No pasado 21 de novembro, un axente da Guàrdia Urbana de Barcelona disparou contra un home de 43 anos de nacionalidade húngara que moraba na rúa. Segundo a policía o home levaba un coitelo de grandes dimensións e tentou agredir os axentes. Agora La Directa e Ara publican vídeos que mostran que a versión oficial da policía e o concello é falsa. Na operación participaron 15 axentes.

 

 

 

Documentación gráfica publicada no 24 de novembro pon en causa a versión inicial ofrecida pola Área de Seguranza do Concello de Barcelona e pola Guàrdia Urbana no que di respecto aos acontecementos que levaron a un axente a disparar dous tiros a M.C., un home de 43 anos nacionalidade húngara, o pasado sábado no paseo de Sant Joan, á altura das rúas de Ausiàs March e Casp. A vítima continúa en estado crítico.

O home, que recibiu un disparo no estómago, tiña un brazo enfaixado ao peito, o que -segundo La Directa- xa fora sinalado por un traballador social que atendera o home días antes. Na outra man levaba unha bolsa verde. Albert Batlle, tenente de alcalde de Seguranza no Concello de Barcelona, describiu a secuencia así: “O home atirouse contra os axentes e tentou agredilos”. Así mesmo, fontes da Guàrdia Urbana defenden que a vítima levaba un coitelo de grandes dimensións.

Nunha imaxe conxelada por Ara.cat un dos quince axente implicados nos feitos aparece empuñando unha pistola no momento en que M.C. tenta fuxir. Portanto, o relato de Batlle é máis do que cuestionábel, sinala Ara, xa que o tenente de alcalde asegura que o axente desenfundara a arma regulamentar cando M.C. tentara agredir dous axentes.

Agora os Mossos d’Esquadra investigan a existencia -ou non- do coitelo (navalla noutras versións) e se o home o empuñaba no momento dos feitos ou o levaba amarrado ao corpo ou na bolsa. “As imaxes non mostran que o sen-abrigo manexase un coitelo contra o axente que lle disparou”, sinala o xornal.

Noutro vídeo grabado con telemóbel por unha xovenque circulaba en moto polo paseo de Sant Joan pode verse o home ferido fuxindo dos axentes sen chegar a correr, apenas acelerando o paso e virándose de tanto en tanto, explica La Directa. No momento en que chega a primeira carriña anti-disturbios ouvese un grito: “Tira el arma”. A advertencia foi proferida por un dos policias actuantes, que a maioría das testemuñas consultadas por La Directa identifican co axente que disparou, un membro da Guàrdia Urbana con experiencia e categoría profesional de cabo.

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, manifestou que a actuación da Guàrdia Urbana foi de ‘máxima complexidade’. O Concello confia na investigación dos Mossos e en que a vítima, M.C., poda recuperarse do impacto da bala. “Os nosos servizos xurídicos estarán de ollo nas dilixencias de investigación abertas polo Mossos”, explicou a La Directa, Ferran Busquets, director da Fundació Arrels, que traballa coas persoas sen abrigo. Desde esta Fundación subliñan que a vítima non protagonizara accidentes nin era agresiva, no que coinciden outras testemuñas. “Unha persoa durmindo na rúa non é un problema policial senón un problema social, se se tivese actuado con este criterio, agora esta persoa non estaría en estado grave”, conclúe Busquets.