O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra ditou a primeira sentenza de Galiza que revoga unha multa por saltar o confinamento após o recente fallo do Tribunal Constitucional que declarou nulas as restricións de circulación do primeiro estado de alarma. Nela, o maxistrado acolleu o recurso interposto contra a Subdelegación do Goberno de Pontevedra por un veciño de Tui sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla. A administración, portanto, deberá devolverlle 300,50 euros, que foi a cantidade que abonou ao acollerse ao desconto por pagamento antecipado.
O xuíz lembra na resolución que a prohibición de circulación establecida no Real Decreto 463/2020, polo que se decretou o estado de alarma, “acaba de ser declarada nula polo Tribunal Constitucional”. Salienta tamén que na sentenza se sinala “con carácter expreso” que esa declaración de nulidade afecta, retroactivamente, as sancións administrativas impostas por incumprir o confinamento.
Neste caso concreto, o recorrente, que estaba nun parque infantil do paseo de Tui ás 18.40 horas do 31 de marzo de 2020, acompañado pola súa filla, foi multado “única e exclusivamente por incumprir, sen causa xustificada, a prohibición de circulación”. O demandante explicou no xulgamento que se viu obrigado a baixar ao parque porque a menor “entrou en estado de ansiedade despois de varios días de encerramento”.
O Estado, segundo a sentenza, solicitou “a suspensión do proceso por descoñecer o contido detallado da sentenza do Tribunal Constitucional, á espera de que sexa publicada no BOE”.
O maxistrado, co todo, entende que non é necesaria esa espera “pola sinxela razón de que no recurso de inconstitucionalidade foi parte o Poder Executivo, representado e defendido polo avogado do Estado, quen recibiu xa a notificación do contido íntegro da sentenza, que se publicou completa hai xa uns días na web oficial”.
Alén do fallo do Tribunal Constitucional, o xuíz advirte que, neste caso, concorre outra causa adicional de anulación da multa, “por infrinxir os principios de legalidade e tipicidade”, pois o recorrente e a súa filla regresaron ao seu domicilio cando llo requiriron os axentes da Garda Civil.
Así, lembra que todos os xulgados contencioso-administrativos da provincia de Pontevedra emitiron “multitude de sentenzas sobre casos análogos” en que anularon as sancións ao non desobedeceren as persoas multadas unha orde directa ditada por un axente da autoridade, senón os mandatos dunha disposición de carácter xeral. Contra a resolución, que impón á Administración do Estado o pagamento das custas do litixio, non cabe interpor recurso.