O mesmo acontece co feito de asimilar unha mobilización masiva -e pacífica- dos cidadáns ao concepto de alzamento tumultuario ou equiparar a resistencia non violenta -do 20-S e o 1-O- con intimidación. Todo isto “podería supor unha restrición excesiva do dereito de reunión e manifestación” e “comporta un efecto paralisador moi notábel” da cidadanía.

Derrogar o delito de sedición

No apartado de conclusións, o extenso relatorio do Síndic aproveita para suxerir posíbeis saídas ao sarillo actual. A principal, que implicaría unha reforma do Código Penal, pasa pola derrogación do delito de sedición, que é o que levou á prisión nove dos doce líderes independentistas xulgados polo supremo. Así mesmo sitúa a liberdade das persoas presas e a activación dun diálogo “construtivo” entre gobernos como ferramentas imprescindíbeis para a resolución do conflito político. Neste sentido defende que o indulto e a lei de amnistía son dous instrumentos “plenamente constitucionais” para as excarcerar.

Especificamente sobre as persoas condenadas, a análise conclúe tamén que o veredito do Supremo é “desproporcionado” e “podería ter vulnerado dereitos constitucionais”. A comezar, pola asunción inicial do delito de rebelión -que xustificou a prisión provisoria e que finalmente caeu no xulgamento- que “viciou toda a causa”. De feito, o estudo considera que o Supremo non era sequer competente para xulgar o Goberno da Generalitat.

O Síndic fixo chegar o seu relatorio ao Parlament de Catalunya, ás Cortes Xerais, ao Goberno do Estado, á Comisaría Europa dos Dereitos Humanos e á comunidade internacional e defensorías dos dereitos humanos.

Marina Fernández

El Nacional