Cento setenta e nove anos despois do nacemento de Herculine Barbin (8 de novembro de 1838-febreiro de 1868), o 8 de novembro deste ano, data conmemorativa do Día pola Solidariedade Intersex, o Tribunal Constitucional de Alemaña publicou a sentenza de 10 de outubro do presente en que insta o Estado alemán a recoñecer xuridicamente un terceiro sexo no Rexistro Civil antes do 31 de decembro de 2018. O que aparentemente pode ser considerado unha conquista do movemento intersex, deixa moitas zonas de penumbra que me gustaría sinalar.

Primeiro querería contextualizar esta sentenza. No ano 2012, o Deutscher Ethikrat, un conxunto de expertos dependente do Bundestag, elaborou un extenso relatorio sob o somero título “Intersexualität. Stellungnahme“. Este comité ético denunciou os tratamentos médicos de ‘normalización’ que atentan contra o dereito á integridade física, o respecto polo xénero ou a identidade sexual ou o dereito á liberdade reprodutiva, así como propuxo unha serie de recomendacións médicas e xurídicas entre as que estaban a prohibición dos tratamentos médicos de normalización sen consentimento ou a incorporación dunha terceira categoría na inscrición rexistral sob o nome de ‘anderes‘ (outro).

Con este informe na man, en maio de 2013 o goberno alemán incorporou a categoría ‘sexo indeterminado’  (unbestimmte Geschlecht) coa Gesetz zur Änderung personenstandsrechtlicher Vorschriften (Personenstandsrechts-Änderungsgesetz). Como xa sinalei neste mesmo xornal hai uns anos, esta reforma supón unha discriminación cara ás persoas intersex porque falar de ‘sexo indeterminado’ presupón que hai un ‘sexo determinado’, o que provoca polarización, clasificación e, en definitiva, patoloxización. Que un recén nacido poida ser inscrito como X, en lugar de home ou muller, non leva a evitar as cirurxías de normalización. Quer dicir, un bebé pode ser inscrito con sexo indeterminado e sufrir mutilacións porque os seus xenitais non se ‘adaptan’ á forma e tamaño que prefigura a ‘norma’ binaria home-muller.

Agora o Tribunal Constitucional alemán obriga o lexislador a que antes do 31 de decembro de 2018 faga unha reforma legal para incorporar unha terceira categoría no Rexistro Civil, a saber: ‘inter’ ou ‘diverso’. O que aparentemente podería ser unha mudanza significativa para protexer e garantir os dereitos fundamentais das persoas intersex, esconde un grave perigo. O Tribunal Constitucional entende que coa simples modificación rexistral fican liquidadas as graves violacións contra os dereitos humanos das persoas intersex. Que unha persoa poida inscribirse como ‘inter’ ou ‘diverso’, como desde 2013 ‘indeterminado’, non evita as mutilacións que sofren as persoas intersex. Disto o Tribunal Constitucional alemán non di nada. Non di nada das 1000 persoas menores de idade intersex que entre 2005 e 2014 foron mutiladas en Alemaña nas chamadas ‘cirurxías de feminización’. Ningunha crítica ou denuncia sobre as (mal) chamadas cirurxías de normalización. Ningunha crítica ou denuncia contra a experimentación hormonal con recén nacidos intersex. Ningunha crítica ou denuncia contra as presións que, en ocasións, o dispositivo médico realiza ás nais/pais de menores intersex para sometelos a cirurxías/mutilacións. Silencio. E o silencio é cómplice da tortura. Xa o dixo Nacións Unidas no seu relatorio de 2013 “Report of the Special Rapporteur on torture and other cruel, inhuman or degrading treatment or punishment”: estamos ante un caso de tortura infantil.

Se ante a tortura o único que facemos é modificar o Rexistro Civil, di moito da falta de comprensión dun grave problema. Este consiste en asociar xenitalidad con inscrición rexistral. Cando neste próximo ano Alemaña modifique a súa lexislación cumprindo coa sentenza do Tribunal Constitucional, o que teremos será a distinción normativa entre os corpos que cumpren coa norma ‘muller’, os corpos que cumpren coa norma ‘home’ e os outros corpos, aqueles que incumpren coa norma ‘home’ e coa norma ‘muller’ (e que facemos coas persoas non binarias?). Crear novas categorías no Rexistro Civil baseadas nas características biolóxicas non é a solución do problema, senón a súa conservación.

A solución, por tanto, non está en crear novas categorías rexistrais, senón en eliminalas todas (e, até chegar ese momento, establecer a non obrigatoriedade da inscrición do sexo): eliminar a asignación de sexo no Rexistro Civil, prohibir todo tratamento médico ou intervención corporal sen consentimento (sobre todo en persoas menores de idade), asegurar os dereitos sexuais e reprodutivos, o dereito ao libre desenvolvemento da personalidade e o dereito á integridade física. E isto sobre a base dun principio ben coñecido: ‘verdade, xustiza e reparación’. É hora de reivindicar a memoria histórica das persoas intersex, de reparar as graves violacións aos dereitos humanos que foron e continúan a ser cometidos en atención ás características sexuais das persoas.

En definitiva, esta sentenza do Tribunal Constitucional alemán é unha sorte de ‘pinkwashing‘: unha lavaxe de imaxe para esconder as mans manchadas de sangue polas mutilacións executadas sobre persoas intersex. É hora de construírmos un novo dereito. No rascuño de Lei para o Estado español da Plataforma polos Dereitos Trans dise claro: garantir o dereito á libre autodeterminación da identidade e expresión de xénero das persoas. E para iso é preciso pór fin ás graves violacións sobre os dereitos humanos das persoas intersex. Como sinalou Mauro Cabral, ‘o demais é unha tentativa absurda, ignorante e fóbica de impor á carne saberes que lle son tan alleos como violentos’.