Catro persoas foron identificadas e retidas no bairro da Magdalena de Ferrol por axentes da policía española por facer propaganda da manifestación que este sábado, 30 de setembro, terá lugar en Compostela na defensa do referendo do 1-O. Segundo informa a Fundaçom Artábria –da que fan parte como socias estas catro persoas-, o “amplo dispositivo da policía española” chegou a ameazar nun primeiro momento con confiscar o material que anunciaba a mobilización. “Finalmente desistiron depois de 20 minutos de retención ilegal cando non atoparon a palabra ‘referendo’ no cartaz”, afirman.

Imaxe dunha concentración en Ferrol a prol do 1-O.

As catro persoas estiveron detidas por volta de 20 minutos, nuns feitos que tiveron lugar na tarde noite desta terza feira. Representantes de Artábria, que integra a Plataforma Galiza con Catalunya, reafirman perante estes feitos: “manifestamos o noso apoio ao referendo do 1 de outubro, onde o pobo catalán exercerá o lexítimo direito a decidir o seu futuro”.

Colectivos e entidades denuncian as identificacións e retencións por facer campaña polo referendo que se están a dar en Catalunya, no que constitúe un recorte en liberdades públicas e dereitos civís. Unha dinámica que se estende a outras partes do Estado, como evidencian situacións como a acontecida en Ferrol ou a prohibición de actos en Madrid e Gasteiz, entre outros.

Artigo publicado en Sermos Galiza (26/09/2017)