No 28 de agosto, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou o caso Savva Terentyev v. Rusia avalando a crítica cidadá á institución policial e ás súas actuacións. Esta sentenza supón un punto de inflexión na tendencia xeral á restrición da fiscalización das institucións do Estado por parte da sociedade civil.
En febreiro de 2007, nun contexto de eleccións rexionais, a policía realizou unha entrada e revista na sede dun xornal local, que apoiaba un candidato da oposición. O feito motivou un comunicado de denuncia dunha ONG local de Dereitos Humanos, que desencadeou a publicación de comentarios críticos nalgúns blogs. Entre eles, o dun mozo que publicou un comentario nun blog alleo, para desmarcarse do posicionamento do seu autor, dicindo: [1] “Discrepo da idea de que ‘os oficiais da policía aínda teñen a mentalidade represiva do pau dos que teñen o poder’. En primeiro lugar, non son policías senón chuis; en segundo lugar, a súa mentalidade é incurábel. Un porco sempre será un porco. Quen se fai policía? Só os chulos e os valentóns, os niveis máis baixos e menos educados do mundo animal. Sería xenial se no centro de cada cidade rusa, na praza central, houbese fornos, como en Auschwitz, en que cerimonialmente, cada día, de feito, mellor dúas veces ao día (na tardiña e a medianoite) fosen queimados os chuis infieis. Chuis. Ese sería o primeiro paso para limpar a sociedade do lixo de chuis crápulas”.
Estrasburgo, para resolver o caso, admite que a condena do mozo foi fundamentada nunha lei -o Código Penal- e que perseguía o obxectivo lexítimo de protexer a reputación de terceiros, mais discrepa canto á necesidade e a proporcionalidade da condena. Para dilucidar a lexitimidade das restricións á liberdade de expresión, o Tribunal avoga pola análise conxunta de todos os factores determinantes, como a natureza e a redacción da mensaxe, o contexto, o seu potencial para levar a cabo consecuencias prexudiciais e as razóns dos tribunais nacionais para xustificaren a inxerencia.
O Tribunal admite o carácter vexatorio da linguaxe utilizada polo mozo, e lembra que a linguaxe ofensiva pode ficar fóra da protección da liberdade de expresión se busca denegrir gratuitamente. Mais o uso de frases vulgares, en por si, non determina a consideración como ofensiva dunha mensaxe, xa que esta, pode perseguir un obxectivo estilístico. O estilo, forma parte da comunicación e como tal, está tan protexido como a sustancia mesma das ideas e informacións que se transmiten. Os sentimentos de ofensa, aínda que comprensibeis, non poden establecer os límites á liberdade de expresión.
Estrasburgo considera que o post formaba parte dunha discusión política máis ampla, de indubitábel interese xeral, como era a participación da Policía no silenciamento dos políticos da oposición en contextos electorais. Portanto, o estado ruso tiña unha marxe moi escasa para restrinxila. Desde o emocional, o mozo transmitía a súa desaprobación e o seu rexeitamento polo que entendeu como un abuso de poder por parte da Policía. A modo de crítica mordaz, transmitiu o seu punto de vista sobre os estándares éticos da policía rusa. O Tribunal entende que a referencia á incineración popular dos ‘chuis infieis’, apesar da súa agresividade e hostilidade, constituía unha metáfora provocativa, un símbolo de depuración dos corpos policiais de axentes corruptos, en lugar dunha chamada real a exercer violencia contra os mesmos.
Respecto da mención dos fornos crematorios de Auschwitz, sobre os cales o mozo se desculpou perante as vítimas, o Tribunal reproba a linguaxe virulenta e o ton ofensivo do post, mais entende que non revela unha intención de eloxiar ou xustificar as prácticas nazis. De feito, as sentenzas dos tribunais rusos non mencionaron razón algunha pola que a policía rusa podería verse afectada por esa mención. O Tribunal cita precedentes anteriores sobre a queima de símbolos, como a queima do retrato dos anteriores monarcas no asunto Stern e Taulats v. España alegando, que por si mesma, non podía ser considerada como un acto ilegal, senón como unha expresión de insatisfacción e de protesta.
A sentenza considera que o post do mozo non atacaba persoalmente axentes identificabeis, senón á policía, en tanto que institución pública. O Tribunal reitera que os funcionarios que actúan en cumprimento dunha función oficial, están suxeitos a uns límites máis amplos de crítica. Cando se trata de reaccións a condutas dos funcionarios que se perciben como inxustificabeis ou ilegais, pode estar justificado un certo grao de inmoderación.
En relación aos delitos de odio, o Tribunal nega que os axentes policiais poidan encaixar no concepto de grupo minoritario historicamente oprimido e discriminado, e portanto, necesitado de maior protección. Ao formar parte do Estado, a Policía debería mostrar unha maior tolerancia ao discurso ofensivo, a menos que este teña a capacidade de provocar accións ilegais ou risco de violencia física contra os seus axentes. Iso só podería acontecer en contextos excepcionais, de tensión, conflito armado, motíns carcerarios ou de loita contra o terrorismo. A sentenza recrimina aos tribunais ruso non xustificaren a existencia dese tipo de escenario, nin o potencial do post para xerar un risco real de violencia cara aos axentes policiais, nin o por que esta sería merecedora da protección aumentada inherente á lexislación antidiscriminatoria.
Canto ao impacto do post, o Tribunal relativiza o seu potencial para chegar e influenciar a opinión pública. Este foi publicado no blog dun particular e aínda que permaneceu en liña durante un mes, atraeu moi pouca atención. Foi o xuízo contra o mozo o que disparou o interese mediático do post. Estrasburgo recrimina a Rusia que os seus tribunais non se esforzasen en descubrir que idea tentaba transmitir o mozo, nin xustificasen por que o consideraron como unha ameaza para os fundamentos do sistema constitucional e a seguranza do Estado. Engade que a lexitimidade das condenas de prisión, ditadas no cadro do debate sobre cuestións de interese xeral, é excepcional. O Tribunal conclúe que a interferencia na liberdade de expresión do mozo non era ‘necesaria nunha sociedade democrática’ nin tampouco proporcional e portanto non estaba xustificada.
Veremos como inflúe este precedente na posición da Fiscalía e dos Tribunais do estado español, nos abundantes procesos xudiciais en curso por delitos de odio, calumnias, inxurias, ameazas e provocación de atentado contra os corpos policiais. A inusual abundancia de delitos que poden ser usados para reprimir a crítica aos corpos policiais, así como as súas elevadas penas -que inclúen prisión- sen dúbida, non incentiva a moderación. Urxe unha reconsideración en chave democrática das restricións á liberdade de expresión, sobretodo en materia de crítica ás institucións estatais, se non queremos acabar sendo comparados con Rusia.
eldiario.es, ler orixinal sentenza https://hudoc.echr.coe.int/eng#{%22itemid%22:[%22001-185307%22]}