O xornalista de La Haine absolvido no pasado mes de novembro polo caso do 29M “Xeque á monarquía” presenta querela contra a policía por falsa denuncia e testemuño.

 

Vídeo feito público días antes do xulgamento do 16 de abril

 

O xornalista de La Haine Jorge Correa, máis coñecido como Boro LH, presentou unha querela criminal contra o axente 98373 da Policía Nacional por falsa denuncia e falso testemuño en relación ao xulgamento que tivo lugar en outubro de 2018 polos feitos acontecidos en Madrid o 29 de marzo de 2014, ao acabar unha manifestación contra a monarquía que Boro cubría para La Haine.

Unha vez desconvocada a mobilización, a Policía comezou a perseguir, ameazar, fustigar grupos de manifestantes, e tamén xornalistas. Boro e a súa compañeira achegáronse a observar un grupo de xornalistas a quen varios axentes perseguían, insultaban e empurraban. Ao velos chegar coa cámara, un axente arremeteu a empurróns contra a compañeira de Boro e, cando el, ao ver o que acontecía, quixo ir xunto dela, un axente deulle un empurrón e outro saíu correndo atrás del, golpeándoo e facendo que caese ao chan. En tanto pasaba isto, outros xornalistas que trataban de documentar a agresión e detención foron espancados polos axentes, co resultado de varios feridos, cámaras rotas e un deles inconsciente no chan. Despois, Boro foi detido e conducido a comisaría.

Varios dos xornalistas presentaron unha denuncia contra a Policía, que despois dun longo camiño xudicial, varias tentativas de arquivamento e un xulgamento en que se recoñeceu a agresión dos axentes mais se dixo que non podían ser condenados por o delito “ter prescrito”, os avogados conseguiron por vía administrativa que se recoñecese a mala actuación policial e se indemnizase un dos reporteiros con 1771,45 €.

Entretanto, Boro foi acusado de atentado á autoridade e lesións cunha petición fiscal de 6 anos de prisión e unha indemnización de 6.200€ a dous axentes de Policía. Alén diso, no tempo que transcorreu até o xulgamento, o reporteiro foi novamente detido, xulgado e condenado na Audiencia Nacional por ‘enaltecemento do terrorismo’, dentro da chamada ‘operación Araña’, por compartillar publicacións no Facebook, unha acusación que o xornalista sempre dixo que era unha persecución polo seu traballo e un intento de que chegase con antecedentes ao xulgamento polos feitos do 29 de marzo de 2014.

Finalmente o xulgamento foi marcado para abril de 2018 mais tivo de ser adiado porque un dos axentes declarou. por fax enviado hora e media antes da hora prevista para o comezo da vista, estar ‘indisposto’. Previamente desenvolvérase unha intensa campaña de solidariedade con Boro con palestras por todo o estado, recollida de asinaturas, declaracións institucionais en solidariedade co xornalista e a publicación, días antes do xulgamento, de varios vídeos que deitaban por terra a versión policial.

Afinal, o xulgamento tivo lugar no 3 de outubro e nel declararon varios policías, varios xornalistas e o propio Boro. Tamén foron proxectados distintos vídeos dos feitos. Todos os xornalistas puxeron de manifesto o clima de asedio e persecución contra a prensa creado polos axentes, as agresións a xornalistas e a falsidade das acusacións.

 

Resultado de imaxes para boro hl la haine

 

O 14 de novembro de 2018 dábase a coñecer a sentenza que absolvía de todos os cargos o reporteiro e puña en dúbida a veracidade das declaracións dos axentes: “existen declaracións pouco precisas, non uniformes entre si de, dos axentes canto á sucesión e alcance dos feitos, non corroboradas realmente polos seus compañeiros, presentando os axentes lesións con diferentes mecanismos de produción. O exposto fai que xurdan dúbidas para estimar que a proba de cargo sexa suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia, e ditas dúbidas xéranse aínda máis co visionado realizado no plenario do vídeo.” Após unha loita de 4 anos e medio, o xornalista conseguía desmontar a montaxe policial e a condena de 6 anos, que xunto coa condena da Operación Araña podía levalo a pasar 7 anos e 8 meses no cárcere.

Despois desta grande vitoria, a Plataforma de Solidariedade con Boro LH puxo hai uns meses en marcha unha campaña de crowdfunding co nome #DesmintiendoElMontaje para sufragar as despesas dunha querela criminal contra a policía. Unha vez finalizada a campaña, o xornalista estivo estudando xunto co seu avogado, Erlantz Ibarrondo, os termos da querela que presentaron o 24 de setembro.

Segundo explicaba na campaña, non a lanzaban só por el “senón por todas as vítimas das montaxes policiais, todas as vítimas das habituais mentiras, manipulacións e acusacións falsas que as forzas de seguranza do Estado costuman utilizar contra os movementos populares antifascistas e anticapitalistas. Por centos de casos e de compañeiros que foron represaliados en base a mentiras. No mellor dos casos estes compañeiros resultaron absolvidos despois de pasar todo un proceso en que a condena comeza no momento da detención, tendo que gastar diñeiro en custos xudiciais ou condicionando as súas vidas ou a súa liberdade de movemento. Mais en moitos outros casos as vítimas tiveron que facer fronte a multas, antecedentes penais ou a condenas de prisión”.

 

 

E sobre as máis que habituais montaxes policiais no Estado Español, engadían que “casos como o do compañeiro Boro, como o de Jorge de Distrito 14, como o de Fran Molero, Altsasu, Fraguas, as operacións policiais contra os CDR, Jorge e Pablo de Logroño, CS 13 Rosas, o xornalista Juan Carlos Mohr, Operacións Araña, Pandora, Piñatas… e tantos e tantos outros evidencian que, no Estado español, as montaxes policiais son algo cotián e á orde do día. Estamos en posición de poder demostrar que as montaxes policiais existen, e que non son a excepción senón a norma. E imos facer todo o que estiver na nosa man para demostralo perante os tribunais”.

Agora comeza un novo camiño xudicial para o xornalista, mais esta vez non será el quen se sentará no banco dos acusados, senón a policía. O reporteiro de La Haine espera que a querela chegue a xuízo e que non traten de deixalo en nada con arquivamentos ou prescricións, como costuman facer, para poder demostrar e desmentir a montaxe, e para que os seus autores teñan consecuencias reais.

La Haine