PSOE e Unidas Podemos, que cualificaron de “populismo punitivo” o endurecemento das penas por mor de asasinatos como o de Diana Quer ou o neno Gabriel, manteñen a incógnita sobre a súa derrogación despois de a norma ter sido amparada por un tribunal de garantías dividido.

 

Cadena Perpetua en España ¿Existe? ~ SEIS & LAW Abogados

 

A prisión permanente revisábel recibiu o aval xudicial definitivo do Tribunal Constitucional e de momento fica. A maioría dos maxistrados entenden que non se trata dunha medida desproporcionada e que non impide a reinserción social dos condenados. Unha medida que aprobou o Partido Popular en 2015 aplicando o rolete parlamentar mais que levaba xa varios anos no debate público ao calor de traxedias de grande percorrido mediático. O PSOE recorreu a norma e comprometeuse derrogala mais preferiu agardar unha sentenza que, finalmente, avalou a súa constitucionalidade.

O primeiro grande aparecemento público da prisión permanente foi en 2010. Mariano Rajoy, na altura á frente da oposición, reuniuse con Antonio del Castillo, pai da moza sevillana Marta del Castillo asasinada un ano antes. Foi o pai da vítima quen asegurou que o futuro presidente do Goberno se comprometera a reformar o Código Penal para introducir un sucedáneo da prisión perpetua coa opción de revisar, cada certo tempo, se o condenado merecía continuar entre reixas. “Só hai que matizar as palabras”, dixo o pai da vítima, para o afastar do concepto de prisión perpetua.

A mudanza de palabras fíxose efectiva no programa electoral do Partido Popular para as eleccións de 2011 que levaron Rajoy á Moncloa. Prometía a formación conservadora entón que reformaría o Código penal “introducindo a pena de prisión permanente revisábel, a posibilidade de aplicación de medidas de seguranza pós penais, o cómputo de beneficios prisionais sobre cada unha das penas impostas, e unha nova regulación da multirreincidencia”. Para entón Javier Arenas, presidente do partido en Andalucía, xa pedira abrir este debate despois dos asasinatos da nena Mariluz Cortés en Huelva en 2008 e o da moza Marta del Castillo en Sevilla en 2009.

A medida chegou ao Código Penal en marzo de 2015. Un Partido Popular con maioría absoluta levou adiante a votación do Congreso con 181 votos a favor: os seus deputados e o único parlamentar de Unión del Pueblo Navarro, Carlos Salvador, votaron a favor. O resto da cámara votou en contra: PSOE, Esquerda Plural, Convergència i Uniò, o PNV, a UPyD de Rosa Díez e o grupo mixto situáronse en contra da medida. Enrique Álvarez (Foro Asturias) e Rafael Larreina (Amaiur) abstivéronse.

O PSOE anunciou un día despois que levaría a nova norma ante o Tribunal Constitucional. Foi Antonio Hernando, na altura porta-voz no Congreso, quen fixo o anuncio ao mesmo tempo que aseguraba que “vulnera a dignidade das persoas e incumpre o fin da reinserción”. Os tribunais aplicaban por primeira vez a prisión permanente revisábel en xullo de 2017 ao condenar David Oubel: o ‘monstro’ de Moraña que asasinou as súas dúas fillas pequenas cunha radial uns poucos meses despois de a norma ter entrado en vigor. O parricida aceptou a súa condena e o caso non chegou ao Tribunal Supremo.

Na época, a oposición a esta prisión permanente revisábel non estaba só dentro do Parlamento. Dous anos antes da súa aprobación o Consello Xeral do Poder Xudiciario emitiu un informe moi crítico elaborado pola vogal Margarita Robles que aseguraba: “Estamos ante unha auténtica pena de prisión a perpetuidade”. A maioría dos vogais, contodo, non detectaron que a medida impedise a reinserción dos condenados. O Consello Fiscal foi máis duro no seu informe ao apuntar a unha “exasperación punitiva que pode afectar o principio de proporcionalidade”. O Consello de Estado pronunciouse a favor.

 

A prisão perpétua sem liberdade condicional em menores - Crime + Investigation

 

Ampliación e promesa de derrogación
Os tribunais comezaron a aplicar a prisión permanente revisábel con algunhas dúbidas iniciais por parte do Tribunal Supremo en tanto a proxección pública da medida continuaba crecendo á forza de crimes. En febreiro de 2016 Pedro Sánchez e Albert Rivera asinaban un programa de goberno “reformista e de progreso” que incluía, no seu artigo 9, a “derrogación inmediata” da prisión permanente revisábel. Dous anos despois o debate voltaba ao Congreso e á rúa: o Goberno de Rajoy inchaba o peito coa medida e propuña ampliala a máis delitos en tanto a oposición puña en andamento unha iniciativa para a súa derrogación. O entón ministro de Xustiza, Rafael Catalá, apelou a unha “demanda social”.

Era febreiro de 2018. O Partido Popular celebrara unha convención en Córdoba para exaltar esta figura legal e apoiar a recollida de asinaturas promovida polas familias de vítimas de asasinatos. “A dor permanente non é revisábel”, dixo Rajoy despois de case dous millóns de persoas teren apoiado na internet o pedido de Rocío Viéitez, nai das dúas nenas asasinadas en Moraña, de que non fose derrogada a medida. As familias de vítimas como Diana Quer, Sandra Pau, Marta del Castillo e Mari Luz Cortés solicitaban no Congreso que non se derrogase a prisión permanente revisábel ao mesmo tempo que aseguraban que “xamais” serían utilizadas polos partidos políticos.

Todo o terramoto lexislativo e parlamentar coincidiu cunha sucesión de noticias e novidades sobre algúns dos crimes que máis atención mediática e política tiñan nesas datas. Os pais de Diana Quer puideron por fin enterrar a filla despois de o seu asasino confesar o crime e o lugar onde escondera o corpo. A Garda Civil achou o corpo do pequeno Gabriel Cruz desaparecido desde había días en Almería e detivo a asasina, a parella do pai. Nesa altura, Cidadáns pasara de comprometerse coa súa derrogación a pedir o seu endurecemento e a oposición acusou o partido de Albert Rivera e o PP de instrumentalizar estes casos para tentar dar unha nova reviravolta á prisión permanente revisábel. Familiares de vítimas de asasinatos observaron as votacións sobre este asunto desde o estrado do Congreso.

Foi pouco despois cando o escenario político mudou. A moción de censura sacou Rajoy da Moncloa e Pedro Sánchez converteuse en presidente. Tanto a posíbel ampliación como a derrogación da prisión permanente ficaron no tinteiro. En outubro de 2018, tal e como explicou elDiario.es, o Goberno socialista renunciou a derrogar esta figura legal até o Tribunal Constitucional se pronunciar sobre o recurso. Así o comunicou a nova ministra de Xustiza, Dolores Delgado, á nai de Diana Quer e así ficou o asunto desde ese momento. A derrogación ficou fóra tamén do pacto de Goberno asinado en 2019 entre PSOE e Unidas Podemos para establecer a coalición.

O pai de Diana Quer leva ao Congreso 3 millóns de asinaturas pola prisión permanente
A prisión permanente revisábel naceu, avanzou e afianzouse, portanto, ao compaso de terribeis crimes, violacións e asasinatos de xovens e crianzas que conmocionaron a opinión pública e que foron levados ás institucións polo Partido Popular e posteriormente tamén Ciudadanos. Entretanto, no mundo xudicial, a súa aplicación avanzaba sen grandes complicacións. O Tribunal Supremo confirmaba condenas de prisión permanente revisábel para criminais como o asasino do cuádruplo crime de Pioz, para a asasina do neno Gabriel e para o asasino da xoven Diana Quer, entre outros moitos casos. O último foi sentenciado en firme hai uns días: unha parella da localidade tinerfeña de La Matanza de Acentejo que en 2018 asasinou o bebé dela.

O Tribunal Supremo tivo dúbidas nun primeiro momento sobre a aplicación e necesitou estudar varios casos para decidir se era legal ou non impor prisión permanente revisábel a asasinos cuxas vítimas fosen especialmente vulnerabeis. Nun primeiro momento os xuíces anularon a condena deste estilo imposta a un home que asasinou un ancián en Icod de los Vinos (Tenerife) ao entender que era castigado dúas veces pola vulnerabilidade da vítima. Posteriormente o Supremo consolidou un criterio diferente iniciado co caso dunha bebé asasinada en Vitoria e achoulle pleno encadramento xurídico ao condenar a tres prisións permanentes revisabeis o asasino de Pioz.

O Tribunal Constitucional
A prisión permanente revisábel terminou desaparecendo do debate público e político, aplicada pacíficamente polos tribunais e deixada ao lado como arma arreboladiza dos partidos. Até que hai uns días o Tribunal Constitucional dixo a última palabra xudicial e rexeitou o recurso do PSOE. Un pleno dividido con sete maxistrados a favor e tres en contra avalou a constitucionalidade da medida ao entender que nin impide a reinserción dos presos nin supón unha condena desproporcionada. Os tres maxistrados discrepantes entenden, por contra, que supón un retroceso centenario na política criminal do noso país.

No ámbito xudiciario o debate está fechado: a prisión permanente revisábel é legal e cumpre coa Constitución. No plano político resta por ver se o PSOE deixa ir a súa intención inicial de derrogar unha medida, que foi gañando respaldo social a medida que os crimes ocupaban máis espazo nas grellas televisivas (algunha enquisa cifrou o seu respaldo no 82%) ou se opta por algún tipo de reforma intermedia. Nos últimos dous anos socios do Goberno de coalición, encabezados polo PNV, insistiron na necesidade de derrogar esta medida. Fixérono, mesmo, despois de ser coñecida a decisión do Tribunal Constitucional en declaracións á axencia EuropaPress. Juan Carlos Quer, pai de Diana Quer, asasinada en Galiza no verán de 2016, pediu publicamente que non sexa derrogada despois de recibir o aval do tribunal de garantías.

elDiario.es