A reunión tivo lugar a instancias de EsCULcA , interesada en coñecer a situación do centro Príncipe Felipe despois das preocupantes noticias aparecidas en diversos medios de comunicación referidas a un posíbel conflito de competencias entre a Deputación de Pontevedra (entidade responsábel do centro) e a Dirección Xeral, dirixida por Amparo González Méndez, que tutela as e os menores que ingresan na súa Unidade de Primeiro Acollemento (UPA).

Amparo González Méndez referiu ás representantes de EsCULcA os protocolos de actuación que se activan no momento de un/ha menor en situación de desprotección ingresar na UPA do centro Príncipe Felipe ou noutros centros que dispoñen de lugares reservados para casos de emerxencia. Confirmou tamén que as diferenzas de criterios que existían entre as persoas responsábeis de ambas as institucións deberán ficar resolvidas no novo convenio que asinarán en breve.

EsCULcA solicitou poder visitar este ou outros centros caso ter coñecemento dalgún incidente ou queixa derivado das condicións internas ou do trato dispensado a algun/ha menor. Solicitude que foi atendida positivamente coa única condición de avisar previamente data e hora da visita.