Máis de 170 organizacións de dereitos humanos e colectivos sociais peden ao Goberno de coalición que cumpra a súa promesa e derrogue a Lei de Seguranza Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, utilizada no estado de alarma para impor propostas de sanción a un millón de persoas.

 

Policía Madrid Coronavirus

 

O 30 de marzo de 2015 foi aprobada e o 1 de xullo daquel ano entrou en vigor. A Lei de Seguranza Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, leva cinco anos no ordenamento xurídico español e sobreviviu a catro campañas electorais, en que as promesas de reforma ou derrogación estiveron sempre presentes.

Lonxe de cumprir con esas promesas, a Lei Mordaza foi utilizada polo Goberno durante o estado de alarma como base xurídica para impor propostas de sanción a un millón de persoas.

No acordo programático de Goberno, PSOE e Unidas Podemos comprometíanse a aprobar ‘logo que posíbel’ unha lei que substituíse á Lei Mordaza ‘para garantir o exercicio do dereito á liberdade de expresión e reunión pacífica’. Mais até agora pouco se avanzou.

Após cinco anos da súa entrada en vigor, ‘a Lei Mordaza sobrevive sen problema’, denuncia a coalición formada por Amnistía Internacional, Non Somos Delito, Defender Quen Defende, a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información, a Coordenadora de ONG de Desenvolvemento de España e Greenpeace. Nun manifesto asinado por outras 170 organizacións, sinalan que desde a aprobación da Lei de Seguranza Cidadá ‘os dereitos á liberdade de expresión, reunión pacífica, información e manifestación, sufriron un claro retroceso’.

No caso das denuncias e sancións durante o estado de alarma, estas organizacións poñen en dúbida que ese encadramento xurídico garanta ‘os criterios de necesidade e proporcionalidade que indican os estándares internacionais’. Unha afirmación confirmada en centenares de vídeos e noticias de abusos policiais.

 

 

 

‘Cada ano que pasou coa Lei Mordaza en vigor lembramos a necesidade urxente de reformala, para ter no seu lugar unha nova lexislación en liña cos estándares internacionais de dereitos humanos. E nos últimos anos reclamamos a necesidade de que o Goberno cumpra o que tantas veces prometeu facer’, denuncian nesta carta aberta.

 

“Será coa presión cidadá, de organizacións e colectivos como conseguiremos que dunha vez por todas este quinto aniversario da Lei Mordaza sexa de verdade o último”

Nun apelo a outras organizacións sociais para que adhiran á campaña, reivindican a acción colectiva para acabar con esta medida aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy: ‘Será coa presión cidadá, de organizacións e colectivos como conseguiremos que dunha vez por todas este quinto aniversario da Lei Mordaza sexa de verdade o último’.

Nos seu cinco anos de historia, a Lei Mordaza tivo dous pontos altos: as mobilizacións que seguiron ao referendo do 1 de outubro en Catalunya e o estado de alarma provocado pola crise do covid-19. Entre o 1 de xullo de 2015 e o 31 de decembro de 2018, os diferentes corpos policiais abriron 765.416 expedientes sancionadores, cos que o Estado arrecadou 415,5 millóns de euros. O Ministerio do Interior aínda non fixo público os datos dos anos máis recentes.

 

Greenpeace cualifica a Lei Mordaza ‘como o maior corte de liberdades da historia democrática do noso país’, xa que considera o protesto pacífico ‘como unha ameaza’

 

O uso político da Lei Mordaza para sancionar distintos tipos de disidencia pacífica e usos da liberdade de expresión foi criticado por diferentes organizacións internacionais de dereitos humanos. Greenpeace cualifícao ‘como o maior corte de liberdades da historia democrática do noso país’ ao considerar ‘o protesto pacífico como unha ameaza e non como unha parte consustancial á convivencia democrática’.

 

 

Para Amnistía Internacional, a Lei Mordaza foi utilizada no estado de alarma para sancionar ‘de maneira arbitraria’ millares de persoas sen ‘observar os criterios de necesidade e proporcionalidade que indican os estándares internacionais’ de dereitos humanos. ‘Ao saíres á rúa, non tiveche algunha vez a sensación, ao topares coa policía, de non saber como vai actuar contigo? Preguntáchesche se apesar de cumprires coas normas poderías ser a próxima persoa en unirse ao clube do millón de sancións xa propostas?’, pregunta AI.

A ‘auténtica seguranza cidadá’, tal como demostra a recente crise da covid-19, sosteñen desde esta organización ecoloxista, ‘ten máis a ver con outros aspectos, como poder ser o acceso a servizos públicos de calidade ou a ter cubertas as necesidades básicas. Por iso resultan tan necesarias as voces críticas que saen ás rúas a sinalar as fraquezas do noso actual sistema e a esixir medidas de xustiza social e ambiental’.

 

“Ao saíres á rúa, nunca te preguntache se apesar de cumprires coas normas poderías ser a próxima persoa en unirse ao clube do millón de sancións xa propostas?”, pregunta Amnistía Internacional”

Non Somos Delito, unha das plataformas que liderou a loita contra a Lei Mordaza, considera que coa Lei de Seguranza Cidadá, aprobada nun contexto de mobilización cidadá herdado do 15M, ‘se avanzou na dirección errónea reducindo o espazo cívico, pondo en risco o exercicio dos dereitos á liberdade de expresión, reunión pacífica e información, aumentando as sancións a formas lexítimas de protesto, así como o montante doutras sancións xa existentes’.

Moitas destas sancións, afirman membros desta asociación, producíronse en contextos de protestos pacíficos, por exercer a liberdade de expresión ou o dereito de información en aplicación dunha lei que ‘ampliaba os poderes da policía sen establecer por súa vez mecanismos independentes de control policial e rendición de contas’. A Lei Mordaza, xunto coa contemporánea reforma do Código Penal, tiveron un ‘impacto preocupante no dereito á liberdade de expresión’, segundo afirma esta plataforma: ‘A posibilidade de ser multado, inhabilitado para empregos públicos e mesmo ser enviado a prisión, está a ter unha consecuencia clara: unha autocensura cada vez maior e, en xeral, un efecto inhibitorio na liberdade de expresión en España’.

Apesar de a maioría dos grupos parlamentares, lembran desde Non Somos Delito, ‘se teren comprometido a reformala’, a Lei Mordaza continúa intacta

Apesar de a maioría dos grupos parlamentares, lembran desde Non Somos Delito, ‘se teren comprometido a reformala’ e a pesar de o Congreso ter aprobado en novembro de 2016 e xaneiro de 2017 promover dúas propostas de reforma da Lei de Protección da Segurunza Cidadá, a Lei Mordaza segue intacta.

O 15 de marzo, un día despois do inicio do estado de alarma, The New York Times preguntou ao ministro Fernando Grande-Marlaska sobre a promesa de derrogar a Lei Mordaza. ‘Non é o momento’, respondeu este.

El Salto Diario