O primeiro relatorio sobre estas vítimas presentado no Parlamento Vasco con 35 testemuños de feitos acontecidos entre a ditadura e 1985 alude a un “patrón” de torturas e denuncia que a xudicatura foi “conivente” co “poder policial”. Unha gravación proba que Mikel Zabalza morreu polas torturas que sufriu no cuartel da Garda Civil en Intxaurrondo.

 

 

“Nunha detención, ataron o detido a unha liteira e foi golpeado cunha especie de fusta ou látego que os propios gardas civís denominaban “picha de toro”, até que ambas as plantas dos pés terminaron completamente moradas. Tamén relata que lle introduciron a cabeza no váter, tirando da bomba, que lle colocaron unha almofada na cara e que o pisaron até facerlle sangrar polo nariz, que o colgaron dunha xanela, que lle apagaron cigarros nos brazos, que lle queimaron a orella cun misto, que foi golpeado cos cóbados nas costas, e que tamén recibiu golpes cunha barra duns 15 centímetros de diámetro tanto nas costas como nas nádegas, extremo que el asocia cunha rotura de cóccix. Tamén lembra a presenza, nas dependencias, dun can grande ao que chamaban Peluche. Metíalle máis medo ca eles aínda”.

O de arriba é un dos testemuños reais dos primeiros 35 casos de vítimas de violencia policial recollidos pola comisión de valoración para o recoñecemento deste colectivo de persoas que sufriron “vulneracións de dereitos humanos no contexto de violencia de motivación política” ao amparo dunha lei aprobada no 2016 para o período entre 1978 e 1999 (en democracia) e dun decreto de 2012 para a ditadura. Dos casos analizados, 55 en total, once deles falecidos, cinco son de 1985 e dous de 1978 (non se concreta se antes da promulgación da Constitución) e o resto son da ditadura ou da Transición. Serán homenaxeadas este sábado e antes, este mércores, presentáronse os seus casos ante o Parlamento Vasco, algo que se fará anualmente a partir de agora. En total, recibíronse xa 1.017 expedientes que están pendentes de análises e resolución. Proponse que cada ano se faga un acto similar en memoria deste colectivo.

Esta norma veu complementar un marco xurídico que recoñece ás vítimas do terrorismo (de ETA –con 853 vítimas e 2.597 feridos– mais tamén do GAL e outros grupos) e ás da Guerra Civil e a ditadura. Foi recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Goberno de Mariano Rajoy ao entender que puña en cuestión a actuación policial á marxe de sentenzas xudiciais ou mesmo con sentenzas favorables aos denunciados por torturas e o novo Executivo de Pedro Sánchez alcanzou un acordo co de Iñigo Urkullu para limar os problemas xurídicos máis polémicos. Tamén recibiu outros recursos de PP, Cidadáns e sindicatos policiais que foron decaendo. En Navarra está en vigor un texto similar.

Repiten os autores da memoria anual en varios momentos que detectaron “patróns” de vulneracións de dereitos humanos por parte das forzas da orde. Non detallan se o contexto cambiou do paso da ditadura á democracia. Un exemplo deses episodios que se repetían: “mortes en controis da Policía en que a vítima é metrallada ao paso do vehículo sen máis aviso”. Outro: “Graves casos de tortura e malos tratos […]: a bolsa, a bañeira, golpes, o pato, a roda, humillacións constantes, privación sistemática do sono, clima de terror ambiental, ameazas a estender a acción a familiares, amigas, exposición a berros de terceiros reais ou gravados”. Alúdese a un “clima de arbitrariedade e control social mediante o terror e o abuso de autoridade”, particularmente en zonas de Biscaia e alúdese ao caso dunha “vintena de persoas que foron introducidas nun autobús de liña de madrugada para ser conducidas ao cuartel da Garda Civil de Bermeo”. Unha persoa consta que foi “detida e maltratada” até dez veces e hai máis exemplos con cinco arrestos.

Destácase tamén o “compoñente engadido de humillación por razóns de xénero” a mulleres. “Estaba esgotada. Levaba sen durmir nin comer tres días […] e conducíronme a un cuarto onde me fixeron espirme completamente. E empezaron a tocarme os peitos, a rir de min. Tenteime cubrir e ameazáronme para que non o fixese mentres me dicían ‘Pois vaia merda de peitos’, ‘Quen se vai deitar contigo se non vales nada’, ‘Como muller non vales nada’, ‘A ti quen te vai querer’, …”, lese nun dos testemuños. E hai máis: “Nas miñas dúas detencións repetíronse insultos e ameazas machistas. ‘Es unha puta terrorista que te metiches en ETA para foder’. Ábrenme os pantalóns e dinme que me van violar e que me van facer un fillo policía”.

Conducíronme a un cuarto onde me fixeron espirme completamente. E empezaron a tocarme os peitos, a rir de min. Tentei cubrirme e ameazáronme para que non o fixese mentres me dicían ‘Pois vaia merda de peitos’

De 55 expedientes, 12 vítimas gardan relación con membros dalgunha das faccións de ETA. En concreto, son tres da organización antes das escisións, dúas de ETA militar e outros tantos da rama político-militar, un da sexta asemblea (LCR) e un da quinta asemblea, ademais doutras tres persoas. Hai vítimas de CCOO, COA, ELA, PNV, LAIA, EMK, PCE ou das Mocidades Obreiras Cristiás. Con todo, 26 non tiñan afiliación política algunha. E os vitimarios? En 33 casos foi a Garda Civil, en 16 a Policía Armada (ou a Policía Nacional se son máis recentes), en catro ambos os corpos e en dous casos ou incontrolados ou sen precisar.

A comisión de vítimas de violencia policial describe tamén as dificultades que se está atopando para atopar información e documentos acreditativos das vulneracións denunciadas. Constata igualmente que existiu en España outro “patrón”, o da “frecuente” omisión do “deber de investigar adecuadamente as violacións dos dereitos humanos”. Se hai investigación, era “superficial e desenfocada”. “A actitude da Fiscalía e da xudicatura, conivente co poder policial, non é a de velar polas garantías ou a legalidade, aínda que fose a franquista, senón máis ben a de validar actuacións ou simplemente dar curso ás detencións, ordenar o envío a prisión aínda que logo non houbese causa algunha e seguisen sobresementos das causas. A evidencia de malos tratos cando comparecían perante o xuíz nunca levaba a reprochar ese feito”, critican con dureza.

Durante a presentación parlamentaria, levada a cabo por Juana Balmaseda e Jon Mirena Landa como presidenta e portavoz da comisión de valoración, respectivamente, a coalición PP+Cs expuxo as súas dúbidas sobre o terreo de inseguridade “xurídica” no que se moven estes expedientes por fixar “causantes” con entrevistas. “Están a ter funcións case xurisdicionais”, salientou o seu portavoz, Carmelo Barrio. Ao contrario, Balmaseda e Landa defenderon a súa función rigorosa e que non pretenden substituír os tribunais. Si expuxeron dúas necesidades, a de ampliar o obxecto e o período temporal para atender a máis posibles vítimas e unha “campaña específica” e “sostida” no tempo para que cale na sociedade a importancia do recoñecemento de todas as persoas que sufriron vulneracións de dereitos humanos.

Fonte: eldiario.es