Edward Snowden publicou un libro intitulado “Vixilancia permanente”. Segundo parece, coas vendas do libro o ex-analista da Axencia de Seguranza Nacional (NSA) obtivo 4.2 millóns de dólares. Mais agora resulta que un tribunal do estado de Virginia ordénalle entregar ao goberno estadunidense o diñeiro.
.
.
.
.
E iso non é todo, xa que o xuiz de distrito Liam O’Grady tamén reclama ao ex-analista a entrega dos beneficios obtidos dos discursos e presentacións que realizou a seguir a publicación do libro, así como de calquera eventual adaptación do mesmo que for realizada no futuro.
O xuiz explicou que a orde se debe a que Snowden era obrigado a presentar o manuscrito ao goberno para que este o revistase, tal como indican os acordos asinados por el cando traballaba para a NSA. Segundo o xuiz O’Grady, Snowden tería incumprido as súas obrigacións contractuais e fiduciarias coa CIA e a NSA ao publicar o libro.

 

Por súa vez, a equipa legal de Snowden asegura que a interpretación do goberno dos acordos asinados polas partes é demasiado ampla e requeriría que todos os antigos altos cargos do goberno tivesen que presentar manuscritos relacionados con calquera asunto de intelixencia durante o resto das súas vidas.

Como é coñecido, actualmente Snowden reside na Rusia. O seu avogado, Ben Wizner, dixo en 2015 que a principal fonte de ingresos do seu cliente son as súas conferencias, que non raro ultrapasan os 10.000 dólares por comparecencia.

Insurgente