Na terceira xornada do xuízo contra doce independentistas galegos e as organizacións Causa Galiza e Ceivar que se segue estes días na Audiencia Nacional, escoitáronse hoxe dúas testemuñas chaves: as dos responsábeis directos da elaboración dos informes de intelixencia que dan soporte ás acusacións.

 

 

Tamén declararon outros nove funcionarios e o Fiscal renunciou a outras cinco declaracións. Por parte da defensa dos encausados na operación Jaro (2015) declararon dúas persoas que tomaron parte nas palestras de 2015 previas á celebración do Día da Galiza Combatente -e nas que o Fiscal considera que se produciu enaltecemento do terrorismo-, un asistente á celebración do Día da Galiza Combatente de 2014 e dous compañeiros de Isabel Igrexas no movemento ecoloxista.

Despois de tres sesións, fica claro que o guión do xuízo, no que se colocou na primeira data os testemuños dos doce acusados e, a continuación, as declaracións do equipo investigador e das testemuñas das defensas, non favorece ás teses das defensas mentres cada xornada o Fiscal intenta un golpe de efecto sacando a luz un novo documento co que pretende asentar a idea de que tanto Ceivar como Causa Galiza veñen lexitimando desde hai anos a loita política “por calquera método”.

Pero os fundamentos da acusación continúan parecendo fráxiles, e máis cando as defensas reclaman probas concretas de este e aquel delito. Sucedeu hoxe mentres os responsábeis dos informes insistían en vincular Causa Galiza e Ceivar entre elas e como parte dunha rede de apoio a un grupo terrorista (Resistencia Galega) cuxa existencia, no día de hoxe, quedaba demostrada, segundo os investigadores, pola continuidade das organizacións terroristas na Galiza: se primeiro foi LAR e despois o Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive, agora ese papel de brazo armado corresponde a Resistencia Galega que “até o verán de 2019 -cando foron detidos os seus principais líderes- tiña plena capacidade operativa, malia a desarticulación de comandos e ás súas dificultades para captar xente moza”, explicou o director da investigación, que asumiu esa responsabilidade o 30 de outubro de 2015 (despois de terse producido as detencións da operación Jaro) e cuxas análises deron lugar a operación Jaro II (dous anos máis tarde).

Os momentos máis tensos desde que empezou a vista vivíronse esta mañá durante as declaracións dos analistas. A Garda Civil mantén que os vínculos entre Causa Galiza e Ceivar están nunha “proposta para crear un coordinadora independentista” que organizaría as accións do “conglomerado” de apoio o terrorismo e que se estaba preparando no 2015, cando se activou a operación Jaro. A dobre militancia simultánea de membros de Ceivar e Causa Galiza -circunstancia que tampouco quedou acreditada polas testemuñas na sala, que se remitiron continuamente os informes- indicaría que existiu o “entramado” que describen os investigadores: Causa Galiza, como “aparato lexitimador”, e Ceivar, como “ferramenta de control do colectivo de presos”.

Mais faltaba a proba material, e cando as defensas interrogaron o segundo dos analistas polo vínculo concreto entre estas organizacións entre si e coa suposta banda terrorista Resistencia Galega, este volveu sinalar o proxecto de coordinadora. A proba, máis unha vez, sería unha intención que a investigación de intelixencia deduce. Os analistas levan anos coas lentes de ver todo es ETA e así seguen, malia que o seu obxecto de interese se desloque ao noroeste.

O xuíz toma partido

Despois de dúas xornadas nas que Félix Alfonso Guevara parecía ter disipado todos os temores cos que chegaban as defensas á vista, esta cuarta feira o presidente do Tribunal pareceu tomar partido na protección das testemuñas da acusación e o control celoso das preguntas das defensas. O xuíz actuou súbito cando o letrado Manuel Chao preguntou ao director da investigación polos medios concretos de loita ilegal que propuñan as organizacións procesadas na documentación que estudou. O investigador apenas acertou a responder: “Podo imaxinalos”. Diante da insistencia do avogado, o xuíz chamoulle a atención e esixiulle que nin lanzase advertencias á testemuña nin teimase en repetir o que a testemuña acaba de declarar, “porque encima repite mal”. No turno do defensor dos activistas de Ceivar, Brais González, o xuíz volveu cortar o interrogatorio do letrado cando este preguntaba ao investigador se coñecía os feitos do 2008 e de 2011 -anteriores a que el asumise a dirección da investigación- ou se podía explicar quen traducira os textos do portugués que contiñan os dous informes que asina e cal era a cualificación desa persoa. “Impertinente!”, cortou o xuíz Guevara nas dúas ocasións.

 

Guevara actuou con rigor coas defensas e consentiu expresións fóra de ton das testemuñas. Mais, sobre todo, evitou que as defensas afondasen en determinadas cuestións

 

Porén, as defensas conseguiron mostrar as costuras da acusación. No caso de Ceivar, por exemplo, cando o avogado González concatenou unha serie de preguntas sobre algunha proba concreta de apoloxía do terrorismo nos documentos ocupados aos seus defendidos. “Hai algún documento público no que Ceivar lexitime a loita armada?”. “Ningún”, respondeu o investigador principal. “Nos documentos ocupados a Uxío Caamaño, lexitímase a loita armada?”. “Non”. “Nos ocupados a Afonso Fuentes?”. “Non”. “Nos de Iria Calvelo”. “Non”. “Sabe quen elabora os documentos de Ceivar do 2003?”. “Non”. “Coñece as teses actuais de Ceivar?”. “Non, non imos ter toda a documentación; sempre será parcial...”. “No acto de recibimento a Uxío Caamaño no 2008, cales foron as expresións de enaltecemento, porque no informe non constan?”. “Se non se refiren, non as houbo”… Até aquí aguantou o xuíz. Cando o letrado quixo preguntar por esas expresións concretas, coñecer o feito preciso do delito, Guevara interrompeu o interrogatorio. Protestou González. “A testemuña analisa documentos, máis nada”, cortou o xuíz. Foi a primeira das protestas do avogado.

Despois González quixo saber se o investigador principal coñecía referencias aos “perseguidos” nos actos que eran obxecto de xuízo. O informe sinala que no recibimento a Uxío e Xiana en novembro de 2008 houbo referencias “implícitas” a Antón Matos e a Asunción Losada -detidos o ano pasado-. González preguntoulle porque chegaran á convicción de que a referencia a Losada podía constituír o delito se naquela altura a aludida carecía de antecedentes penais. “Porque estaba fuxida”, respondeu o investigador. “De que fuxía, se non tiña antecedente?”. Aquí volveu aparecer o xuíz para cortar o avance no interrogatorio. Segunda protesta de González. “O acto en si é o delito”, apuntou a testemuña.

“Vostedes, que crean organizacións alegais!”

O segundo dos analistas trazou o mesmo debuxo do independentismo “radical” galego, segundo a denominación empregada pola intelixencia da Garda Civil que estableceu as bases para a acusación. Dixo que o seu labor nas pescudas foi “a interpretación de documentos literais” e serviu para determinar que Causa Galiza “lexitimaba a loita por medios legais e alegais” e Ceivar desenvolvía unha “solidariedade interesada” para controlar o colectivo de presos. Tamén definiu a continuidade entre organizacións de loita armada nos últimos corenta anos no ámbito galego, en base a que “o obxectivo e o ideario é o mesmo, mesmo as persoas. Tamén sinalou a “multimiltancia” como argumento da existencia dun “entramado” ao redor de Resistencia Galega e afirmou que nos actos analisados por el (a través de documentos) eran presentadas persoas acusadas de terrorismo ou falecidas en accións terroristas como “exemplo de presente e futuro”, repetindo as palabras do Fiscal, algo no que o xuíz non topou reparo algún.

Cando o avogado defensor Manuel Chao o interpelou sobre o material documental concreto que levou aos investigadores a fixar a súa atención nuns participantes en palestras e actos do Día da Galiza Combatente e noutros non, respondeu que non lembraba os discursos de todos mais entende “que falaría diso porque nos carteis que anunciaban os actos e nas publicacións en redes sociais se facía alusión a aqueles exemplos de presente e futuro… Chao insistiu: “por que esas persoas e non outras?”. “Esa parte do informe non era o meu traballo”. O xuíz volveu intervir: “Deixen de preguntar por cuestións que non se topan no informe”. O defensor quixo replicar, mais o maxistrado foi rotundo.

O analista perdeu os papeis na seguinte reposta. Preguntaba Chao polos membros de Causa Galiza que tiveron relación con Resistencia Galega. “Non o sei… é imposíbel sabelo. Coas organizacións alegais que vostedes crean, coas estruturas opacas de vostedes!”. Protestou Brais González por esa referencia aos avogados. O xuíz recriminoulle a protesta. “Non se estaba a referir aos avogados!”. Continuo o interrogatorio. “Coñece a relación dos acusados con Resistencia Galega?”, preguntou Chao. “Naquel momento non se podía demostrar, non llo podo contestar”. O letrado intentou ir nome a nome. O xuíz interrompe. Quenda de Brais González: “Aparece a frase “toda clase de lucha” en documentos posteriores ao que vostede analisa no informe, dígollo por se sabe se esa tese segue vixente?”. “Non o sei”. “Comprobaron a vixencia dese documento?”. “Non”. O xuíz interrompeu de novo: “Están a ver que collen!”. E máis adiante, con maior vehemencia: “Este tío [en referencia á testemuña] non está para ditar sentenza. El di, aquí hai un cartel e punto. A sentenza é cousa miña”. O cartel en cuestión rezaba: “Liberdade para os presos independentistas”.

Sobre estas bases levantouse a investigación. Más alá da fraxilidade (vista desde fóra das lóxicas da Audiencia Nacional, da Fiscalía e das Forzas de Corpos do Estado) o proceso parece cheo de obstáculos para as defensas.
Os analistas convocados a ofrecer testemuño non responden sobre os informes anteriores (o analista que redactou eses informes xa compareceu), a investigación está parcelada de tal maneira que na vista oral poden porse de manifesto contradicións, mais sempre son “culpa” doutro. E as propias, non son asumidas polas testemuñas.

Por exemplo, o avogado Guillermo Presa, que defende Causa Galiza, sinalou que unha das convocatorias dun dos actos polo Día da Galiza Combatente está feita por unha comisión e non directamente por Causa Galiza. “Será un erro tipográfico”, resolveu o investigador principal. Tampouco están conseguindo as defensas determinar porque os investigadores puxeron o foco en nove persoas concretas (os acusados pola Jaro) e, anos máis tarde, noutras tres (na Jaro II) cando nos actos polos que se sentan no banco tomaron parte moitas outras. As defensas están intentando desmontar acusacións concretas a base de chegar o detalle dos feitos e quen estableceu eses feitos nos informes de intelixencia. Mais tópanse cun muro na estrutura da investigación: “eu non estiven alí, non presencie eses feitos, non escoitei...” é a resposta corrente.

O proceso dilátase. Vai cara a cuarta xornada. Moitas das testemuñas de hoxe estiveron na sala para dicir onde tivera lugar a descarga de datos ou simplesmente para confirmar a súa participación nunha tarefa como esa. O xuíz escoita paciente o Fiscal, pero perde rápido a calma coas defensas. Onte foi a tradutora, hoxe tocou a dous dos avogados das defensas. O xuíz impón a súa autoridade e parece ter presa por resolver un trámite na sala. Apenas toma nota do que se di, e son continuadas as súas referencias a que o importante para a ditar sentenza é a lectura dos informes.

As testemuñas da defensas

Esta cuarta puideron escoitarse na sala os testemuños de dous compañeiros de Isabel Igrexas no movemento ecoloxista que deron algunhas razóns polas que Igrexas non podía pertencer a Causa Galiza, xa que milita en Verdegaia e esta asociación restrinxe a participación dos seus cargos noutras asociacións. Tamén unha das testemuñas manifestou que Igrexas non tomou parte nunha palestra en 2015 que foi investigada, como sostén o escrito de acusación. Declararon un historiador e un politólogo, Xesús e Francisco, que explicaron a súa participación nas palestras de 2014 e 2015 previas á celebración da Galiza Combatente. Xesús manifestou que no 2014 deu unha conferencia en Compostela na que fixo mención a Pardo de Cela e os Mártires de Carral, entre outros fitos, e que ningún dos que falaron fixo mención ningunha a Lola e Xosé (falecidos na explosión dunha bomba que manipulaban na discoteca Clangor) e, segundo o Fiscal, orixe da celebración do Día da Galiza Mártir. O politólogo explicou que a data do 11 de outubro como festa de memoria galega refírese en realidade ao ano 1072, cando o rei García foi derrotado no intento de recuperar o seu reino.

O xuízo continúa esta quinta feira na Sección Terceira do Penal da Audiencia Nacional.

EsCULcA