A forte dispoñibilidade de armas a prezo de saldo, a corrupción do sector de Defensa e o oportunismo dos negocios, por sucios que sexan, facilitaron que boa parte dos traficantes de armas do mundo portasen pasaporte ucraíno ou utilizasen as facilidades ou os arsenais nese país.

 

El presidente del Gobierno, en su visita al cuartel de los GEO en Guadalajara.  O presidente do Goberno español na súa visita ao cuartel dos GEO en Guadalajara. EUROPA PRESS / RAFA MARTÍN

 

Alejandro Pozo Marín

 

É un erro. A urxencia é parar a guerra, non alimentala. Non se trata aquí de pór en causa o dereito das persoas agredidas a se defenderen, senón de sinalar que existen alternativas as tres opcións que se puxeron até agora sobre a mesa: a escalada (con máis armas e máis guerra), a imposición de sancións cuxo obxectivo declarado é o de asfixiar a economía da Rusia (que é tamén a economía da súa poboación e ten tamén implicacións noutras xentes) ou a rendición declarada do goberno ucraíno. Nin Putin nin Zelenski nin a OTAN poden permitirse derrotas públicas ante as súas audiencias, e por iso compre mudar radicalmente o marco da resposta e priorizar espazos de diálogo. A invasión rusa non ten xustificación algunha e merece a máxima condena, mais convén non esquecer que unha parte dos argumentos esgrimidos nos últimos meses, tamén os de Moscova, merecen atención, debate e negociación, sobretodo aqueles que se referen á arquitectura de seguranza nunha Europa en que tamén está Rusia.

Contodo, o propósito destas liñas está relacionado coa comparecencia na pasada cuarta-feira de Pedro Sánchez no Congreso, en que comprometeu o envío de “material militar ofensivo” que se sumará á partida española do fondo europeo de axuda á paz, através do cal a Unión Europea decidiu canalizar a Ucraína 500 millóns de euros. Enviar armas como axuda á paz, unha contradición tan maiúscula como irresponsábel. O rexeitamento a esta iniciativa está fundamentado en razoamentos morais e pragmáticos. Contodo, quen a apoia podería facerse as dúas preguntas que se suxiren neste artigo. A primeira ten a ver con se son armas o que necesita Ucraína. A segunda, coas consecuencias no medio ou longo prazo, tamén alén das súas fronteiras.

Ucraína produce armas, moitas. Tamén as exporta, en grandes cantidades. Segundo o Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (SIPRI, na súa acrónimo en inglés), entre 2016 e 2020 ocupou a décimosegunda posición no ranking de maiores exportadoras do mundo (en 2012, antes das guerras, foi a cuarta). En 2019 destacaron as transferencias á Arabia Saudita para que Riad fixese a guerra no Iemen. Nótese que nese período, 2016-2020, Ucraína sufría un conflito armado, mais aínda así sobrábanlle armas. Compre tamén combinar este dato que sitúa Kiev como grande exportadora con outro polo menos sorprendente: aínda que a principal destinataria das armas ucraínas nese período foi a mesma China que agora lle dá as costas (receptora do 38% do total), a segunda foi, precisamente, a Rusia (alí chegou o 20%). Esas armas foron exportadas coa aprobación do goberno ucraíno, foron transferencias legais (do tráfico ilegal ocupámonos máis abaixo). Foron armas comprometidas coa Rusia con anterioridade a 2014, mais que nin guerras nin anexións impediron. É este un bo exemplo de como os negocios poden anteporse ao sufrimento da túa propia xente.

Ukroboronprom é a maior industria de armas ucraína. Ocupa o lugar 77 entre as cen maiores empresas de armas do mundo, nun ranking en que a maioría das compañías son dos EUA, a China e Rusia. Como exemplo comparativo, a primeira española, Navantia, é o número 84. Esta empresa ucraína emprega perto de 80.000 persoas para producir, entre outros, sistemas de armas, carros blindados, municións e explosivos, e ten 34 filiais. Só Ukroboronprom vendeu armas por un valor de 1.320 millóns de dólares en 2020, bastante máis do duplo do que pode recibir da UE. E Ucraína ten moita máis industria militar.

A segunda pregunta, máis ben unha preocupación, ten relación co feito probado de que a Ucraína foi recoñecida como unha das fornecedoras de armas ilegais máis activas do mundo, tamén a algunhas das guerras máis desastrosas que coñecemos. Isto inclúe transferencias ilegais a Saddam Hussein ou aos talibán, entre moitas outras. O fin da Unión Soviética deixou volumes extraordinarios de armas na Ucraína pola súa relevancia estratéxica e a súa proximidade xeográfica aos membros da OTAN. A forte disponibilidade de armas a prezo de saldo, a corrupción do sector de Defensa e o oportunismo dos negocios, por sucios que sexan, facilitaron que boa parte dos traficantes de armas do mundo portasen pasaporte ucraíno ou utilizasen as facilidades ou os arsenais nese país. A modo de exemplo, outro informe do SIPRI sinalou en 2009 que Ukrainian Cargo Airways, propiedade do Ministerio de Defensa ucraíno, estaría involucrada “en entregas de armas desestabilizadoras a forzas armadas parte dos conflitos na República Democrática do Congo e Angola”.

O parágrafo anterior ten que ver coas garantías que Ucraína pode ofrecer, após a desestabilización que produce a guerra, de que o “material militar ofensivo” enviado non terminará matando persoas noutros conflitos armados. Estas garantías son un requerimentos da lexislación española sobre exportacións de armas, que está á súa vez baseada na Posición Común que obriga todos os membros da UE (e que tampouco recomenda esas transferencias a contextos bélicos ou con potencial desestabilizador rexional). A experiencia noutras doazóns advírtenos da posibilidade de envío de material anticuado ou pouco atractivo para un país que destaca como produtor de armamento, e susceptíbel de ser reexportado se non se necesita. Esas garantías están por chegar nun lugar con estruturas, contactos e saber facer no tráfico de armas.

A mellor expresión de solidariedade coa poboación ucraína é parar a guerra. Parafraseando o agresor, desputinizándoa e desotanizándoa. Mais forzándoas a reconducir as súas diferenzas nunha mesa de negociación desprovista de “material militar ofensivo”.

Tribuna Aberta