Javier Clemente Lázaro, titular do Xulgado do Penal núm. 2 da Coruña, en sentenza emitida o 8 de febreiro e atendendo a petición da Fiscalía, condenou P.E.G., interno no cárcere de Teixeiro, a 3 anos de prisión por un delito de atentado contra funcionarios do penal. Os feitos xulgados remóntanse ao 21 de xaneiro de 2018, cando tivo lugar un obscuro episodio nunha sala sen cámaras de vixilancia aonde P.E.G. foi conducido polos funcionarios que posteriormente o denunciaron.

 

Resultado de imagem para c.p. teixeiro

 

O xuiz considera probado que P.E.G. insultou os funcionarios denunciantes nunha sala do centro e que esa foi a razón de estes o conduciren -para proceder ao seu ‘cacheo’- a outra sala, esta sen cámaras de vixilancia (o despacho do educador do penal). Unha vez nesta sala sen cámaras, P.E.G. teríase negado a ser revistado e, armado dun bolígrafo roto e a tapa dun isqueiro, tería amedrentado, e mesmo lesionado, os funcionarios, que ante a ameaza se terían visto obrigados a “empregar a forza física imprescindíbel”, segundo a setenza.

P.E.G. nega rotundamente este relato dos feitos e argumenta que o único que fixo foi defenderse nun incidente provocado polos funcionarios e a súa posterior agresión. Unha versión cuxa veracidade non foi posíbel comprobar por o xuiz se ter negado a aceptar probas testemuñais -das persoas que asistiron comezo do incidente- ou visuais -as imaxes captadas polas cámaras antes de o interno ser levado ao despacho do educador, onde non as hai- que a defensa consideraba imprescindíbeis.

Así mesmo fíxose caso omiso dun escrito do acusado en que presentaba o seu relato dos feitos, un relato que se mantén case inalterado ao longo do tempo, e un relato que fai referencia a un parte médico emitido polos servizos e urxencias do CHUAC en que se daría conta de varias lesións producidas ao interno e que contradiría o relato dos feitos contidos nos partes penitenciarios. Non deixa de chamar a atención que nin o xulgado de instrución, nin a Fiscalía solicitasen ese parte médico, cuxa obtención sería doada e ven obrigada, ademais, polo artigo 2 da Lei de Axuizamento Criminal, que establece que todas as autoridades e funcionarios que interverviren nun proceso penal teñen que recoller todas as circunstancias, tanto adversas como favorábeis ao acusado.

Apesar desta manifesta dificultade para demostrar a súa inocencia e de ser práctica habitual nestes casos, P.E.G. renunciou a chegar un acordo previo coa Fiscalía, que loxicamente rebaixaría substancialmente a condena, por moralmente non poder aceptar declararse culpábel dun delito non cometido.

 Sentenza P.E.G.

Crónica xulgamento por observación directa de EsCULcA