El empresario Bartolomé Cursach sale de la cárcel de Palma. EFE/CATI CLADERA                             O empresario Bartolomeu Cursach sae do cárcere de Palma. EFE/ Arquivo

 

Axentes da Policía Nacional presentáronse nesta segunda-feira na delegación balear da axencia de noticias Europa Press para confiscar documentación e equipos corporativos e persoais no cadro dunha investigación dentro do caso Cursach, co obxectivo de determinar a orixe dunha filtración xornalística que avanzou en primicia Europa Press Balears.

Tres axentes e unha secretaria xudicial entregaron na redacción a orde de inspección e esixiron á xornalista que cobre información relacionada co caso Cursach entregar calquera documentación sobre a macrocausa da Policía Local.

A redactora acolleuse ao seu dereito profesional a non revelar as fontes e os axentes negáronlle contactar cos servizos xurídicos da empresa. Por iso, amparándose no mandato xudicial, os axentes levaron o seu teléfono móvel persoal, dous computadores da empresa e varios documentos en papel co obxectivo de determinaren a orixe dunha filtración.

Acusación: revelación de segredo

Segundo consta no auto do Xulgado de Instrución número 12 de Palma, investígase un delito de revelación de segredos, a instancias dos avogados de Bartolomeu Cursach, Bartolomeu Sbert e o Ministerio Fiscal. Segundo informaron os funcionarios policiais, Europa Press non é investigada.

Rexistros tamén no ‘Diario de Mallorca’

Segundo comunicou o xornal, a Policía tamén confiscou un teléfono móvel a Kiko Mestre, xornalista do Diario de Mallorca. A orde procede do xulgado de Instrución número 12 de Palma, o mesmo que investiga o caso Cursach.

A sede do rotativo tamén tivo un lugar chave no rexistro xa que, segundo adiantaba o propio medio, axentes da policía nacional tiñan previsto presentarse na mesma coa idea de “confiscar documentación e equipos corporativos e persoais do mesmo redactor”. O medio mallorquino afirma que o a inspección está ligada cunha información publicada desde o xornal relativa a unha peza secreta.

Os axentes da Policía, finalmente, presentáronse ao redor das 16.30 horas na sede do xornal mallorquino mais non puideron confiscar o computador de traballo e os documentos do reporteiro Kiko Mestre, tal e como anuncia o medio en cuestión.

Así é como o Diario de Mallorca resumiu o feito :”O xornal anuncioulles que non lles ía a entregar ningún material, amparándose no segredo profesional e a liberdade de información, polo que os axentes decidiron marchar.”

En defensa do dereito de información

O Sindicat de Periodistes de lles Illes Balears pronunciouse a respecto destas accións xudiciais que se intrometen no dereito á información da cidadanía e que está recollido constitucionalmente. Ademais, publicaron que non se pode criminalizar os xornalistas por faceren o seu traballo”.

O SPIB esixe que se garanta o dereito dos xornalistas a non revelaren as súas fontes como alicerce básico da liberdade de prensa. Apoiamos os compañeiros aos que hoxe lles foi confiscado o material de traballo por publicaren un relatorio relacionado cunha investigación xudicial.

A Sección de Prensa e medios de Comunicación da CNT tamén se solidarizou cos xornalistas que viron mermada a súa liberdade de informar, definindo a entrada dos policías na redacción de Europa Press como “outro ATAQUE contra a liberdade de prensa”.

A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información tamén publicou chíos en torno ao acontecido e lembran que “para evitaren presións policiais, os investigados non teñen que entregar contrasinais”, e que “o dereito ao segredo profesional e ao silencio é irrenunciábel para todo xornalista e un alicerce da liberdade de prensa”.

Público