este factor, sumado a todos os restantes que leva a incomunicación: a privación de amparo a Xabier Atristain «prexudicou a equidade do proceso penal posterior, na medida en que a declaración inicial incriminatoria do demandante foi admitida como proba».

Con efecto, Atristain foi condenado a partir do seu propio testemuño, forzado nos calabouzos da Garda Civil. Foi unha declaración efectuada baixo graves torturas que detallou o detido; unha declaración que como pormenor moi significativo nin sequera asinou o avogado de oficio, e unhas torturas ás que non fixo alusión o xuíz instrutor da Audiencia Nacional no auto de prisión e que foron desmentidas expresamente polo tribunal que o condenou en 2013. Cun último detalle sinistro no proceso: Xabier Atristain púxose a disposición xudicial por vontade propia apenas uns meses antes, mais nesa altura foi deixado en liberdade, o que apunta a que a GC -e a AN, ben por impulso propio ou por seguimento do instituto armado- preferían apañalo vía incomunicación.

Por certo, todo iso non ocorreu nos obscuros anos 70 e 80 senón en setembro de 2010, nun momento en que a esquerda abertzale xa estaba a virar de modo visíbel cara ao fin do conflito armado. Produciuse cun goberno do PSOE e con Alfredo Pérez Rubalcaba como ministro do Interior.

Dúas veces sen coñecemento

Co anterior fica claro que hai moito que detallar no caso, polo que é imprescindíbel ir por partes. A comezar polo máis grave, a tortura revelada polo detido, que hoxe aínda está en prisión. O seu testemuño foi publicado días despois polo movemento pro-amnistía xunto co de Juan Carlos Besance, detido ao mesmo tempo. E é moi pormenorizado.

Aínda que o momento da detención «foi tranquilo», o calvario de Atristain comezou cando o meteron no coche da Garda Civil para o levaren a Madrid. Xa no camiño «puxéronlle a bolsa na cabeza, moi apertada, deixándoo sen ar e case até ao momento de afogar. Perdeu dúas veces o coñecemento no camiño».

Atristain expuxo que «a Garda Civil tiña moi controlado até cando podía ter a bolsa na cabeza, cando perdería o coñecemento…». É inevitábel lembrar o que lle dicía a ese respecto o axente de Intxaurrondo Pedro Gómez Nieto ao seu xefe no Cesid xa un par de décadas antes, porque constitúe todo un «manual da ‘bolsa’».

 

O detido detallou que perdeu dúas veces o coñecemento camiño a Madrid por causa da «bolsa», alén de sufrir vómitos e taquicardias

 

A aplicación da «bolsa» continuou no cuartel de Madrid, entre interrogatorios moi longos e realizados sempre sen avogado, segundo subliñou xa naquel momento o arrestado. Este é obviamente un dos alicerces do procedemento de incomunicación, polo que o rexeitamento europeo agora manifestado ben podería converterse en doutrina xeral.

Voltando ás torturas, participaron «moitos gardas civís» e producíronlle asfixia en numerosas ocasións, chegando a vomitar dúas veces, «até que non tiña máis para botar, apenas bilis».

Conta Atristain que noutro momento foi envolvido con goma-espuma en tanto lle puñan a bolsa na cabeza, provocándolle fortes suores, e que a seguir os gardas civís atiraban auga fría para producirlle un brusco contraste de temperatura.

Sufriu taquicardia dúas veces e entón déronlle un medicamento, que cre que podían ser calmantes. «No entanto, as sesións de tortura continuaron até o final», constatou o movemento pro-amnistía. O detido explicou que nese cinco días e noites non lle foi permitido durmir nin tampouco comer.

Á bolsa sumáronse «golpes, exercicios físicos e ameazas continuas», moitas delas relacionadas coa súa noiva. Así, os gardas civís fixéronlle tocar unha bala e afirmaron que a utilizarían para implicala.

O avogado de oficio e os xuíces

No decurso dese cinco días, o máximo do período de incomunicación, foi obrigado a facer dúas declaracións policiais. O movemento pro-amnistía explicou que a segunda delas non quixo asinala o avogado de oficio imposto a Atristain ao observar a situación en que estaba o detido. Trátase dun pormenor que na altura pasou despercibido, dentro da desatención xeral a este relato tremendo que só tivo eco en medios como GARA, mais que agora gaña máis forza após a sentenza europea pois pon o foco no veto á atención xurídica.

 

O avogado de oficio non quixo asinar a declaración ao ver o estado de Atristain, mais o tribunal sentenciador descartou torturas porque ningún forense referira tal cousa

 

O auto de prisión para ambos foi asinado polo xuíz instrutor da Audiencia Nacional Ismael Moreno e non inclúe mención algunha ao acontecido nos calabouzos. E iso apesar de na súa declaración xudicial Atristain negar expresamente os feitos imputados, dos que se autoinculpou nos calabouzos da Garda Civil, e denunciou ser torturado.

Máis significativo aínda pode ser o contido da sentenza de 2013, pola que se condenou a Atristain a diecisete anos de cárcere. E é que o tribunal formado por Alfonso Guevara, Guillermo Ruiz Polanco e Angeles Barreiro non só obviou a existencia de malos tratos aos detidos senón que os descartou expresamente, argumentando que «os informes forenses non obxetivaron ningunha patoloxía desta natureza» e concluíndo que os detidos «efectuaron as súas declaracións libre e voluntariamente en sede policial, sen sufriren ningún tipo de coacción ou presión».

Atristain permanece preso desde entón, na actualidade en Martutene, aínda que a defensa xa anuncia que pedirá ao Supremo a revisión de condena en virtude desta sentenza europea.

Dous sumarios por un mesmo feito

A todo o anterior hai que engadir que os feitos non se esgotan nese setembro-outubro de 2010, senón que teñen un prolegómeno máis que inquietante. E é que medio ano antes, en marzo, Xabier Atristain acudira a dependencias da Xendarmería en Biarritz ao coñecer que o seu nome aparecía nun auto do xuíz Grande-Marlaska despois dunha operación contra ETA. Nesa ocasión foi detido e entregado ao Estado español de modo fulminante, mais a Audiencia Nacional deixouno libre ao non achar probas na súa contra.

 

A AN non achou probas contra Atristain cando se entregou seis meses antes, mais abriu outro sumario polo mesmo feito para forzar unha incomunicación en mans da GC

 

A secuencia de feitos apunta a que a Garda Civil tiña en mente o seguinte paso: deter de novo a Atristain, mais agora podendo o incomunicar e forzar unha autoinculpación, que é o que terminou acontecendo en setembro.

O movemento pro-amnistía tamén subliñou entón a irregularidade xurídica engadida que levaba todo o proceso, xa que se abriron dous procedementos xudiciais por uns mesmos feitos, co único fin de provocar a segunda detención. No segundo destes sumarios (o instruído por Moreno despois do inicial de Grande-Marlaska) non había elementos novos que imputar a Atristain, salvo a súa autoinculpación.

Naiz