A tentativa de incriminar o avogado Gonzalo Boye por un delito de lavaxe de diñeiro provocou unha contundente reacción do letrado xunto con catro asociacións que forman parte da Coordenadora de Avogados de Catalunya. A resposta chegou en forma de querela perante o Tribunal Supremo por un delito de encubrimento de asasinato contra a xuíza María Tardón, a letrada Ángeles Monedero e o procuador da Procuradoría Especial Anti-droga Ignacio Miguel de Lucas. Así mesmo, atribúese á xuíza Tardón un delito de prevaricación. A querela, impulsionada polas asociacións de avogados de Osona, Maresme, Tortosa e Tarragona, está defendida por 44 avogados xunto co mesmo Boye.
Segundo o texto da querela, tanto a xuíza Tardón como o procurador Lucas aproveitáronse dos seus cargos para prexudicar gravemente o avogado, responsábel da defensa dunha parte importante dos políticos independentistas, entre eles Carles Puigdemont. O obxectivo era procesalo por un delito de falsidade documental e lavaxe de diñeiro do narcotráfico.
Estas acusacións foron baseadas na declaración dunha testemuña do suposto caso de lavaxe, Andrés Pontes Saavedra, que despois de incriminar Boye foi excarcerado. Pontes conseguiu saír da prisión apesar dos indicios que o implican nun asasinato en Colombia no 2018 doutro dos investigados, Santiago Quintero Marín.
O procurador Ignacio de Lucas informou favorabelmente á saída da prisión de Pontes, aínda que el mesmo pedira cinco meses atrás que fose informada Procuradoría sobre a “significativa participación” de Pontes no asasinato e sabendo da existencia doutras dúas causas penais contra esta testemuña.
Ante o informe favorábel do procurador ditouse liberdade provisoria de Pontes, sen comunicar ás autoridades colombianas os indicios sobre a súa participación nun asasinato que, por outra parte, compete ás autoridades españolas, dado que foi organizado en Madrid e tanto a vítima como o suposto autor vivían alí.
Os querelantes denuncian que durante dous anos nin a xuíza Tardón nin o procurador Lucas se interesaron en propiciar a investigación do asasinato. De feito, acúsanos de o encubrir para protexeren o investigado en troca de prexudicaren gravemente a Boye.
Auxilio da letrada
Polo que respecta á letrada Ángeles Monedero, responsabilízana de auxiliar a xuíza e o procurador para cometer este delito, alén de “recusar obcecadamente” até tres veces cumprir a obrigación de certificar que, tal como establece a lei, se informou ás autoridades colombianas sobre a participación de Puentes no asasinato de Quintero.
Todo iso constituiría, en opinión dos querelantes, un delito de encubrimento de asasinato, cun “favorecimiento persoal agravado por obrar en abuso das funcións públicas”.
Prevaricación de Tardón
Así mesmo, atribúen á xuíza Tardón un delito de prevaricación, polas resolucións de outubro de 2019 para acordar a entrada e inspección do domicilio particular e profesional de Boye, así como de decembro do 2010 que levanta o segredo sobre o contido do seu teléfono móbel e os correos electrónicos, con grande afectación á súa vida persoal e profesional.
Arguméntase que aquelas inspeccíons foron baseadas na declaración falsa de Puentes coa ameaza, caso non colaborar, de ser enviado a Colombia para ser investigado pola súa implicación no asasinato.
Criminalización arbitraria
O texto denuncia que foron ditadas resolucións inxustas sabendo que o eran, ao dar credibilidade á declaración dun investigado que obtivo a liberdade despois de incriminar o avogado alén da impunidade ante un posíbel asasinato. Todo apesar de os xeolocalizadores dos teléfonos, que forman parte do sumario da causa, desmentiren a veracidade do relato da testemuña sobre supostas reunións que se terían celebrado no despacho de Boye e que supostamente o incriminarían.
A querela denuncia que a xuíza “criminaliza arbitrariamente o traballo de defensa do letrado Gonzalo Boye, perseguindo, con isto, un enorme prexuízo persoal, profesional e reputacional, alén de socavar as bases democráticas en que se fundamenta o traballo de defensa”.
Delito de revelación de segredos
Finalmente, engádese a posíbel comisión dun delito de revelación de segredos por parte do funcionario ou autoridade pública, dado que Tardón accedeu ilicitamente a datos que afectan o traballo de defensa do avogado.
Neste punto, ponse o acento tónico na relevancia de causas que ten nas súas mans este letrado, como é a defensa dos membros do Govern no exilio, Carles Puigdemont, Toni Comín, Clara Ponsatí e Lluís Puig, e que se seguen en Bélxica, ante o Tribunal de Xustiza da UE e no mesmo Tribunal Supremo.
“Como na Turquía”
Através dun comunicado, a Coordenadora da Avogacía de Catalunya lembra que o dereito á defensa está recoñecido na Constitución como dereito fundamental, así como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os tratados internacionais.
“Consecuentemente, as avogadas e avogados temos que exercer a profesión libre e independentemente”, reclaman, alén de advertir que hoxe quen sofre o ataque é Boye, “que foi investigado con total falta de elementos probatorios tal como vén acontecendo na Turquía onde máis de 1.500 avogados defensores con transfondo político foron procesados os últimos 5 anos e foron equiparados a grupos terroristas”.
Marta Lasalas