Nos depoimentos dos 24 policías chamados a declarar polas agresións a votantes no 1-O hai de todo. Uns alegan escusas inverosímeis, outros criminalizan as vítimas ou deitan dúbidas sobre a veracidade dos feitos grabados. Hai quen non recoñece a súa propia imaxe ou di ignorar que mandos daban as ordes, etc.

O xefe do dispositivo da policía española que actuou na escola Mediterrània no 1-O, por exemplo, puxo en dúbida diante do xuiz que algunhas persoas tivesen sido realmente feridas e que o sangue que se ve nas imaxes fose real. Fíxoo en resposta a preguntas do maxistrado, despois de afirmar que non vía exceso ningún na actuación da policía nin lle parecía estraño que os axentes batesen coa porra na cabeza algunhas persoas. De feito, concluiu, iso é habitual nalgúns casos.

Entre as persoas que este mando policial dixo considerar sospeitosas de finxir está unha muller cuxa imaxe deu a volta ao mundo. É a votante a quen se ve correr o sangue pola cara despois de recibir un golpe de porra na cabeza. O inspector referiuse a esta imaxe como “suposto sangue”, e para que non houbese dúbida acrecentou: “pode ser pintura vermella”.

Outro inspector explicou que el deu unha única instrución previa: se os axentes sob o seu mando non podían realizar o labor que tiñan encomendado, a consigna era cargar. Tamén explicou que non lles facía falta ningunha orde específica para tirar de porra e xustificou a carga pola “actitude hostil” dos manifestantes.

Un subinspector acusado dun golpe de porra nesa carga non se recoñeceu nas imaxes e afirmou que o CNP non ten normativa para a utilización da porra. Apesar de os protocolos policiais determinaren que os golpes non poden darse en ningún caso na parte superior do corpo (de cintura para arriba) e prohibiren bater na cabeza. Extremo que este subinspector ignora e nega.

“Enfrontabámonos a un muro humano que impedía a actuación policial. Señoría, déronse golpes con paraugas”, dixo un subinspector para xustificar a forza con que actuou a policía na escola Mediterrània. Ao que o xuíz respondeu: “Eu non vexo paraugas”, cando ambos visionaban as imaxes das cargas onde se ven actuacións concretas dos policías investigados.

A maioría das imaxes foron achegadas polas acusacións, que representan a parte dos feridos nas cargas, mais tamén as hai da propia policía. Son imaxes gravadas polas cámaras que levan os axentes no peito e no capacete. Imaxes que chegaron ao xuiz previamente seleccionadas, editadas, non a secuencia enteira. Un feito que o xuíz reprochou aos policías e que os avogados denuncian como obstrución á xustiza.

Catro policías que tamén pasaron pola Ciutat de la Justicia -dous deles mandos, un inspector e un subinspector que estiveron nas cargas das Escoles Pés, Mediterrània e o instituto Pau Claris- non foron capaces de explicar quen daba as ordes e non concretaron que recibisen ningunha directriz directa para cargar.

 

Outros catro axentes investigados xustificaron diante do xuiz o uso de bolas de goma polo “odio extremo” dos votantes. Os axentes participaron no dispositivo da escola Ramon Llull e son investigados por disparar ese tipo de proxéctil -prohibido en Catalunya- na carga que custou a Roger Español a perda dun ollo. Por estes feitos son investigados once policías e dous mandos.

Os catro axentes admitiron ter disparado polo menos catro bolas de goma -unha cada un como mínimo e nun dos casos dúas- mais tamén aseguraron que o fixeron por orde expresa do seu superior -un inspector tamén investigado- e sempre cumprindo o protocolo, a medida que se retiraban e sempre apuntando a terra, apesar de as imaxes do momento contradiciren esta versión, xa que se ven disparos cando os votantes están sentados no chan e en ángulo recto.

Para xustificaren o uso de bolas de goma os policías falaron tamén de “hostilidade” e de “asedio” dos votantes e aseguraron ao xuiz que estes atiraban pedras, moedas e todo tipo de obxectos ou que tentaban bater nos axentes con paraugas. “Eu nunca tal vira”, tería dito un dos axentes ao xuiz.

Identificado o autor do disparo que impactou en Roger Español

As acusacións teñen identificado o axente autor do disparo que impactou en Roger Español, mais descoñecen o número de identificación e portanto non poden porlle nome e apelidos. Neste sentido, os axentes non se identificaron nas imaxes, mais si que indicaron a súa posición.

Tamén neste caso, o avogado de dous dos axentes -e doutros catro investigados-, Antonio Suárez-Valdés, puxo en dúbida que Roger Español resultase ferido por unha bola de goma. “Foron lanzados todo tipo de obxectos e puido darlle calquera deles”, dixo o letrado, que explicou tamén que os seus clientes foron “apedrexados” aquel día e que comparecerán como acusación contra Roger Español -a quen o xuiz tamén investiga por atirar unha tranca contra a policía- por atentado contra a autoridade.

O perito do xulgado que analisou os feitos concluiu que foran lanzados 17 destes bolas de goma á zona en que estaba Roger Español cando perdeu o ollo, a maioría a unha distancia de entre 10 e 15 metros, moi por debaixo dos 50 metros que establece o protocolo. 50 metros que só poden ser rebaixados en casos de perigosidade extrema.

Por outra parte, os catro policías explicaron ao xuiz que dispararon unicamente cando se retiraban, sempre seguindo ordes do inspector que ia dicindo cando tiñan que efectuar un tiro de aviso ou salva ou cando tiñan que atirar unha bola, e que sempre o fixeron procurando que a bola rebotase en terra.