El Tribunal Constitucional estima parcialmente el recurso del Gobierno  contra el Fuero Nuevo de Navarra

 

José María Brunet

Os maxistrados do Tribunal Constitucional traballan nun proceso de negociación interna para decidir se conceden ou non o aval á reforma lexislativa do Goberno de Mariano Rajoy (PP) que introduciu en 2015 no Código Penal a pena de prisión permanente revisábel. A posibilidade de que se consiga unha ampla maioría -ou mesmo a unanimidade entre os maxistrados- á volta desta figura depende basicamente de que sexa posíbel fechar un acordo sobre os supostos e as condicións e os prazos en que unha condena deste tipo poderá ser efectivamente revisábel.

Os maxistrados discuten sobre se a prisión permanente revisábel debe converterse ou non nunha auténtica prisión perpetua ou de se, mesmo nos casos máis graves, pode ficar aberta a porta para unha eventual reinserción social do reu mediante a revisión da súa condena. En definitiva, que o adxectivo revisábel non sexa un simples acrécimo, senón que os requisitos e garantías esixidos para a revisión do encarceramento indefinido non constitúan un muro intransponíbel..

Na actualidade, todo proceso de revisión da situación do preso debe agardar 25 anos desde a condena. Unha das propostas que se están estudando é poder comezar a analisar a posíbel revisión dunha condena de prisión permanente unha vez decorridos 15 anos.

A diferenza entre os maxistrados dos diferentes sectores é substancial, polo que o previsíbel é que nesta fase previa á discusión no pleno, ou coa deliberación formal xa iniciada, xurdan propostas intermedias para aproximar posicións e lograr unha sentenza cunha maioría o máis folgada posíbel.

Algunhas das cautelas que a minoría progresista do Tribunal Constitucional querería introducir na Lei xa foron obxecto de tratamento pola relatora da resolución, a vicepresidenta do Tribunal Constitucional, Encarnación Roca.

O proxecto de sentenza prevé que se concreten os casos en que o xuíz poderá revogar a suspensión da pena. Este é un punto controverso, porque a actual redacción da lei autoriza á esa suspensión dunha forma moi xenérica, aludindo aos supostos en que poida entenderse que mudaron as ‘circunstancias’ do condenado a prisión permanente.

O bloque progresista insistirá en que sexan especificadas esas ‘circunstancias’, para que non fique tan aberto o precepto, e en mans do xuíz todo tipo de avaliacións que no seu momento poidan dar lugar a todo tipo de polémicas e recursos, mesmo ante o propio Constitucional por suposta vulneración de dereitos.

Segundo fontes do tribunal, se a norma ficase tan aberta poderían darse interpretacións extremas, como que a agudización dun determinado tipo de delitos -de terrorismo, por exemplo- puidese implicar a volta a prisión de persoas que foron condenadas por feitos deste tipo, mais que mostrasen unha evolución positiva do seu comportamento, despois de moitos anos de cumprimento. Hai que ter en conta, neste sentido, que nos casos máis graves, por exemplo de autoría de actos terroristas, a prisión permanente só é revisábel a partir dos 30 ou 35 anos de cumprimento efectivo da pena.

Reinserción social
O previsto na lei é que unha vez completados entre 25 e 35 anos de cárcere, a condena poderá ser revisada con obxecto de verificar se existe unha expectativa razoábel de reinserción social. O xuíz, portanto, poderá analisar se dado ese prognóstico compre manter a situación de cumprimento da pena cada dous anos, xa sexa porque o estime de oficio ou porque o pida o reu. Tamén está previsto que despois de cada solicitude non sexa posíbel repetir a petición durante un ano. O debate parlamentar da reforma legal que conduciu a regular a prisión permanente revisábel xa anticipou algunhas das discusións que comezou a rexistrar o Constitucional sobre esta reforma.

A necesidade de concretar algúns preceptos moi xenéricos ficou de manifesto entón, e como este tipo de obxeccións eran previsibeis, Roca xa incluíu no seu proxecto de sentenza algunhas cautelas, como que pode xustificar que sexa revogada a suspensión da pena de prisión permanente.

Unha causa sería, por exemplo, que interrompese a súa condena condicional por ter voltado a incorrer en accións delituosas, por exemplo. O pacto non depende só da rebaixa do prazo en que poderá ser revisada a situación de prisión. Parte do debate vai centrarse, en definitiva, no encerramento desta operación de concreción de preceptos, para evitar situacións ambiguas susceptibeis de xeraren incerteza xurídica.

Recurso de oito grupos
O recurso contra a introdución da prisión permanente revisábel no Código Penal foi presentado por deputados de diversos grupos, entre os que figuraron o PSOE, EU, IC V-EuiA, CHA, a Esquerda Plural, UPyD, PNV e o Grupo Mixto.

A oposición baseouse en esencia no rigor da reforma. Estes grupos consideraron que a prisión permanente vulnera varios artigos da Constitución. Entre eles, o 15, que prohibe as penas inhumanas; o 17, relativo ao principio de proporcionalidade nas sancións, así como os apartados 1 e 2 do artigo 25 da Carta Magna, ao introducir un tipo de pena non determinada, senón susceptíbel de ser prolongada indefinidamente, e afectar a posibilidade de reinserción social.

En defensa da Lei o PP, que a promoveu durante o Goberno de Mariano Rajoy, en 2015, argumentou entre outras razóns que a prisión permanente sería aplicada nos casos dos delitos de maior gravidade, como os de homicidio do Rei ou o seu herdeiro ou xefes de Estado estranxeiros. Tamén en supostos de asasinatos en serie ou de menores de 16 anos ou persoas de especial vulnerabilidade, así como frente delitos de xenocidio.

Desde a entrada en vigor da lei ningunha instancia xudicial expuxo a cuestión de inconstitucionalidade, que é preciso presentar nos casos en que debendo aplicar unha norma, surxen dúbidas sobre a posibilidade de que iso supoña unha vulneración da Constitución, que neste caso sería por atacar dereitos fundamentais.

A oposición a esta reforma levou a que os autores do recurso pedisen ao Tribunal Constitucional que suspendese a súa aplicación até se resolver sobre o fondo do asunto, mais o tribunal rexeitou esta solicitude.

El País