Marga e as súas amigas non foron as únicas. Ante a dificultade de votar no estranxeiro nas eleccións xerais, fixeran plans e compraram billetes para se presentar a votar en casa e ao mesmo tempo facer unha visita de expatriadas aos seus felices familiares. Reparen que tal dose de espírito cívico e de emoción familiar non tería sido posíbel coa doutrina asentada pola Xunta Electoral Central para excluír Puigdemont e os exconsellers das listas. Marga e as súas amigas residen noutro país desde hai uns anos, desde que primeiro a bolsa e logo un traballo as levaron alí. No entanto, non se deron de alta na CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) senón que continúan figurando no recenseamento electoral no mesmo lugar en que vivían cos pais. Ninguén dubida do seu dereito  a ser electoras. Ninguén dubidaría, pois, do seu dereito a ser elexibeis.

 

Resultado de imaxes para junta electoral central españa

 

 

Mais Marga e as súas amigas nada saben disto e xa están de volta. A candidatura de Puigdemont, Comín e Ponsatí ten aínda unha viaxe legal que facer, aínda que sería un escándalo que a resolución pasase o filtro do Tribunal Constitucional.

Non foi unha reunión sinxela da Xunta Electoral Central a que concluíu co acordo que os eliminaba das listas electorais para os comicios europeos. Para algúns dos seus membros, contodo, parecía claro e pacífico que a pretensión do Partido Popular e de Cidadáns debería ser rexeitada. Non imaxinaban o sarillo que durante a deliberación deu a cuestión. Os propios letrados da Xunta Electoral, encarregados de prepararen tecnicamente os asuntos, presentaran o seu relatorio no sentido de rexeitar a impugnación e manter os candidatos. Mais non foi así. A discusión técnica foi longa e prolixa, cos vogais nomeados a proposta do Partido Popular e de Cidadáns dándoo todo nunha argumentación que levaban moi ben armada e que conseguiu arrastrar o voto de até sete vocais. Os dous maxistrados que forman parte do tribunal do 1-O non estaban presentes, como en ningún dos asuntos que afectan de perto ou lonxe a estas cuestións. Finalmente, tanto o presidente como o vicepresidente da XEC como as catedráticas vocais a designación do PSOE e Podemos viron as súas posicións vencidas e decidiron facer un voto particular. Un voto completo e moi técnico en que recollen toda a doutrina do Tribunal Constitucional a respecto da cuestión e que, dalgunha maneira, deixaba xa servido aos representantes legais dos tres candidatos a liña de recurso a seguir ante o xulgado do contencioso-administrativo competente e, posteriormente, ao Tribunal Constitucional.

 

A candidatura de Puigdemont, Comín e Ponsatí ten aínda unha viaxe legal que facer, aínda que sería un escándalo que a resolución pasase o filtro do Tribunal Constitucional

 

O asunto reveste moita gravidade aínda que pasou totalmente despercibido nos grandes media e para o grande público. No fin de contas produciuse no medio do tsunami das xerais e, ademais, non deixa de ser outro varapau para o malvado Puigdemont que tan ben recibido é en tan amplos círculos de toda España. O que acontece, e permitirán que me poña en modo egoísta, é que alén do prexuízo que unha decisión destas características supón para os dereitos de persoas concretas, produce arrepíos pensar até onde se está disposto a chegar vertendo para o esgoto os dereitos máis fundamentais dunha democracia co único obxectivo de castigar os adversarios. O malo é que unha decisión deste tipo convértese á vez nun perigo para cada un de nós.

Os argumentos da maioría dos vogais da Xunta poden resumirse en que, segundo a lei, para ser elexíbel has de ser ‘elector’ e Puigdemont e os demais non teñen a calidade de ‘elector’ porque non está debidamente censados no seu lugar de residencia. Como Marga e as súas amigas, xa lles digo. O salto que dá a XEC é considerar que se non estás debidamente censado, non es ‘elector’.

Os vogais do voto particular afirman que a condición de elector é un dereito fundamental de todo aquel que sexa español, maior de idade e de non estar privado de dereito a voto por sentenza firme e que outra cousa é poder votar, para o que é preciso estar no recenseamento mais que estar no recenseamento non dá ou tira a calidade de elector. Ou sexa, que o recenseamento determina onde podes votar mais non a calidade de elector.

En todo caso, Puigdemont está censado, son os vogais maioritarios da XEC os que de oficio consideran que onde figura non está ben. Contéstanlle o catro discordantes que eles non son quen para corrixir de oficio un recenseamento. Nese caso, engado eu, deberían estar pendentes de todas as Margas e de todas as amigas que viñeron votar no pasado domingo. Ninguén o fixo. A realidade é que Puigdemont tamén pode votar, o que acontece é que como din os modernos, ‘non lle renda’. Podería ter ido ao consulado e votar. Deteríanno? O máis probabel, mais votar podería votar.

En segundo lugar, a maioría da Xunta engade que como está procesado por rebelión ‘non está en pleno uso dos seus dereitos políticos’ e non pode ser nin elector nin elexibel!, o cal é bastante incomprensíbel porque a lei deixa claro os casos de inelixibilidade e un é a sentenza condenatoria, mais non é o caso. E tamén rematan achacando á situación de ‘rebeldía procesual’ o feito de perder os seus dereitos, só que -como lles lembran no voto- a lei tamén enumera os casos en que se perde o dereito a ser elixido e non inclúe este.

O certo, como saben, é que Puigdemont xa foi candidato a unhas eleccións catalás e resultou elixido. Non o buscaban nas bagaxeiras por se viña á investidura? Por que entón si e agora non se os membros da Xunta eran os mesmos? Pois exclusivamente porque naquel momento o PP e Ciudadanos non presentaron impugnación algunha. Que pasou agora? Que mente pensante descubriu que con esta xogada podía tentar deixalo fora?

A incerteza será curta. O día 8 teremos xa a resposta do Tribunal Constitucional e se non hai sorpresas, debería ser coincidente coa do voto particular cuxos subscritores foron especialmente exquisitos en recoller toda a xurisprudencia constitucional sobre o tema que, resumindo, consiste en que ante calquera dúbida contémplese o dereito á participación política da forma máis ampla.

Houbo quen saíu moi abatido da deliberación da Xunta. Agora veremos onde deixa as cousas o Constitucional.

Elisa Beni

El Nacional