Non pode deixar de resultar sorprendente que o delito de rebelión non estivese apenas presente no interrogatorio dos fiscais aos distintos exconsellers durante os primeiros días do xulgamento e que, contodo, se convertese no protagonista do interrogatorio a Jordi Sánchez no último desta semana. E non pode deixar de selo, porque Sánchez non era deputado no Parlament os días 6 e 7 de setembro en que se aprobaron as leis de referendo e de desconexión, nin membro do Govern que aprobou o decreto en execución da lei para a celebración do referendo o día 1 de outubro. Tampouco puido participar en ningunha das actuacións parlamentares ou gobernamentais posteriores ao 1-0, que acabaron desembocando na activación da 155 CE.

 

Centenares de personas siguen este jueves las declaraciones de los acusados del juicio del 'procés' que se celebra en el Tribunal Supremo, a través de una pantalla gigante instalada frente a la sede de Òmnium Cultural en Barcelona Persoas vendo a declaración de Jordi Sánchez no écran xigante instalado diante da sede de Òmnium Cultural

 

Non pode deixar de ser sorprendente que non se interrogase polo delito de rebelión quen foi deputado e conseller e si se interrogue por este delito quen non participou na tomada de decisión sobre a declaración de independencia, sinxelamente porque non podía facelo. Pode alguén que non participou na tomada de decisións relativas á declaración de independencia que están na orixe do proceso ser acusado o delito de rebelión por participar nunha concentración ante unha conselleria para protestar, que non impedir, o exercicio dun rexistro ordenado xudicialmente? Pode a participación nun protesto contra un rexistro ordenado xudicialmente transformarse en delito de rebelión?

Por moitas voltas que se dé ao asunto, a conclusión que se impón é que Jordi Sánchez non fixo outra cousa que exercer o dereito de reunión e manifestación, como vén facéndoo desde hai anos. E da forma en que o vén facendo: de maneira pacífica e sen armas, como establece o artigo 21 CE. Poderase discutir se o 20 de setembro de 2017 exerceu ese dereito nos termos exactamente previstos na Constitución e na Lei, mais jmáis nada. Non se pode converter un exercicio do dereito de reunión nun delito de rebelión. Poderá ser argumentado que non se respectaron os termos en que o dereito está recoñecido e regulado, mais de aí ao delito de rebelión hai unha distancia insalvábel.

En todo caso, non menos sorprendente resulta que  a conduta de Jordi Sánchez ese día poida ser considerada como constitutiva do ‘alzamento violento’ que esixe o delito de rebelión. É evidente, polas imaxes que todos puidemos ver en televisión, que Jordi Sánchez era recoñecido polos manifestantes como unha persoa investida de autoridade, non xurídica, mais si moral e que, en consecuencia, non era un manifestante máis, senón un manifestante moi cualificado, que podía influír na forma en que se desenvolvese a concentración ante a Conselleria de Economía. Non hai dúbida de que os cidadáns reunidos o recoñecían como un líder. Mais non é menos evidente, por esas mesmas imaxes, que non fixo uso desa autoridade, dese liderado, para incitar á violencia e impedir que a comisión xudicial efectuase o rexistro ordenado pola autoridade xudicial, senón para todo o contrario. Se o rexistro puido ser levado finalmente a cabo foi pola presenza na concentración de Jordi Sánchez e pola súa conduta durante todo o tempo en que se realizou. A actuación de Jordi Sánchez non soamente foi pacífica, senón que foi ‘pacificadora’. A súa conduta foi redutora da violencia. Foi o intermediario entre os manifestantes e as forzas de orde pública, que permitiu que a xornada acabase sen violencia sobre as persoas e cunha violencia mínima sobre un par de vehículos da Garda Civil. O interrogante volve imporse: Pode ser esa a violencia constitutiva do delito de rebelión?

Seguindo estes primeiros días do xuízo oral enténdese perfectamente por que os xuíces do Tribunal Superior de Xustiza de Schleswig Holstein non tiveron a menor dúbida desde o primeiro momento de que os feitos, repito, os feitos, que figuraban na orde da detención e entrega ditada polo Xuíz Pablo Llarena non podían ser en ningún caso constitutivos nin do delito de rebelión nin do de sedición. É algo que, para calquera persoa cun mínimo de formación xurídica, salta á vista. É un disparate que nos atopemos onde nos atopamos.

Javier Pérez Royo

el diario.es